Hércules
Poirot recibe unha misteriosa carta dun criminal que ameaza con levar a cabo
asasinatos segundo a orde alfabética, mais pensa, ao comezo, que se trata
unicamente dunha broma de mal gusto. Sen embargo, non transcorre moito tempo
ata que a desgraza se revela: Alice Asher, de Andover, é asasinada na súa
tenda de comestibles tal como se anunciaba na misiva do asasino. Tras non moito
tempo transcorrido, unha segunda vítima, a señora Barnard, morre en Bexhill.
As vítimas non gardan relación algunha entre sí e o asasino non coñece nin
límites nin temor... pero Poirot, o detective máis competente da historia, está
disposto a evitar que o asasino complete o abecedario.
A modo de
eloxio á autora hei de dicir que aínda non dou topado unha única novela de
Christie que non conseguise manterme inmerso na lectura con tanta eficacia
(rematei a novela nun só día). Sen embargo, debo admitir que, nun principio,
dubidei mercar esta novela posto que anunciaba que se trataba do primeiro caso
para Poirot "pelexando" cun asasino en serie. Podería manter Christie o seu eficaz
estilo de escrita pese a aventurarse en territorios novos? Con todo isto, as
miñas expectativas cara á novela eran altas: as obras de Agatha Christie xamais
careceran de orixinalidade, e moi alegremente podo expresar agora o gozo que
este libro supuxo para min. Esta é a primeira novela de Agatha Christie que lin
na que a acción ocorre nun espazo aberto (habitualmente, Christie emprega como
espazo da acción unha mansión, un hotel, unha residencia...), pero podemos
observar a maña da autora coa que nos encherá do máis inmersivo misterio,
prohibíndonos deixar o libro de lado. Como é común, Christie mantén a sospeita
até a última páxina, e Poirot vólvenos sorprender co seu inxenio característico
referente ás dúbidas sobre personaxes que, aínda sendo moi secundarios na acción, gozan
de vida, así como sucesos para os que soamente mentes hábiles encontran sentido.
As interaccións entre o icónico detective e Hastings, o seu acompañante, volven
plagadas de carisma e comedia, obrigando un sorriso do lector nostálxico dende
as primeiras páxinas. Opino que Christie presenta, con esta novela, o seu
verdadeiro potencial como escritora, capaz de construír unha boa trama pese a
afastarse do habitual.
C. P. Bacharelato Adultos.