Amosando publicacións coa etiqueta Un filme cada semana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Un filme cada semana. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de novembro de 2026

Un filme, baseado nun libro, cada semana...ou cada mes... Testemuña de cargo"


    A punto de rematar o ano en que se cumpre  o 50 aniversario da morte de Agatha Christie, a  chamada "raíña do suspense", autora cuxas obras foron levadas, con desiguais resultados, ao cine (e á televisión), en moitas ocasións, comentaremos unha das consideradas un clásico, que, por certo, non está protagonizada por Hércules Poirot, o detective que, xunto con Sherlock Holmes, máis caras diferentes nos mostrou na pantalla. Trátase de Testemuña de cargo, relato breve que a propia autora adaptou ao teatro e que, a partir desta versión, Billy Wilder levou ao cine, contando con varios intérpretes dos grandes e recreando a atmosfera tipicamente inglesa, incluído o humor , tan característicos das obras de Christie, dun xeito que algúns críticos cualifican de "hitchcockiano". Ao non coñecer o texto teatral, compararei o relato orixinario co filme; na miña opinión, lectora  apaixonada que fun no seu día desta autora, trátase dun dos poucos exemplos de película superior á obra literaria na que se basea (a  min, esta última, e pese a ser unha das máis celebradas da autora, non foi das que máis me gustaron, aínda que lle recoñezo un nervio e unha capacidade de síntese notables).

   O relato é un estimable exemplo de trama xudicial, sintético, áxil e intelixente, cun final, como soe ocorrer na autora, sorprendente. Porén, debido á súa brevidade, o argumento céntrase nun caso de acusación de asasinato   e xuízo do sospeitoso, coa insólita intervención, coma testemuña de cargo, da súa muller, narrado en boa parte desde o punto de vista do avogado defensor;  este personaxe  atinxe no filme un papel protagonista e aporta, coas súas afiadas intervencións verbais, un toque de sarcástico humor que no relato case non se percibe. O actor que lle dá vida, Charles Laughton, un grande que se transforma absolutamente no  personaxe, concentra a presenza do humor retranqueiro, especialmente nos excelentes diálogos coa súa enfermeira (quizais a química entre ambos actores, matrimonio na vida real, traspasou á ficción). O outro personaxe protagonista, a testemuña de cargo, esquematicamente desenvolvido no conto, obtén, na interpretación de Marlene Dietrich, un toque de misterio e ambigüidade que o fai moi interesante.

   Se a película é máis atractiva que o conto por unha maior profundidade dos personaxes  e pola presenza do humor, o final, na miña opinión un "pegote"sobre o soberbio final do conto, desloce na película o até entón impecable desenvolvemento xa que resulta, aínda que moi efectista, excesivo, mesmo inverosímil e, sobre todo, innecesario, aínda que hai gustos para todo e a moitos encantoulles  ese xeito de xustiza poética  que anula a ambigüidade moral do desenlace orixinal.                            

                                                                                                                                            S.P.

  



xoves, 1 de outubro de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Segredos e mentiras".

   A Concha de Ouro do último Festival de Cine de San Sebastián foi concedida a semana pasada ao cineasta inglés Mike Leigh polo seu filme Tender loving care, co que vai abandonar, por motivos de saúde, o cine. Á espera de podelo ver, comentamos o que quizais sexa o  seu filme máis coñecido,  un filme que presenta as principais características da obra deste autor e que se pode considerar xa un clásico da historia do cine.

   Mike Leigh é un director que pertence ao denominado "realismo social británico", tendencia cinematográfica que retrata a vida das clases medias e baixas, moitas veces cun forte compoñente de denuncia. Non é isto último o caso deste multipremiado e internacionalmente exitoso filme que, aínda que mostra o día a día dos habitantes do Londres que non visitan os turistas, se centra no conflito emocional dunha familia disfuncional onde case todos gardan segredos ben agachados.

   Aínda que o filme ten tendencia ao protagonismo colectivo, o fío principal  refírese á aparición da filla dada en adopción por Cynthia Rose Purley, muller de precario equilibrio emocional e relacional. A historia está moi ben narrada e, aínda que é un melodrama, tamén se pode dicir que presenta trazos de filme de intriga, porque até o seu desenlace mantén ao espectador expectante sobre que vai pasar con esa Hortense que irrompe na vida de Cynthia Rose para transformala absolutamente. Este desenvolvemento leva a un catártico clímax final, que afecta a toda a familia e deixa paso a un breve anticlímax que supón un esperanzador final aberto.

   O filme resulta, en xeral, duro, como as vidas dos protagonistas, seres frustrados que arrastran serios traumas e decepcións. Curiosamente Hortense, que debería ser o personaxe máis desventurado, resulta ser, polo seu equilibrio, o aire fresco que a familia necesitaba para renovarse. Pola contra, Cynthia Rose resulta excesiva na súa neurose e, pese ás louvanzas e o Globo de Ouro  recibido por Brenda Blethyn, a actriz que a protagoniza, resulta algo sobreactuada. 

   O ton do filme é, en xeral, melancólico, gris; os breves momentos humorísticos  concéntranse nas escenas nas que Maurice, irmán de Cynthia Rose e personaxe ecuánime e bondadoso, fotografía os seus clientes, que representan un extravagante catálogo de actitudes humanas. Como se dixo, os momentos máis luminosos  ofrécenolos Hortense, que resulta ser un regalo para uns seres bastante deseperanzados.

   Os (poucos) detractores do filme compárano,  pola desmesura  dalgúns elementos argumentais, cos "culebróns" televisivos e seguramente non lles falte razón, mais, pese a eses excesos e certa  inverosimilitude no relativo á maternidade e adopción de Hortense, é un filme que consegue emocionar e que, durante as máis de dúas horas que dura, mantén ao espectador pegado á pantalla. Está considerado un clásico do cine dos anos 90 do pasado século, polo que sería interesante para os alumnos que aínda non o visen e  que amen o cine.

"                                                                                                          S. P.

xoves, 4 de xuño de 2026

Un filme, baseado nunha banda deseñada, en homenaxe a Marjane Satrapi. "Persépolis"


   Espertamos hoxe coa terrible noticia da morte (de tristeza, dise  nos xornais) da valente muller e excelente artista Marjane Satrapi que, no ano 2000, publicou o cómic Persépolis", posteriormente levado ao cine, hai xa case vinte anos e, tristemente, de actualidade aínda hoxe. O filme obtivo varios premios, o máis importante dos cales o Premio do Xurado do Festival de Cannes,  que precisamente se celebra o mes de maio. Satrapi obtivo, ademais, o Premio Princesa de Asturias   de Comunicación e Humanidades en 2024. Para homenaxeala, recuperamos unha das primeiras recensións publicadas neste blog, no ano 2015, por unha alumna de Diversificación Curricular, exercicio que facían , con moi bo resultado,  aqueles alumnos, que desfrutaron con madurez e aproveitamento, de sesións de cine de calidade.   
   Descanse en paz Marjane Satrapi.                         


   Esta película está baseada na novela gráfica do mesmo título. As dúas baséanse na vida da autora, Marjane Satrapi desde que, nena en Irán, sofre a revolución que acaba coa súa felicidade. obrigando ás mulleres a cubrirse co veo e non usar roupa axustada; estaba, ademais, prohibido fumar, oír música e beber. Na película cóntase tamén a súa marcha a Austria, xa adolescente, etapa tamén moi desgraciada. Despois, a volta a Irán porque estrañaba á súa familia e, finalmente, polos seus desexos de ser libre, a volta a Europa, xa definitiva.
   A pelicula resultoume moi instrutiva porque non sabía que os iranís vivían coma nós antes da revolución islamista; ademais, transmite valores: para min o principal, que as persoas deberían ser libres para facer o que queiran e dicir o que pensan.
   Os personaxes principais están ben descritos: Marjane é unha rapaza valente e amante da liberdade, igual que o seu tío, un loitador, e a avoa, divertida pero firme nas súas ideas; os pais, dominados polo medo...
   Tecnicamente a película, que é banda deseñada, é moi boa; gustoume especialmente a simboloxía do branco e negro nas analepses, en oposición á cor, no presente desde o que Marjane lembra a súa vida...En definitiva, a película gustoume moito porque mostra a realidade dunha muller que tivo que sufrir a guerra no seu propio país.
                                                                                                                      A.S.

martes, 2 de xuño de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Cría cuervos".


    Con motivo do 50 aniversario deste filme, e da súa obtención do Gran Premio do Xurado do Festival de Cannes, ex aequo con La marquise d'O, de Éric Rohmer ( o xurado estaba presidido por Tennessee Williams e contaba, entre os seus membros, con Mario Vargas Llosa), recuperamos a recensión publicada en abril de 2023, como homenaxe, daquela, a Carlos Saura, morto en febreiro do mesno ano e un dos directores máis importantes e prolíficos da historia do noso cine. 


   Recentemente faleceu Carlos Saura, cineasta xa clásico antes da súa morte e, como homenaxe póstuma, comentaremos un dos seus filmes máis coñecidos.Nel, a protagonista adulta, mediante analepse (as anacronías son constantes na película) adoptando a perspectiva da nena (todo ollos, en sentido real e figurado)que foi,  lembra a vida dunha familia burguesa, a súa, na España das últimas décadas do franquismo. O matrimonio mal levado, a causa do machismo do pai, militar, e a insatisfacción da nai, muller frustrada gravemente enferma; as relacións entre criadas e señores...Quen vivise na España desa época recoñecerá esa sociedade, tan distinta da actual, vista cunha ollada fortemente crítica.

   Pero, ademais desa lectura realista  (algúns críticos falaron de "costumismo español") a película é tamén unha reflexión dura, por veces turbadora, sobre o mundo da infancia, todo menos idílico; o propio director afirmou que consideraba a infancia unha das etapas máis terribles do ser humano. Ana, a protagonista, é unha nena observadora, intelixente mais tamén cruel, implacable; non hai idealización da mente infantil senón que se mostran as luces e as sombras da psique humana, e intuímos os efectos da infelicidade e do desequilibrio que provén  da desestruturación familiar, no retrato dunha nena moi ferida. Ecos de Bergman, como suxeriu algunha crítica?

   Saura, cineasta de filmografía moi extensa e variada, introduce nas películas desta etapa, as máis complexas, escenas oníricas; nesta, a mestura entre realidade e irrealidade é menor que noutras, pero tamén se dá, e aprécianse ecos do seu admirado Buñuel.

   Cría Cuervos é un clásico do noso cine e, aínda sendo cine de autor, acadou certo éxito popular: desde o seu ambiguo título até a interpretación de Ana Torrent, con eses ollos cheos de vida propia, sen esquencer a banda sonora, na que destaca a canción "Porque te vas", que os que temos unha certa idade coñecemos e cantaruxamos máis dunha vez e que se converteu nun éxito internacional pese a que, parece ser, non gustaba a ninguén, excepto a Saura, que a mantivo no filme, como el mesmo dixo, coa súa teimosía aragonesa.

   Para concluir, lembremos que a película obtivo prestixiosos recoñecementos internacionais, o que é unha mostra máis da súa calidade.

                                                                                                 S.P.

   

martes, 19 de maio de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Mi querida señorita"

        Con motivo da recente estrea dunha nova versión, disque bastante libre e moi axeitada a  estes  tempos de reivindicación do universo LGTBIQ+, dun clásico do noso cine do tardofranquismo, adiantado ao seu tempo, emítese unha vez máis,  na televisión pública, o orixinal: "M querida señorita" de Jaime de Armiñán, e, unha vez máis véxoo e  comprobo que, pese a detalles de ambientación, que resultan anticuados, e algunha inverosimilitude argumental, conserva a garra que me impresionou no seu día e que o converteu nun clásico de culto. Pese ao atrevido do argumento, parece ser que foi un filme de bastante éxito comercial e, pese a que aínda existía a censura  o ano da súa estrea (1972, vivía Franco) conseguiu sorteala, o cal resulta bastante sorprendente. 

   A película foi definida como o que no seu día se chamou "cine trans" (hoxe cine LGTBIQ+), posto que narra a viaxe vital de Adela, "muller" con características sexuais ambiguas, á busca da súa verdadeira identidade sexual; tendo en conta que na época o tema era tabú e o nivel de coñecemento ao respecto era reducido, o filme resulta un meritorio achegamento, aínda que certamente hoxe resulte un pouco naíf e mesmo impreciso.

   Boa parte da forza do filme repousa sobre as excelentes interpretacións (que "actorazos" había daquela...), especialmente a da "parella" protagonista (que desprende o que hoxe se denomina "química")e moi en especial a do protagonista absoluto, José Luis López Vázquez, quen, parece, ao principio non quería facer un papel que, mesmo do punto de vista físico, non parecía o máis axeitado para el, bastante tendente, ademais,  ao histrionismo; un perigo isto último para dar credibilidde ao personaxe.  O resultado foi, porén, unha actuación sensible e sobria, que crea un filme que, basculando entre comedia e drama, provoca emocións intensas no espectador (ao cal colabora a elección do "Estudio número 3" de Chopin como banda sonora dos momentos máis emotivos). 

   A película bordea ás veces a fronteira entre o sublime e o ridículo, pero sae airosa e mantén a atención do espectador  até a última escena, unha desas escenas que quedaron para a historia dos finais máis impresionantes da historia do cine e que, parece, sorprendeu ao mesmísimo George Cukor (o filme concorreu aos Óscar na categoría de Mellor filme estranxeiro, que finalmente  gañou nada menos que Luis Buñuel) quen acabou contratando a López Vázquez para un pequeno papel.

   Aínda que "Mi querida señorita" foi fundamentalmente recoñecida pola súa temática transgresora, hai outras lecturas, complementarias a esta, que enriquecen o seu visionado. Así, nela móstrase a vida na España dos últimos anos do franquismo, especialmente na  sociedade pequeno burguesa de provincias (a primeira metade da película rodouse, por certo, en Galicia) cunha visión crítica, especialmente,  do papel reservado ás mulleres, co cal, a viaxe vital de Adela até chegar a Juan representaría a conquista da verdadeira identidade, o que dá ao filme un sentido bastante transcendental. É, ademais,  unha película  de amor, libre, transgresor, que estala na mencionada escena final, marabillosa.

   Se o noso alumnado acode a ver a versión actual , a de Netflix, seguramente máis acorde coa súa sensibilidade, pode tamén achegarse a este clásico que no seu día impresionou aos seus maiores e que xa é historia do noso cine.

                                                                                                                                S.P.                                                                      






   

 

xoves, 2 de abril de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Una quinta portuguesa".


    Nesta sección, tan  veterana no blog que é case vintage, nos últimos tempos publicamos recensións  sobre libros e filmes un pouco, ou bastante por veces,  antigos,  para dar a coñecer ao noso alumnado un tipo de obras coas que quizais non estean moi familiarizados e ás que o tempo concedeu, na súa maioría, a condición de clásicas. Noutras etapas, predominaron as recensións, feitas polos propios rapaces, de obras máis modernas, guiados polo criterio do agrado que lles produciron e, nalgúns casos, dos valores que lles transmitiron, criterio este último, moi en consonancia cos obxectivos transversais dos currículos educativos. Hoxe,  nestas datas nas que, ademais de celebrar os cristiáns a morte e resurrección de Xesucristo, se lembran valores fundamentais como a humanidade, a solidariedade ou a esperanza,   imos facer unha recensión dun filme estreado  recentemente, que  obtivo varios premios e boas críticas e que presenta os valores enriba mencionados. Un filme sinxelo, que louva a vida tranquila e os bos sentimentos, un "beatus ille"moderno desenvolvido no país irmán, que conta o proceso de curación vital dun profesor español que sofre unha perda emocional devastadora e que, aínda que de xeito non moi ortodoxo (suplanta a un xardineiro morto que acababa de coñecer) inicia unha nova vida  nunha fermosa quinta,  propiedade dunha muller, tamén ela mesma ferida por unha traxedia persoal e social: a guerra de descolonización de Angola; este último tema introduce, aínda que de xeito atípico, pois se presenta desde o punto de vista do antigo colonizador, o tema, sempre sensible, do colonialismo.

   A partir desta premisa, a película desnvolve un relato de encontros entre seres feridos que necesitan, ás veces rompendo co seu pasado, seguir adiante e encontrar o sentido das súas existencias. E ese sentido ás veces encóntrase en familias creadas polo afecto e non polos lazos de sangue, fóra do lugar de nacemento e do entorno onde se desenvolvía a vida até entón: temas tan de actualidade coma os novos modelos familiares e as migracións entran así no argumento.
   O filme ten un ton moroso, mesmo lírico por momentos, aínda que nun momento determinado se introduce un xiro de intriga (Quen é o "fantasma" do pasado de Manuel, o protagonista masculino,  que irrompe no entorno da súa vida anterior e ao que ten que voltar para resolver a perda que o levou á súa nova vida?), cunha resolución que fecha moi ben o filme.
    A película, como se dixo, transmite o valor das cousas naturais, da calma como xeito de vida, dos bos sentimentos. Todos os personaxes son boas persoas, que curan  como poden as feridas e continúan, axudándose mutuamente, confiando uns nos outros, polo que, aínda sendo un filme que se podería cualificar de realista, mostra unicamente a cara máis nobre da condición humana e deixa un gusto optimista e esperanzador.
   Centrándonos en aspectos técnicos, aínda que o filme, para un espectador, coma min,  sen grandes coñecementos cinematográficos, é, en xeral, correcto, no apartado das interpretacións, o protagonista resulta un personaxe pouco carismático, cuxa profundidade intelectual e a súa bonhomía se intentan transmitir a través dunha serenidade que resulta inexpresiva; tamén falta forza na relación entre el e a propietaria da quinta  onde se refuxia o que, ao ser esa relación un elemento fundamental da historia, resta emoción á narración. 
    Como apunte lingüístico , digamos que é  interesante  a utilización  dos idiomas español e portugués; neste último caso, nós, galegos, podemos desfrutar poder acceder, sen necesidade de subtítulos, á escoita dun idioma que nos é tan próximo.
                                                                                                                              S.P.

sábado, 14 de marzo de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Thelma & Louise".


    Con motivo do 8M,  a televisión pública emite  Thelma & Louise, película considerda de culto, un clásico do ano 1991 que non revisaba desde os meus verdes anos, cando me impresionou máis que  agora, non sei se porque envellecu mal ou  é cousa do meu propio envellecemento, que me fai verlle os puntos febles...En todo caso, é un filme polémico, mais cargado de premios e cunha forte pegada na cultura popular, desde o propio cine  até a música, a televisión ou mesmo a literatura. E, especialmente,  simbolizaría a liberación feminina, o que deu lugar ás maiores controversias, por mostrar esa liberación coma unha adopción de comportamentos considerados  masculinos, fundamentalmente a actuación á marxe da lei e a violencia, moi característica, esta última, de certo cine estadounidense.

