mércores, 29 de outubro de 2014

CONMEMORACIÓNS

CONMEMORACIÓNS

“AbPharousqueadPharumBrigantium”
A creación da Biblioteca de Alexandría débese en parte ao impulso de Alexandre Magno, aínda que a súa posta en marcha non se dá ata comenzos do século III a.C. cos Ptolomeos I e II.
Alexandre formárase da man de Aristóteles en moral, bioloxía, drama, lóxica e estética. Despois das súas conquistas ansiou que o seu legado fora identificado coa cultura, non coa guerra, respondendo así á concepción helenística do mundo.
A antiga Alexandría, ao Norte de Exipto, situada nun lado do Delta do Nilo (arteria principal de África), rodeada de auga, ten un gran porto. Na illa de Pharo érguese unha das sete marabillas do Mundo, o Faro de Alexandría, resplandor que se podía ollar a 50 km de distancia. Alexandría, da man da súa magna biblioteca era un fito illado, pero liberado e liberador, nunha urbe que respira frescura de pensamento.
Será o xerme da Proto-Universidade, centro de investigación e de debate da man do matemático Arquímedes e Apolonio, o poeta. Alí fanse as primeiras trazas cartográficas do mundo.
Esta realidade supón unha paréntese no mundo no que prevalece o bélico e o poder temporal.
O 24 de outubro, Día da Biblioteca (desde 1997), en vésperas da maioría de idade, ha de ser unha conmemoración pacífica pero non illada. Ha de ser sinal de que sabemos vivir na universidade da vida, case que 24 séculos despois da posta en marcha da Biblioteca de Alexandría. Non ha de ser un feito illado, insistimos,  ha de ir da man do exercicio da lectura e por extensión do coñecemento:
-Coñecemento para ser capaces de labrar as nosas diferenzas en base ao respecto e ao diálogo.
-Coñecemento para aprender de desafortunadas experiencias pretéritas.
-Coñecemento para aprender da diversidade cultural e de pensamento para acadar o máximo expoñente intercultural, como sinal de progreso.
-Coñecemento para aprender a valorar o propio, fundamento da nosa identidade.
Coñecemento para trazar pontes, atravesar montañas, cruzar mares e océanos, salvar ríos a poder dunha lectura repousada e interiorizada, de aprender a saber estar.
Cadaquén ha de ser dono do seu rumbo nesta singradura, na vida. As cartas naúticas e os libros son os alicerces do noso percorrido intelectual, imaxinario, pero ao fin e ao cabo real.
Agardámoste en calquera recanto do saber, non importa o idioma nin o soporte, anque si como pitos acubillados e alumeados polo noso Faro, a romana Torre de Hércules, emparentada co Faro de Alexandría.
(Antonio Fondo Rodríguez, bibliotecario do IES P. 'Eusebio da Guarda', da Coruña)
 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario