CONMEMORAMOS DESDE A B. E. O ANO INTERNACIONAL DA LUZ
O LÁSER
Un láser (acrónimo do inglés “Ligh
Amplification by Stimulated Emission of Radiation”, amplifiación de luz
mediante a emisión estimulada de radiación) é un aparello capaz de emitir un
feixe de luz altamente coherente. Esta coherencia é tanto temporal, sendo a luz
emitida dunha única frecuencia (e polo tanto cor) como espacial; polo que
grandes potencias poden ser concentradas en superficies moi pequenas
(permitindo aplicacións como a cirurxía láser) e cunha mínima diverxencia do
feixe, de modo que este permanece recto ó longo de grandes intervalos facendo
posible o seu uso para a medida precisa de distancias (e tamén outros usos máis
cotiáns coma os punteiros láser).
O principio que permite o funcionamento dos
lásers é a emisión de fotóns por parte de átomos ou moléculas que se atopan nun
estado excitado (que posúen máis enerxía da que terían no seu estado
fundamental ou de repouso). Este fenómeno ocorre de seguido ó noso redor de
xeito espontáneo: toda a luz que emiten os obxectos que vemos é producida así.
Pero ademais, podemos estimular esta emisión mandando un fotón da frecuencia
axeitada contra o átomo excitado, de modo que se emitirá un fotón idéntico, na
mesma dirección e en fase co primeiro (esta é a orixe da devandita coherencia).
Nun láser, colócase no interior dunha cavidade óptica un medio que teña a
capacidade de emitir fotóns do noso interese, e mediante a aplicación de
enerxía excitamos os átomos ou moléculas do mesmo. Así, cada fotón que pase
estimulará a emisión dun novo fotón idéntico. Esta morea de fotóns é reflectida
nos extremos da cavidade óptica producíndose a súa amplificación exponencial
ata que finalmente o feixe de luz producido polo láser é emitido.
(Xesús González Soto, ex alumno do IES 'Eusebio da Guarda', licenciado en física pola USC)
(Cartel que anuncia unha conferencia celebrada o 28 feb. do 2015 no dpto. de física da UAB)