   No  filme,  dúas amigas que , tras sufrir unha agresión sexual,  toman a xustiza pola súa man,  fan unha  viaxe que  se vai facendo cada vez máis enlouquecida até un final (cualificado coma un dos máis impresionantes e imprevisibles da historia do cine) que te deixa pegada á butaca. É un filme  clasificable en varios xéneros: é unha "road movie", xénero tipicamente estadounidense que, ademais de narrar a  viaxe iniciática das protagonistas, mostra  aspectos característicos da vida do país (mesmo se falou de certas analoxías, temáticas e visuais,  co western); tamén é unha atípica (por estar protagonizda por mulleres) "buddy movie" (a amizade incondicional entre ambas protagonistas  é considerada outro dos temas clave da película); e tamén é un filme policial. Mais é, en substancia, unha traxedia , pola desmesura das accións e os acontecementos, que conducen a un final terrible; o ton é, sen embargo, en xeral lixeiro   e frecuentemente humorístico, un humor tamén un pouco desmesurado. A verosimilitude moitas veces cambalea,  tanto no referido ao argumento coma, sobre todo, na caracterización de personaxes:  apónselle un marcado maniqueísmo debido á negativa, mesmo caricaturesca, visión que, con algunha excepción, dá dos homes; ademais, as protagonistas, especialmente Thelma, experimentan unha evolución que resulta difícil de crer.
   En todo caso, pese ás súas dúas horas de metraxe, resulta un filme entretido, de ritmo trepidante,  cunha boa fotografía e unha banda sonora atractiva...o que non é pouca cousa.  A mensaxe feminista e  a súa defensa da liberdade individual, cada quen as percibirá en función das súas vivencias e  ideas.

                                                                                                                         S.P.

venres, 26 de decembro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."La gran familia"

   Os que temos unha certa idade temos esta película,  de 1962, como recordatorio de como era a vida   na nosa infancia. Certo que recordatorio idealizado, representativo da vida  da clase media urbana do chamado "segundo franquismo" e, para algúns, cursi e edulcorado, propaganda dun modelo de familia promovido  polo réxime (a película foi declarada "de interese nacional"), pero que transmite alegría de vivir , amor e unión familiar, polo que se considera unha das películas "de Nadal" por excelencia. É, ademais, un clásico do noso cine e, sen ser unha obra mestra, é un filme moi estimable, moi agradable de ver, cunha historia  ben narrada, de ritmo moi áxil, unhas interpretacións en xeral excelentes (varios dos mellores actores da época,- e que bos eran e que ben vocalizaban-, forman parte do elenco), un sentido do humor amable e inocente e  unha fotografía  en luminoso branco e negro. Quen se achegue a ela desde o descoñecemento do que era a España da época, e máis aló da idealización da que falabamos ao principio desta recensión, comprobará como mudamos como sociedade. Ademais de por ser unha película familiar, este clásico soe volver a casa polo Nadal porque a súa terceira parte, a máis lembrada, se desenvolve nestas datas, como un conto agridoce con final feliz.

   A película  foi tan poular que tivo dúas secuelas, que non atinxiron o nivel da primeira, e que constitúen con ela unha triloxía, da que a terceira parte. realizada xa na democracia, presenta uha diferenza notable de ton coas dúas anteriores.

   A secuela máis inmediata, "La familia y uno más", tres anos posterior, segue a liña ideolóxica e argumental da primeira, mais non aporta nada novo e limítase a aproveitar o seu éxito. Agradable tamén de ver, aínda que prescindible, ten a curiosidade para nós, coruñeses, de que un episodio do argumento se desenvolve na nosa cidade, moi de moda na época. 

   Canto a "La familia bien, gracias", xa  do ano 1979, presenta  características do cine da transición, e, cun espírito absolutamente distinto das  outras, mostra o cambio social que estaba experimentando o país na incipiente democracia, cae por momentos na caricatura, cun humor de "sal groso" moi da época,  e parece transmitir o fracaso educacional e vital dos personaxes  das primeiras, películas en branco e negro pero agridces e, pese a todo, optimistas, por contraste con esta, en cores, amarga e desencantada.



   Existe unha cuarta secuela, televisiva, "La familia treinta años después"(1999) que só conserva relación coas anteriores na presenza dalgún personaxe supervivente, pero que é un produto de nulo valor cinematográfico. Iso si, mostra a popularidade da saga que, quen sabe, quizais nos sorprenda cunha quinta parte xa en IA...

                                                                                                                        SP.


 
 

sábado, 1 de novembro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."A noite dos mortos viventes", de George A. Romero.


