luns, 6 de outubro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA


UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 6 AO 10 DE OUTONO (TAMÉN CHAMADO ‘OUTUBRO’)
Hoxe anímovos a que leades Días que non foron do coruñés Luís Rei Núñez (quen, por certo, acaba de publicar un novo libro, que haberá que ler en canto se poida).
Días que non foron é un monllo de relatos que abranguen un amplo arco de tempo: desde a nosa historia aínda recente, con cheiro a chapapote (“O corvo de chapapote”) ata a historia que viviron os nosos avós ou os nosos país (velaí o espléndido relato “A lancha dos segredos sucios”). Este e o titulado “Coridón” son, sen dubidalo, os meus favoritos.
Mais todas as narracións se deixan acariñar moi ben polos nosos ollos e pola nosa mente. A lingua, en xeral, non dá problemas, e ten páxinas para a historia. A fraseoloxía, por exemplo, é riquísima (hai algunha forma que eu descoñecía, coma esta: Teño un telumbre, e hai outras que o noso autor usa con naturalidade, e que para nós son absolutamente familiares, malia estar medio etiquetadas de ‘castelanismo’, como é o caso destoutra: máis vello que Carracuca)
 Un libro máis para o cesto! En dúas noites ou nunha tarde de chuvia, se vos poñedes, lédelo. E desde logo, para os coruñeses da miña xeración, as lembranzas daquela Coruña suporán un aliciente extra.
                               Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do IES ‘Eusebio da Guarda’

Ningún comentario:

Publicar un comentario