Hoxe quero recomendarvos Está
vostede de broma, Mr. Feynman?
Desde que me enterei da existencia deste libro - o máis parecido
a unha biografía, pois naceu das gravacións das historias contadas polo
protagonista- tiven ardentes desexos de lelo. Non só cumpriu a miña inquedanza,
senón que o seu pouso foi tan fondo que tempo despois me atrevin a voltar de
novo a desfrutalo na súa versión orixinal.
Feynman foi un personaxe carismático na ciencia do século
XX. Difícil é que alguén chegue a gañar o premio Nobel polos seus descubrimentos,
máis aínda que poida transmitir os seus crípticos coñecementos a todo tipo de
audiencias. Simpático, ocorrente -nunha noite resolveu problemas nos que outros
avezados físicos necesitaban meses-, cun grande don de xentes, sedutor voraz
desde a perda do seu primeiro amor..., sempre buscaba novos desafíos: Por que
non dar clases de física no Brasil? (aprendendo primeiro brasileiro, claro) E metido
nestas lerias… Por que non infiltrarse nunha escola de Samba? Por que non
aprender a arte da pintura? E xa postos… que mellor que debuxar corpos femininos
con poucas roupas!
Desde as súas primeiras aventuras arranxando radios
escachadas, de tal xeito que a xente pensaba que era un milagreiro, ata a
madurez e como “sentou a cabeza”, pasando polos anos de traballo no proxecto
Manhattan (para fabricar a bomba atómica antes que os alemán; de feito, a obra
ten moito da historia de USA desde 1935 en adiante), o lector non para de rir e
desfrutar coas anécdotas e a asombrosa capacidade de cálculo que tiña.
Por eso non deixo de recomendarvos, tanto aos de cuarto da
ESO coma aos de bacharelato, o libro, e
pensándoo ben, vou reler algunhas liñas… abur!
Mario
S. García, prof. de tecnoloxía no IES 'Eusebio da Guarda'.