    Filme clásico (aínda que considerado serie B) do xénero terror, marcou o inicio dunha temática de gran fortuna posteriormente:  a protagonizada polos mortos viventes, tamén chamados zombis, aínda que estes, procedentes do voudou haitiano,  teñen moitas diferenzas   cos personaxes de Romero. Pese a ter un   baixo presuposto e  limitacións formais, é un filme de culto e para nós, galegos, ten a curiosidade de ter sido financiado polas tías do director, descendentes da emigración galega, primeiro a Cuba e despois aos EE UU, onde naceu o director. Esta filiación galega, recentemente reivindicada con orgullo, de Romero, fai que algúns falen do elo entre o filme e a importancia do sobrenatural na nosa cultura (concretamente menciónase a Santa Compaña) pero eu véxoo algo forzado (non consta información de que Romero, neto xa de galego, tivese demasiado contacto con Galicia).
   O filme, que resultou terrorífico no seu día, aínda que hoxe resulta superado, sobre todo formalmente, describe a loita entre un grupo de personaxes, pechados nunha casa, contra os mortos viventes, caníbales, que amenazan con atrapalos e devoralos. A atmosfera claustrofóbica ( a práctica totalidade do filme se desenvolve no interior desa casa) acentúase  polo branco e negro da fotografía (que, parece, foi motivado pola limitación do presuposto) e a obsesiva e desacougante banda sonora. 
   Pero, máis aló do seu papel pioneiro, que rompe cos personaxes anteriormente protagonistas  do xénero, o filme resulta interesante por outros elementos:
. O tema dos ataques dos mortos suxire  unha reflexión sobre a condición humana, os seus conflitos, e as súas loitas de poder, xa que os personaxes pechados na casa   representan, coas súas actitudes,  unha serie de estereotipos de comportamento, entre os que destacan o líder e o antagonista.  Foi moi comentado que o líder fose protagonizado por un actor negro; tendo en conta a época da rodaxe, considerouse simbólico do racismo e da loita polos dereitos civís dos afroamericanos (aínda que tamén se dixo que o actor, descoñecido, foi o único que aceptou traballar practicamente gratis). Outro posible simbolismo sería a crítica á escalada tecnolóxica, bastante temida na época, tras os horrores da segunda guerra mundial  (a causa da transformación en mortos viventes sería a radiación emitida por unha nave retornada do espazo exterior). Houbo mesmo quen fixo alusión a Vietnam, onde os  seres  humanos se destruían entre sí, ou unha reflexión sobre a podredume dunha sociedade que impide aos individuos cohabitar en harmonía, cunha especial crítica á institución familiar ,representada nos personaxes "zombificados" que atacan aos seus familiares.
   A carón de todos estes aspectos interesantes, a película ten limitacións, coma un ritmo desigual, unhas interpretacións mediocres ou uns efectos especiais rudimentarios. Porén, ten un  inicio  excelente (mágoa que non se manteña o nivel ao longo de toda a metraxe) e un final sorprendente (analizado tamén como símbolo do conflito racial da época) que non imos desvelar. Así que, nestas datas tan dadas, dun tempo a esta parte, a celebrar estes temas, pode ser interesante o seu visionamento.
                                                                                                                   S.P.


martes, 14 de outubro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes...Miniciclo Víctor Erice.


 


Conmemoramos   a próxima celebración dos cincuenta anos de democracia comentando  dous filmes dos chamados "de culto", moi valorados pola crítica (algúns chegaron a consideralos dos mellores da historia do cine español) e unha parte do público, e que, porén, non gustan nada a outra. O director de ambos, Víctor Erice, cineasta pouco prolífico, home reservado e meditabundo, ofrece neles  unha visión, desde os ollos femininos da infancia e da adolescencia, da España do franquismo (con alusións vagas e mesmo alegóricas á guerra civil e as súas consecuencias,  alegorización, segundo parece, utilizada  para eludir, sobre todo na primeira, de 1973, posibles censuras) escura, triste, con personaxes adultos sobre os que flota un certo misterio, que traslocen frustración, e unhas protagonistas infantís desde os puntos de vista das cales se narran ambas historias. No caso da nena de "El espíritu de la colmena", a actriz escollida é a considerada imprescindible  para este tipo de películas, tan de moda na época, Ana Torrent; a súa mítica ollada transmite a inocencia dunha idade na que non se teñen claras as fronteiras entre a realidade e a ficción ( o que constitúe parte importante do desenvolvmento da película, a partir do visionado da  clásica  "Frankenstein" por parte da protagonista). No caso  de" El Sur", (que está baseada nun relato da escritora Adelaida García Morales), a protagonista, adulta, narra en analepse a súa evolución a adolescente e o desencanto ante a figura, adorada na infancia, do pai.

En ambas películas, o recurso ao "cine dentro  do cine" é  un elemento fundamental nos desenvolvementos argumentais, que transcorren con morosidade (especialmente en "El espíritu de la colmena"); este desenvolvemento lento é o que, unido a unha fotografía , aínda que moi coidada, escura, así como a escaseza de diálogos, fai que a algúns espectadores os filmes lles resulten pura poesía e a outros, en cambio, pedantismo vacío. En calquera caso, a súa visión pode resultar interesante para quen desexe revisar un tipo de cine moi valorado nos últimos anos do franquismo  e primeiros da democracia e  bastante afastado dos gustos actuais.

                                                                                                         S.P.

venres, 25 de xullo de 2025

Ciclo "Monsieur Hulot", de Jacques Tati.


   Protagonizados por un personaxe, monsieur Hulot, que interpreta o seu  creador, Jacques Tati, revisamos catro filmes  deliciosamente naífs, positivos, vintage, cun humor non apto para todos os gustos (o humorístico é quizais o xénero máis difícil), bastante anticuados nalgunhas cousas mais estrañamente modernos noutras. Son: Les vacances de Monsieur Hulot (1953), Mon oncle (1958), Playtime (1967) e Trafic (1971).

   Cun escaso fío argumental, a sucesión de gags en que consisten ten como elemento unificador a presenza de Monsieur Hulot, personaxe estrambótico (del dixo o seu propio creador que é un inadaptado social e, seguramente, hoxe encaixaría nalgún diagnóstico psicolóxico), torpe, anárquico, bonachón, que lembra  algúns personaxes do cine mudo, co que estes filmes, aínda sendo sonoros (ben é certo que un sonoro onde os diálogos resultan case inintelixibles, substituídos por unha colección de ruídos e balbordos que, por veces, nin francés parecen) comparten bastantes características.  Ao cine mudo tamén remite a cantidade de golpes, accidentes, situacións esaxeradas ( na liña do chamado "slapstick")ou a sobreactuación dos personaxes, en especial o protagonista, que lembra tamén aos mimos.


 Nos filmes establécese unha contraposición entre a vida tradicional e a modernidade, especialmente en Mon oncle (o mellor dos catro filmes, na miña opinión) e Playtime. onde , pese  a ser filmes xa moi antigos, resulta  curiosamente actual a crítica aos edificios intelixentes, ás supostas bondades da tecnoloxía ou ao caos da vida urbana fronte á vida rural ou a dos barrios tradicionais, moito máis cálida e humana. Entre eses dous mundos  móvese Hulot, provocando estropicios que para algúns espectadores o fan encantador mais para outros teñen pouca gracia (lembramos de novo o difícil que é o xénero humorístico).


   En todo caso, e tras o visionado deste ciclo, que hai que facelo con calma e morosidade, como transcorre a vida que parece louvarse nos filmes, algúns, seguramente un pouco inadaptados como Mr. Hulot, ficamos  coa doce nostalxia dunha vida máis á medida do ser humano, menos enlouqucida e acelerada que a actual. Esa vida que se parece bastante á que levamos no verán.                                            S.P.

sábado, 12 de abril de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."Jesus Christ Superstar"


 Recuperamos e publicamos, con motivo da Semana Santa, a recensión, feita en 2018, polo alumnado de 3ª ESO V (PMAR), que asistiu moi interesado á proxección deste filme do que oíra falar aos seus maiores.


