martes, 7 de abril de 2026
xoves, 2 de abril de 2026
Un filme cada semana...ou cada mes..."Una quinta portuguesa".
Nesta sección, tan veterana no blog que é case vintage, nos últimos tempos publicamos recensións sobre libros e filmes un pouco, ou bastante por veces, antigos, para dar a coñecer ao noso alumnado un tipo de obras coas que quizais non estean moi familiarizados e ás que o tempo concedeu, na súa maioría, a condición de clásicas. Noutras etapas, predominaron as recensións, feitas polos propios rapaces, de obras máis modernas, guiados polo criterio do agrado que lles produciron e, nalgúns casos, dos valores que lles transmitiron, criterio este último, moi en consonancia cos obxectivos transversais dos currículos educativos. Hoxe, nestas datas nas que, ademais de celebrar os cristiáns a morte e resurrección de Xesucristo, se lembran valores fundamentais como a humanidade, a solidariedade ou a esperanza, imos facer unha recensión dun filme estreado recentemente, que obtivo varios premios e boas críticas e que presenta os valores enriba mencionados. Un filme sinxelo, que louva a vida tranquila e os bos sentimentos, un "beatus ille"moderno desenvolvido no país irmán, que conta o proceso de curación vital dun profesor español que sofre unha perda emocional devastadora e que, aínda que de xeito non moi ortodoxo (suplanta a un xardineiro morto que acababa de coñecer) inicia unha nova vida nunha fermosa quinta, propiedade dunha muller, tamén ela mesma ferida por unha traxedia persoal e social: a guerra de descolonización de Angola; este último tema introduce, aínda que de xeito atípico, pois se presenta desde o punto de vista do antigo colonizador, o tema, sempre sensible, do colonialismo.
A partir desta premisa, a película desnvolve un relato de encontros entre seres feridos que necesitan, ás veces rompendo co seu pasado, seguir adiante e encontrar o sentido das súas existencias. E ese sentido ás veces encóntrase en familias creadas polo afecto e non polos lazos de sangue, fóra do lugar de nacemento e do entorno onde se desenvolvía a vida até entón: temas tan de actualidade coma os novos modelos familiares e as migracións entran así no argumento.
O filme ten un ton moroso, mesmo lírico por momentos, aínda que nun momento determinado se introduce un xiro de intriga (Quen é o "fantasma" do pasado de Manuel, o protagonista masculino, que irrompe no entorno da súa vida anterior e ao que ten que voltar para resolver a perda que o levou á súa nova vida?), cunha resolución que fecha moi ben o filme.
A película, como se dixo, transmite o valor das cousas naturais, da calma como xeito de vida, dos bos sentimentos. Todos os personaxes son boas persoas, que curan como poden as feridas e continúan, axudándose mutuamente, confiando uns nos outros, polo que, aínda sendo un filme que se podería cualificar de realista, mostra unicamente a cara máis nobre da condición humana e deixa un gusto optimista e esperanzador.
Centrándonos en aspectos técnicos, aínda que o filme, para un espectador, coma min, sen grandes coñecementos cinematográficos, é, en xeral, correcto, no apartado das interpretacións, o protagonista resulta un personaxe pouco carismático, cuxa profundidade intelectual e a súa bonhomía se intentan transmitir a través dunha serenidade que resulta inexpresiva; tamén falta forza na relación entre el e a propietaria da quinta onde se refuxia o que, ao ser esa relación un elemento fundamental da historia, resta emoción á narración.
Como apunte lingüístico , digamos que é interesante a utilización dos idiomas español e portugués; neste último caso, nós, galegos, podemos desfrutar poder acceder, sen necesidade de subtítulos, á escoita dun idioma que nos é tan próximo.
S.P.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




