venres, 22 de maio de 2026
martes, 19 de maio de 2026
Un filme cada semana...ou cada mes..."Mi querida señorita"
Con motivo da recente estrea dunha nova versión, disque bastante libre e moi axeitada a estes tempos de reivindicación do universo LGTBIQ+, dun clásico do noso cine do tardofranquismo, adiantado ao seu tempo, emítese unha vez máis, na televisión pública, o orixinal: "M querida señorita" de Jaime de Armiñán, e, unha vez máis véxoo e comprobo que, pese a detalles de ambientación, que resultan anticuados, e algunha inverosimilitude argumental, conserva a garra que me impresionou no seu día e que o converteu nun clásico de culto. Pese ao atrevido do argumento, parece ser que foi un filme de bastante éxito comercial e, pese a que aínda existía a censura o ano da súa estrea (1972, vivía Franco) conseguiu sorteala, o cal resulta bastante sorprendente.
A película foi definida como o que no seu día se chamou "cine trans" (hoxe cine LGTBIQ+), posto que narra a viaxe vital de Adela, "muller" con características sexuais ambiguas, á busca da súa verdadeira identidade sexual; tendo en conta que na época o tema era tabú e o nivel de coñecemento ao respecto era reducido, o filme resulta un meritorio achegamento, aínda que certamente hoxe resulte un pouco naíf e mesmo impreciso.
Boa parte da forza do filme repousa sobre as excelentes interpretacións (que "actorazos" había daquela...), especialmente a da "parella" protagonista (que desprende o que hoxe se denomina "química")e moi en especial a do protagonista absoluto, José Luis López Vázquez, quen, parece, ao principio non quería facer un papel que, mesmo do punto de vista físico, non parecía o máis axeitado para el, bastante tendente, ademais, ao histrionismo; un perigo isto último para dar credibilidde ao personaxe. O resultado foi, porén, unha actuación sensible e sobria, que crea un filme que, basculando entre comedia e drama, provoca emocións intensas no espectador (ao cal colabora a elección do "Estudio número 3" de Chopin como banda sonora dos momentos máis emotivos).
A película bordea ás veces a fronteira entre o sublime e o ridículo, pero sae airosa e mantén a atención do espectador até a última escena, unha desas escenas que quedaron para a historia dos finais máis impresionantes da historia do cine e que, parece, sorprendeu ao mesmísimo George Cukor (o filme concorreu aos Óscar na categoría de Mellor filme estranxeiro, que finalmente gañou nada menos que Luis Buñuel) quen acabou contratando a López Vázquez para un pequeno papel.
Aínda que "Mi querida señorita" foi fundamentalmente recoñecida pola súa temática transgresora, hai outras lecturas, complementarias a esta, que enriquecen o seu visionado. Así, nela móstrase a vida na España dos últimos anos do franquismo, especialmente na sociedade pequeno burguesa de provincias (a primeira metade da película rodouse, por certo, en Galicia) cunha visión crítica, especialmente, do papel reservado ás mulleres, co cal, a viaxe vital de Adela até chegar a Juan representaría a conquista da verdadeira identidade, o que dá ao filme un sentido bastante transcendental. É, ademais, unha película de amor, libre, transgresor, que estala na mencionada escena final, marabillosa.
Se o noso alumnado acode a ver a versión actual , a de Netflix, seguramente máis acorde coa súa sensibilidade, pode tamén achegarse a este clásico que no seu día impresionou aos seus maiores e que xa é historia do noso cine.
S.P.
venres, 8 de maio de 2026
martes, 7 de abril de 2026
xoves, 2 de abril de 2026
Un filme cada semana...ou cada mes..."Una quinta portuguesa".
Nesta sección, tan veterana no blog que é case vintage, nos últimos tempos publicamos recensións sobre libros e filmes un pouco, ou bastante por veces, antigos, para dar a coñecer ao noso alumnado un tipo de obras coas que quizais non estean moi familiarizados e ás que o tempo concedeu, na súa maioría, a condición de clásicas. Noutras etapas, predominaron as recensións, feitas polos propios rapaces, de obras máis modernas, guiados polo criterio do agrado que lles produciron e, nalgúns casos, dos valores que lles transmitiron, criterio este último, moi en consonancia cos obxectivos transversais dos currículos educativos. Hoxe, nestas datas nas que, ademais de celebrar os cristiáns a morte e resurrección de Xesucristo, se lembran valores fundamentais como a humanidade, a solidariedade ou a esperanza, imos facer unha recensión dun filme estreado recentemente, que obtivo varios premios e boas críticas e que presenta os valores enriba mencionados. Un filme sinxelo, que louva a vida tranquila e os bos sentimentos, un "beatus ille"moderno desenvolvido no país irmán, que conta o proceso de curación vital dun profesor español que sofre unha perda emocional devastadora e que, aínda que de xeito non moi ortodoxo (suplanta a un xardineiro morto que acababa de coñecer) inicia unha nova vida nunha fermosa quinta, propiedade dunha muller, tamén ela mesma ferida por unha traxedia persoal e social: a guerra de descolonización de Angola; este último tema introduce, aínda que de xeito atípico, pois se presenta desde o punto de vista do antigo colonizador, o tema, sempre sensible, do colonialismo.
sábado, 21 de marzo de 2026
sábado, 14 de marzo de 2026
Un filme cada semana...ou cada mes..."Thelma & Louise".
Con motivo do 8M, a televisión pública emite Thelma & Louise, película considerda de culto, un clásico do ano 1991 que non revisaba desde os meus verdes anos, cando me impresionou máis que agora, non sei se porque envellecu mal ou é cousa do meu propio envellecemento, que me fai verlle os puntos febles...En todo caso, é un filme polémico, mais cargado de premios e cunha forte pegada na cultura popular, desde o propio cine até a música, a televisión ou mesmo a literatura. E, especialmente, simbolizaría a liberación feminina, o que deu lugar ás maiores controversias, por mostrar esa liberación coma unha adopción de comportamentos considerados masculinos, fundamentalmente a actuación á marxe da lei e a violencia, moi característica, esta última, de certo cine estadounidense.
sábado, 7 de marzo de 2026
sábado, 28 de febreiro de 2026
sábado, 14 de febreiro de 2026
Un libro cada semana...ou cada mes..."Pecados sen conto" .
Nestes tempos de crítica a moitos valores dos USA , lemos un clásico vivo, que disecciona a súa sociedade e déixanos un sabor ben amargo, tanto pola dureza emocional do que conta, como porque moitas veces se pode extrapolar á nosa sociedade, tan influída, eu diría que colonizada, pola estadounidense. Sería o caso da celebración actual do día de San Valentín, (popularizada, segundo parece, a mediados do pásado século por uns coñecidos grandes almacéns) en que quizais a lectura destes contos resulte un pouco descorazonadora...
Pese a que se pretende profundar nos sentimentos dos personaxes, que dan lugar aos pecados do título, a sobreexplicación provoca, polo menos a min, o efecto contrario ao perseguido e deixa unha sensación de incomprensión e un baleiro emocional en relación a eses sentimentos. Si é interesante, en cambio, a pintura dos ambientes, moi diferentes en cada conto pero todos eles tipicamente estadounidenses.
En todo caso, tendo en conta que o obxectivo do autor parecía ser facer unha disección desa multitude de pecados aos que alude o título (no orixinal, "A multitude of sins"), paréceme unha obra malograda.
S.P.
















