   A película está baseada nunha ópera rock, baseada, á súa vez, no Novo Testamento, e conta os últimos momentos da vida de Xesús até que é crucificado, dándolles especial protagonismo a Xudas e María Magdalena. A película foi rodada en 1973, en plena época hippie e, aínda que é bastante fiel ao texto bíblico, resultou bastante atrevida naquel momento e provocou polémica pero acadou grande popularidade.

   Para algún de nós resultou interesante ver esta película xa que nos aporta información sobre outra relixión distinta da nosa; outros, en cambio, coñeciamos a historia narrada, aínda que nalgúns aspectos nos resultou curiosa, por exemplo, no referido aos sentimentos de María Magdalena ou o protagonismo concedido a Xudas.

   No relativo á música, vestiario, interpretacións, etc., a opinión xeral é que nos resulta un pouco anticuada: no caso do vestiario, totalmente hippie, houbo división de opinións, así como no referido á música e a coreografía, aínda que a opinión xeral foi que non nos entusiasmou que fose totalmente cantada. O que si nos gustou a todos foi a paisaxe, e a posta de sol final resultou emocionante.

                                                                   3ª ESO V. 2018.

luns, 20 de xaneiro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."The Straight story".


 Acaba de falecer David Lynch, cineasta de culto, tan controvertido como versátil. No  seu cine, habitualmente complexo, escuro e arrevesado,  hai algunha excepción...Parafraseando a unha xornalista que escribiu sobre el estes días, no seu xardín, cheo de plantas exóticas e raras, plantou unha margarida: esta é "The Straight story". O título orixinal xoga co significado adxectivo de "Straight" , en alusión ao feito real en que se basea a historia, e o apelido do protagonista. 

   Na película nárrase a viaxe de varias semanas e cincocentos quilómetros emprendida , a bordo da súa cortadora de céspede, por un ancián, que ve próxima a morte, para reconciliarse co seu irmán gravemente enfermo. É, pois, unha "road movie", xénero moi querido polo cinema estadounidense. Neste xénero, a viaxe, transformadora, é moitas veces  a metáfora da vida, protagonizada por xente xoven no camiño da madureza; neste caso, fálase dunha "road movie inversa" pois é un ancián, que viviu xa todo e, como el mesmo di, sabe separar o gran da palla, quen, en vez de aprender leccións vitais,  as dá aos personaxes que vai atopando.

   A película é luminosa, pero atravesada á vez pola melancolía e a serenidade que dá ter aceptado todo o que a vida fai pasar; ao protagonista (marabillosa interpretación do pouco coñecido actor  Richard Fansworth, identificado como poucas veces se viu no cine co seu personaxe) adiviñaselle unha vida chea de penalidades, algunhas terribles, e un carácter complicado pero recto e honorable. Os personaxes que vai encontrando son  xente boa e do encontro con eles extráense ensinanzas vitais, sinxelas pero transcendentes, nalgúns casos cun suave humor; o retrato do ser humano neste filme é reconfortante.

   O filme é sensorialmente moi atractivo: a fotografía das terras que Alvin vai atravesando, unida a unha banda sonora delicada e hipnótica,  e o ritmo moroso e relaxado da acción, submerxen nunha atmosfera poética moi axeitada á reflexión e ao sentimento.

   "The Straight story" obtivo o recoñecemento unánime da crítica  e foi bastante valorada polo público. É un filme sinxelo, lonxe da complexidade dos filmes anteriores do director, e cuxa mensaxe é que o amor é o que de verdade importa na vida. E, realizado por un director aínda na súa plenitude vital (estreouse en 1999), agora, no seu pasamento, pode recibirse coma o seu testamento cinematográfico.

                                                                                                                      S.P.

sábado, 11 de xaneiro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."Un conto de Nadal".


 Con motivo das recentes festas, en que  os bos sentimentos nos envolven, a televisión pública emitiu  esta película, do xénero "reunión familiar de Nadal", tan querido polo cine estadounidense, pero neste caso francesa, coas diferenzas que isto conleva, que son bastantes (ou, no fondo, non tantas...).

  O argumento resúmese no reencontro duns irmáns, coas súas respectivas familias, na casa dos pais, co elemento central da enfermidade da nai, que require un transplante de medula para o que só son compatibles o neto desequilibrado e o fillo "ovella negra". A partir dese feito, o filme avanza, entre o drama e a comedia, como unha historia coral, onde o retrato dunha familia disfuncional fai a algúns críticos atopar, salvando as distancias, ecos de Ingmar Bergman.

   A película é curiosa, salta de escenas duras (por exemplo, a relación entre a nai e ese fillo co que non se leva ben dá pé a diálogos que sorprenden pola súa crueza) a outras cómicas (teñamos en conta que o humor francés resulta ás veces difícil de dixerir por estes lares).Móstrase, como ocorre con frecuencia co cine do país veciño, a podredume que se agacha baixo a impecable aparencia dunha familia burguesa, o que lembra  a Claude Chabrol.

   Os personaxes son extravagantes, neuróticos, gardan segredos non confesados, algúns dos cales se desvelan ao final. O filme ten un toque teatral, transcorre case integramente na fermosa mansión dos pais e os diálogos son un aspecto central do argumento. Conta coa participación de moitos dos mellores actores de Francia (entre os cales destaco a Jean -Paul Roussillon, no papel do pai, o personaxe máis tenro do filme), e obtivo prestixiosos premios. E, pese a todo o que conta, a familia é o refuxio, e o amor acaba por vencer o trauma, a dor e a incomprensión, mensaxe moi axeitada para as datas que acaban de pasar, e non  tan diferente, despois de todo, da que transmiten as habitualmente máis edulcoradas películas estadounidenses ás que faciamos referencia ao comezo desta recensión.

                                                                                                                     S.P.


  

domingo, 27 de outubro de 2024

Un relato, e o filme baseado nel, cada semana...ou cada mes..."Os mortos"(Dublineses).



