A vida de Arthur Banks, un home normal e corrente
de San Francisco, sofre un xiro inesperado cando un antopólogo, amigo seu,
aparece morto. A familia deste desaparece, así como a muller e o fillo de
Arthur. Onde se encontra a familia de Arthur? Quen matou ao antropólogo? Arthur
comezará a buscar respostas e descubrirá a existencia doutra especie de homínidos
que evolucionara de forma distinta da dos Homo sapiens e que está decidida a
terminar, finalmente, coa supremacía do home actual. Arthur podería estar
loitando contra a supervivencia de toda a humanidade.
Aínda que
falar mal dun libro non é a actividade que á maior alegría me induza, debo dicir
que esta foi unha das miñas peores lecturas do 2019 e que non recomendaría este
libro a ninguén. Se cabe, a única moralexa que puiden sacar deste libro é que
non todo aquilo moi vendido (a portada do libro indica que se trata dun
bestseller) é tamén bo. Nun principio, a historia arranca con forza e misterio:
quérese descubrir, xunto con Arthur, a existencia da outra especie humana que
está a vivir entre nós. Mais para min un dos grandes problemas deste libro é o
estilo de escrita: o libro semella redactado con présas, carecendo a ratos de
descricións, esenciais para crear ambientes intrigantes e tridimensionalidade
nos personaxes, con quen non conseguín empatizar. A historia é, asimesmo, moi
predicible: a min, que pouca maña teño na resolución dos misterios nas novelas,
custoume moi pouco relacionar os "misterios" que emerxen ao longo da
historia coas cuestións que se nos plantexan na contraportada do libro. Por se
isto fose pouco, levei tamén una gran decepción co contido instrutivo que
esperaba do libro. Quizais o meu xuicio non foi acertado, pero esperei toparme
con aportacións de datos instrutivos referentes aos homínidos e a bioloxía,
pero o único dato resaltado é a aparición do xénero homo sapiens hai 35000 anos
(dato que calquera afeccionado á evolución humana de seguro coñece). En
conclusión, "Homínidos" é, máis ben, unha novela que, nun
intento por ser misteriosa, consegue inducir aburrimento e quitar tempo aos
lectores.
Cristian Paredes Franco. 1º Bacharelato Adultos.