domingo, 23 de abril de 2023
mércores, 19 de abril de 2023
domingo, 2 de abril de 2023
Un filme clásico cada semana...ou cada mes..."Cría cuervos..."
Pero, ademais desa lectura, realista (algúns críticos denominárono "costumismo español"), a película é tamén (e esta lectura universaliza a mensaxe do filme) unha reflexión dura, por veces turbadora, sobre o mundo da infancia , todo menos idílico; o propio director afirmou que consideraba a infancia unha das etapas máis terribles do ser humano. Ana, a protagonista, é unha nena observadora, intelixente, pero tamén cruel, implacable; non hai idealización da mente infantil, senón que se mostran as luces e as sombras da psique humana, e intuímos os efectos da infelicidade e do desequilibrio que provén da desestruturación familiar, no retrato dunha nena moi ferida. Ecos de Bergman, como suxeriu algunha crítica?
Saura, cineasta de filmografía moi extensa e variada, introduce nas películas desta etapa, posiblemente as máis complexas, escenas oníricas; nesta, a mestura entre realidade e irrealidade é menor que noutras, pero tamén se dá, e aprécianse ecos do seu admirado Buñuel.
"Cría cuervos..."é un clásico do noso cine, e, aínda sendo cine de autor, acadou certo éxito popular: desde o seu ambiguo título até a interpretación de Ana Torrent, con eses ollos cheos de vida propia, sen esquencer a banda sonora, na que destaca a canción "Porque te vas", que os que temos unha certa idade coñecemos e cantaruxamos máis dunha vez e que se converteu nun éxito internacional pese a que, parece ser, non gustaba a ninguén, excepto a Saura, que a mantivo no filme, como el mesmo dixo, coa súa teimosía aragonesa.
Para concluír, lembremos que a película obtivo prestixiosos receñecementos internacionais, entre os cales, o mencionado ao comezo da recensión, o que é unha mostra máis da súa calidade.
S.P.