    Habitualmente, as adaptacións de textos literarios  ao cine  resultan decepcionantes. Especialmente se o texto escrito ten unha carga de profundidade psicolóxica e/ou de reflexión ideolóxica, case sempre na voz do narrador, que tende a perderse, ou empobrecerse, no filme. Pero neste caso, a versión cinematográfica, bastante fiel ao modelo literario, non o desmerece (se James Joyce é un clásico das letras universais, John Huston éo do cine).

   O fío argumental é sinxelo: unha reunión para celebrar un baile-cea de Epifanía, que se describe na súa banalidade, deixa paso a un desenlace inesperado e conmovedor, cunha reflexión sobre a vida e sobre o pouso que os mortos deixan nela. A partir deste argumento, o conto de Joyce transcorre coma unha detallada descrición, con toques costumistas, da celebración, cunha tendencia ao protagonismo colectivo, aínda que destaca Gabriel, o sobriño das anfitrioas, que será, finalmente, xunto coa súa muller, Gretta, o protagonista da mensaxe final do conto, e cuxo punto de vista, a través do uso do monólogo interior, alterna co do narrador externo; no filme, este monólogo redúcese a momentos moi puntuais.
   Os personaxes, aínda que non demasiado desenvolvidos psicoloxicamente (con tendencia á caracterización indirecta), son unha significativa representación   da burguesía irlandesa de principios do século XX, con leves pinceladas de clasismo (no conto, non no filme, a propósito das orixes de Gretta), racismo (nos comentarios de Freddy Malins sobre un cantante negro) ou nacionalismo (no personaxe de Molly Ivors, que aporta, ademais, un toque levemente humorístico a dúas obras, especialmente a cinematográfica, bastante serias).
   Tanto o conto coma o filme resultan morosos na descrición da reunión, e é  só na parte final onde se revela a verdadeira intención dos autores, moito máis transcendental do que o desenvolvemento podía facer pensar. Para min a película é superior ao conto na suxestión, ao longo de case toda a metraxe, da presenza deses mortos do título aboiando silentes sobre os vivos; a iso contribúe a melancólica banda sonora e a fotografía, na que contrasta a brancura e a frialdade da neve (simbólica en ambas obras)  coas cores cálidas, pero un pouco escurecidas, do interior, onde se desenvolve practicamente toda a acción . O feito de desenvolverse toda a acción en interiores, xunto coa importancia dos diálogos (que contribúen á caracterización indirecta dos personaxes) dan ás obras un toque claramente teatral. Polo contrario, o relato  supera ao filme nas reflexións da voz narradora e,  sobre todo, de Gabriel, que se resumen ao mínimo na película.
Creo que para o alumnado que desexe iniciarse na lectura de James Joyce, "Os mortos" pode ser un bo punto de partida, antes de somerxerse en lecturas máis complexas, completado coa visión da fermosa película, a última, a súa  despedida, de John Huston.
                                                                             S. P.

venres, 23 de agosto de 2024

Un filme clásico...en homenaxe a Alain Delon.

 Reproducimos da recensión,  publicada o 25 de xuño, da novela "Il gatttopardo" e da súa versión cinematográfica, a parte referida a esta última, como homenaxe a un dos seus protagonistas, Alain Delon, que acaba de falecer. Un grande do cinema, propietario dun dos físicos máis fermosos da historia, dunha personalidade difícil, por veces conflitiva, politicamente incorrectísima pero sempre sincera e inconfundible. Un actor versátil a quen, creo, a súa beleza lle impediu por veces ser valorado polo seu facer e que, no caso da película que comentamos, non dos seus mellores papeis pero si dos máis populares, se identificou tanto co personaxe que interpretou que cada vez que relemos o libro,  sentimos que el é Tancredi. Descanse en paz.



A novela, publicada en 1958, tivo, en 1963, unha versión cinematográfica, considerada obra mestra até o punto de ser, para moitos, un dos infrecuentes casos en que a película é superior á obra literaria na que se basea, opinión coa que non concordo. "Il gattopardo" de Visconti é unha adaptación relativamente fiel da novela, con algunha licenza de peso, como a eliminación dos capítulos finais, co que a morte do protagonista só queda suxerida no filme. Ademais, o punto de vista de don Fabrizio, as súas reflexións e observacións, (tan importantes na novela), fican esvaecidas no filme, substituídas por xestos, silencios, olladas na, por outra banda, moi celebrada  interpretación de Burt Lancaster quen, porén, non consegue transmitir todos os matices emocionais do personaxe.
A película é visualmente moi fermosa, a fotografía excelente, en especial na reprodución da areosa e poeirenta terra siciliana; hai, ademais, escenas que parecen cadros, que representan moi ben a mestura de luxo e decadencia en que vive a familia protagonista. Os personaxes tenden, en xeral, á caricatura; esta tendencia ao exceso bufo non a percibín tan claramente na novela, onde o ton é acedamente irónico.
A narración resulta un pouco plana, ás veces parece que non avanza, que se recrea en exceso nos detalles (moi expresivamente, un espectador dixo que na película había "demasiados complementos circunstanciais") e hai certa desproporción na súa estrutura (a famosa escena do baile é, para algúns, o miolo temático do filme  mentres para outros é excesivamente longa). En todo caso, a película, como dixemos, respecta bastante fielmente a obra de Tomasi di Lampedusa e está considerada un clásico.






 


domingo, 24 de decembro de 2023

Un filme cada semana...ou cada mes..."You can't take it with you".


