CRÓNICAS VIAXEIRAS BETANCEIRAS
Este sábado pasado os profesores fomos de excursión. A
organización partiu de Antonio Fondo e mais de Pedro Rodríguez. Collemos o
autobús cara a Betanzos. Alí, no Campo (elipse do complemento, ‘da feira’,
forte arrecendo a tradición medieval; de feito había postos de froitas e verduras,
Rosa comprou castañas, por exemplo e eu quedei con ganas de levar fabas, unha
fabas enormes, tenriñas), saíu ao noso encontro Ana, a guía que nos levou polos
vieiros dun burgo que, malia as desfeitas modernas do XX, é poderoso berce de
bravura, modelo de cabaleiros ben nacidos, de cortesía e orgullo de caste.
Empezamos por coñecer o valor dos cartos feitos en América e ben empregados na
terra de nacencia –é a historia do mecenado dos irmaos García Naveira: escolas,
parques didácticos, lavadoiros…-; logo
unha breve pincelada pola praza na que estamos: san Domingos, extramuros, sito
seguindo o modelo de todas as ordes mendicantes en Europa; o espléndido
edificio orixinariamente concibido para Arquivo do vello reino, dividido en
sete na fachada: con sete bóvedas perdidas (a desfeita dos amaños
arquitectónicos dirixidos desde Madrid en tempos pre autonómicos por non
galegos insensibles ao noso), como sete eran as provincias en que Galicia se
constituía desde 1552: Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e
Tui; a vella igrexa dedicada a san Roque, patrón dos betanceiros… Logo subimos
ao primitivo núcleo, ao lugar elevado onde estivo o castro de Untia, Unta,
Uncta (variantes na documentación medieval). Paramos diante dun edificio con
escudos. Unha marabilla! Se as
explicacións da guía non eran malas, mellores eran as que nos daba ao noso
carón Pilar Irimia, coautora dun libro sobre a historia desa antiga provincia
do vello reino. O día era fermoso, moitas profesoras sacaron de sombreiro, coma
nun paseo pola Toscana: luz e beleza. Levabamos connosco varios colegas que
traballaron longos anos en Betanzos, no Instituto F. Aguiar, un home que fora
bautizado na igrexa de Santiago, e que chegou a arcebispo de México a finais do
XVII. Betanzos é unha fonte inesgotable de coñecementos, de heroes, semiheroes,
xente que deixa páxinas inmorrentes na longa vida do país, Galicia. Velaí as
castes dos Lanzós, dos Figueroa, dos Pita, dos Seixas… -indo para atrás no tempo-; dos ilustrados
Faraldo, Vales Villamarín, Erias… - vindo para acá na liña cronolóxica-. Os
betanceiros teñen un nome duro de roer (Monteagudo recoñece a dificultade do
étimo: verte tinta abonda pero inda non convence de todo, e que conste que
Casimiro Torres coincide con el ao propoñer o latín habitancium ‘acción e efecto de habitar’ –en tradución de Erias-,
con aférese da primeira sílaba, e porén unha servidora non fica convencida, non
mentres non se contemplen as outras voces con esa raíz: Betoffe, Betouros,
Betar, Betayos –topónimos e antropónimos no Corpus Xelmírez, aos que debemos
sumar por forza o Betote fundador de Camanzo, en Deza-), e teñen un indomable
espírito de conservar, de traballar a prol da súa cultura. Cando gustedes,
tedes na rede o Anuario Brigantino,
bo bocado para tardes de chuvia e inverno escuro. Entramos nas igrexas, puro
engado de pedra, de santa María do Azougue e na gótica de san Francisco, cos
sartegos únicos dos señores feudais, os Andrade, e outros. Dicían os expertos
que alí xacían máis nobres que na mesma catedral de Santiago… A min
persoalmente chamoume a atención a finísima elegancia en granito da vaca con
cornamenta altiva de pé ou deitada diante da árbore da vida nun escudo (dos
Becerra).
Ata aquí chegamos nós. Deixamos para outra pluma a parte dos
Caneiros, un tema sobre o que de novo cómpre citar a Luis Monteagudo García: un
dos seus primeiros pasos científicos dérao precisamente preguntándose: La fiesta de los Caneiros ¿guarda alguna
relación con las “vinalia rústica”
que celebraban los romanos?.
ADDENDA:
Un par de notas máis: unha sobre o escudo marabilloso, que
nunca eu vira fóra de Betanzos. O das cinco provincias do vello reino: é unha
división anterior á das sete clásicas; foi grazas ao saber inabarcable de Erias
como puiden averiguar que provincias son: Betanzos e mais Coruña (nunha
irmandade histórica non exenta de rivalidades tribais), Lugo, Mondoñedo,
Ourense e Santiago.
A outra nota é sobre a Caramona. Espléndida palabra! Moita
tinta tamén hai aquí vertida verbo do seu étimo. A torre así chamada estaba na
ponte nova de Betanzos; discútese se era na ponte vella ou na nova, pero o noso
colega e amigo E. Insua mandounos un artigo que dá luz suficiente e concluínte,
coido eu ("El puente nuevo y la caramona representados
en el blasón deBetanzos de los Caballeros", de José Raimundo Núñez Lendoiro
e José Enrique Rivadulla Porta). A palabra vincúlase, por etimoloxía popular, á
cara, á face dunha bicha ou animal mítico que estaría representado na pedra da
torre –quizais tamén inflúa a asociación co galego común carantoña-, e incluso lin nese artigo que, efectivamente, alí
estivo gravado un dragón suevo (porque na bandeira sueva do reino de Galicia,
tal como sabemos por documentos conservados na Biblioteca de Viena, había dunha
banda un león e doutra un dragón), e con todo e iso, esa non deixa de ser unha
hipótese insostible: a voz caramona
hai que poñela en relación semántico-lingüística coa santiaguesa Caramoniña (recordemos que nesa ruela compostelá había unha muralla...) e coa coruñesa Caramanchón. É o habitáculo defensivo, a
propia torre, a propia construción-baluarte a raíz e núcleo da cuestión. Deriva
de ‘cámara’, unha camarona, e de aí,
por metátese, unha caramona. Por metátese e sabe Deus se tamén por influencia
das outras voces patrimoniais citadas.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')
Ningún comentario:
Publicar un comentario