domingo, 27 de marzo de 2022

Un filme clásico, baseado nunha novela, cada semana, ou cada mes..."Sendeiros de Gloria".


 Vexo de novo,  oportunamente emitido, por desgraza, na televisión, "Sendeiros de Gloria", filme "bélico" que vin cando se estreou,  en 1986, recén levantada a prohibición de proxectalo (parece que a película resultou incómoda en varios países europeos, entre eles o noso), e que, pese a que as películas "de guerra" non me gustan, me conmoveu no seu día e volve facelo hoxe. 

O filme, que reflicte, parece, feitos reais, mostra non só o drama da guerra, neste caso para os que a fan por obrigación, os soldados, senón tamén a miseria moral  dos que pretenden trazar eses sendeiros de gloria aos que ironicamente se refire o título, por motivos case nunca éticos, levando por diante vidas humanas que nada lles importan; algún deles, por unha xustiza poética que poucas veces  se dá na realidade, acaba pagando un prezo polo seu proceder.

A película é breve, directa; contén escenas moi duras (a do fusilamento, por exemplo, non pode verse sen sentir arrepíos), pero o máis duro, na miña opinión, é o retrato dos mandos militares, que representan o peor da condición humana: a guerra é, para eles, unha partida que hai que gañar, ao custo que sexa (excepción, o Coronel Dax, personaxe íntegro, a única luz en medio do horror). Terrible.

                                                                                                            S.P.

domingo, 13 de marzo de 2022

Unha serie cada semana...ou cada mes..."La esclava blanca"


 Trátase duns escravos que tiña unha familia, e entre eles estaba unha nena branca. Co tempo, casa cun branco e ten que aturar as azoutas e malos tratos que daban aos escravos. Ela desexaba contar a verdade e vingarse dos que mataran aos seus verdadeiros pais, sabendo que ela era a herdeira de terras e moitas cousas máis....

Paréceme  mal ser escravizados  e azoutados, porque son persoas, negras ou brancas,  dá igual, todos temos que ter os mesmos dereitos e liberdades. 

Os actores están moi ben, especialmente os que interpretan aos escravos; o vestiario (traxes, peiteados...), as casas, todo perfecto, moi ben ambientado e interpretado.

                                                 Camila Arteaga.