   Se hai un filme considerado propio do Nadal, é "Que belo é vivir", de Frank Capra. Todos os anos se emite na tele e xa case o sabemos de memoria...Pero hai outro, tamén de Capra, que imos comentar hoxe, e que representa tamén os valores deste director, moi axeitados para telos presentes  nestes datas. Estreouse en España co título "Vive como quieras" e tanto esta tradución coma o título orixinal reflicten moi ben a mensaxe deste filme clásico baseado nunha obra de teatro gañadora dun premio  Pulitzer, premiado con varios Óscar e que pode representar perfectamente o que se deu en chamar "o espírito do Nadal", se entendemos por tal o amor, a xenerosidade, o desinterese polo material, o "ser" por riba do "ter"...ademais de  transmitir alegría, optimismo e ganas de vivir.
   No filme, como case todos os de Capra, con elementos de "screwball comedy", preséntasenos a  historia de amor entre un representante da clase adiñeirada e unha rapaza pertencente a unha modesta familia (estrambótica, moito, pero na forma, que non no fondo) que representa ese vivir buscando a autorrealización prescindindo de ataduras sociais (curiosa é a escena  onde o avó se cuestiona a necesidade de pagar impostos). O contacto entre ambos mundos provoca a transformación  do pai de Tony, o namorado, personaxe que representa a ambición e o culto ao diñeiro, noutra persoa que recupera a humanidade que lle quedara polo camiño. O filme está, pois, cargado de valores morais, aínda que hai quen  critica o conformismo dos "pobres" e unha suposta propaganda do liberalismo; critícanse tamén a tendencia á caricatura nas situacións, a caracterización pouco afortunada das personaxes femininas e mesmo o racismo-clasismo en relación aos criados negros da familia Sycamore.
Como a película está baseada nunha peza teatral, atopamos escenarios predominantemente interiores e  certa tendencia á sobreactuación, De entre os personaxes, destaca o avó Sycamore, quen encarna os valores antes mencionados e outros, coma a incorruptibilidade ante o diñeiro, a lealdade aos afectos, a xenerosidade co "inimigo", a confianza, porque cada día trae o seu  afán...un personaxe marabilloso.
Por todo isto, e pese que para algúns é un filme demasiado meloso, mesmo escapista (filmouse en plena "Gran Depresión" tras o crac do 29 ) eu creo que é moi axeitado para estes tempos un pouco orfos de referentes e para estas datas nas que se supón que debemos esforzarnos por ser un pouco mellores.
                                                                             S. P .                       
                                                                                                             

   
   
   
 

xoves, 9 de novembro de 2023

Un filme cada semana...ou cada mes..."Arsénico por compasión".


 Filme considerado clásico, dirixido por un cineasta tamén clásico, baseado nunha  obra teatral de éxito, Arsénico e encaixe antigo (esta sería a tradución do título orixinal) é un exemplo de humor enlouquecido (con algúns, non todos, elementos de screwball comedy), puramente negro que, a case oitenta anos da súa estrea, provoca reaccións moi diversas: desde quen o considera unha xenialidade, até quen acha que envelleceu mal e que graza ten pouca.

Un crítico de teatro, recén casado, encóntrase, na casa das súas anciás e encantadoras  tías, coa sorpresa de que estas son, en realidade, unhas asasinas en serie; iso sí, como o título en español indica, "por compasión".  O filme ten un ritmo trepidante, ás veces mesmo esgotador; está protagonizado por un grupo de personaxes extravagantes algúns,  decididamente desequilibrados outros, e dá unha visión "amable" da loucura...até que aparece o personaxe que aporta ao argumento un toque de cine de medo: o irmán psicópata do protagonista (que lembra ao Frankenstein protagonizado por Boris Karloff). Para algúns, esta segunda parte da película perde a "frescura" da primeira, dándolle un xiro que non lle acae ben.
Ao ser un filme baseado nunha peza teatral, tanto as  interpretacións (tendentes á "sobreactuación"), como a escenografía e a iluminación resultan teatrais; isto, unido á fotografía en branco e negro, pode resultar disuasorio para os espectadores actuais, afeitos a outro tipo de cinema. Por outra banda, o humor, xénero sempre difícil, pode resultar neste caso,  para algúns,  rancio. Pese a todo isto, pode ser unha experiencia interesante para o  alumnado achegarse a un cine tan diferente daquel ao que están afeitos.
                                                                                               S. P.

xoves, 24 de agosto de 2023

Un filme cada semana...ou cada mes..."Les misérables"


 

A que, polo seu título,  parecería enésima versión do clásico de Víctor Hugo, pese a algunhas ligazóns coa novela (a máis significativa das cales,  a cita final, a xeito de "moraleja"), é, en realidade, representante do que se podería denominar "filmes da banlieue", "xénero"  iniciado con La haine, con algún título que nos toca de preto aos que vivimos o mundo das aulas (Entre les murs), ou este filme, do ano 2019 pero oportunamente emitido na televisión coincidindo cos graves  disturbios recentemente producidos no país veciño.
  Neste "xénero" cinematográfico tan francés, móstrasenos a situación explosiva que se vive nun país que, pese aos esforzos de integración, parece ter fracasado, de xeito que moitos dos barrios das súas cidades son avesporeiros nos que o conflito estala, na maioría dos casos, provocado por certas intervencións policiais pouco ortodoxas.  Este filme, dirixido por Ladj Ly,  un ex-habitante de Montfermeil (comuna onde se desenvolvía parte da acción da novela de Víctor Hugo), barrio hoxe "quente" da periferia parisina, poboado, como o propio director di, por miserables coma os da novela orixinaria, ten un desenvolvemento moi dinámico, é moi entretido, mesmo  con toques de humor sarcástico. Mostra a difícil, pero harmónica á súa maneira, convivencia entre os diferentes grupos que viven no barrio. Os protagonistas son tres policías, de métodos que por veces resultan non só ilegais senón faltos de ética, e os nenos, esa "herba" mal coidada da frase que fecha o filme;  estes, reaccionando brutalmente a un comportamento igualmente brutal dos policías, van transformar, no tramo final, o que parecía unha historia case costumista, nun pesadelo.
Les misérables obtivo varios premios, críticas positivas e éxito de público. É, ademais dunha moi aceptable ópera  prima, un documento tristemente interesante para achegarse a unha realidade moi dura, Paréceme recomendable.
                                                                                               S.P. 

domingo, 25 de xuño de 2023

Unha serie, baseada nun libro, cada semana...ou cada mes..."The flight attendant"


 

É unha serie baseada na novela de Chris Bohjalian.

É unha historia de suspense centrada na voráxine que vive Cassandra Bowden,  a súa protagonista, que é azafata de voo, tras despertar nunha habitación dun hotel en Bangkok. Tras despertar sen recordar nada da noite pasada, dáse conta de que está chea de sangue,  xa que á persoa con quen pasou a noite, que era un pasaxeiro do seu voo, matárono. Rapidamente recolle as súas cousas para coller o voo de volta a New York co resto da tripulación, pero o que non sabe é que o FBI a está esperando para facerlle unhas preguntas sobre a morte do pasaxeiro... E se realmente é ela a asasina?

 

Unha serie que é moi recomendable de ver para as persoas ás que lles guste o suspense,  xa que até o capítulo final te mantén  en vilo. Ideal para as calorosas sobremesas  de verán.

                                                    P. M. L-P.