xoves, 23 de outubro de 2014

CONMEMORACIÓNS



24 DE OUTONO: DÍA DA BIBLIOTECA


A UNESCO DECLARA O 24 DE OUTUBRO ‘DÍA DA BIBLIOTECA’. 


O INFERNO É O ABURRIMENTO  -de  A gárgola, de Euloxio R. Ruibal-, LOGO OS LIBROS SON A ESCALEIRA DO CEO”


Para celebrar este día seleccionamos páxinas  ou parágrafos sobre os libros, a lectura, os lectores e as bibliotecas. Unha páxina cada día desta semana.


XOVES 23


Cervantes dixit:


En algún lugar de un libro hay una frase esperándonos para darle un sentido a la existencia.

…………………..

Yo soy aficionado a leer hasta los papeles rotos de las calles…

……………………..

La pluma es lengua del alma: cuales fueren los conceptos que en ella se engendraren, tales serán sus escritos


                (Equipo da Biblioteca do IES P. ‘Eusebio da Guarda’)


:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


AS RELACIÓNS AUTOR LECTOR.

As relacións entre autor e lector son un tipo curioso de relación. No século pasado xurdiu unha corrente crítica denominada Teoría da Recepción Literaria que dalgunha forma trata ese feixe de relacións. Estes pensadores, teóricos e amantes do fenómeno literario, ven a obra literaria como algo dinámico: algo que cobra vida alén do autor, porque tamén interactúa despois o lector co acto de comunicación que a lectura é. O lector ten algo que dicir. Sempre.  De aí nace un mundo de riqueza inacabable, de diálogo continuo entre nós, os lectores, a propia obra, e o autor: a recíproca tamén vale.

Xa que mentamos a Miguel de Cervantes Saavedra (que apelidos tan galegos!, fixádevos e sentídevos copartícipes do seu significado), el, cando incorpora na segunda parte do Quijote a opinión que o seu libro mereceu entre o público lector, está xogando a este xogo dos múltiples espellos e das interrelacións infinitas entre autor e lector.

A Teresa Moure tamén lle gusta moito xogar neste sentido. En "Benquerida catástrofe", por exemplo, dedícalle páxinas enteiras a imaxinarme, imaxinarte, imaxinarnos (por certo, sabedes onde se coñecen os protas desa novela, Adán e Eva? Nunha biblioteca!, supoño que será a de Filoloxía, en Santiago, unha estupenda variante do locus amoenus dos clásicos), e incluso se permite ser pesada, coma unha super nai, aconsellándome que me poña cómoda, que escolla un bo sofá, que garde a calma e me bañe nas purísimas augas do Leteo, “entra coa alma espida”–este é un bo consello, xa o di o poeta persa, Imami, se queres que Deus se reflicta no teu espello [o corazón teu], o espello debe estar baleiro doutros lixos. En fin, que Teresa Moure é unha escritora moi receptiva ás modernas teorías literarias.

E por último –por hoxe xa abonda, a ver se aborrecedes logo o tema-, déixovos entre as mans un relato difícil pero brillante (do mellor e máis barroco que leo desde hai tempo na lingua rosaliana do século XXI, desde aquí clamo ao ceo por mil outonos máis para esta descoñecida Urganda noroesteña…), titulado “A ama de cría dos Punset” (pertencente ao libro "Contos da terra da tarde"), un relato que comeza trazando Bieito Iglesias un breve esbozo do lector ideal para el:

"Charles Dickens, nas Estampas de Italia, traza un retrato do seu lector moi afagador: tez clara, ollos alegres, nariz nada arrogante, boca risoña, aspecto radiante e expresión xeral sumamente agradable. Eu teño incluso mellor opinión do meu lectorado, de aí que non rebaixe a súa cultura estenténdome sobre quen veñen sendo os irmaos Punset".

Soberbio relato, francamente volo digo, ben servido de intelixente ironía galaica. 


                (Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do IES P. ‘Eusebio da Guarda’ da Coruña).






Ningún comentario:

Publicar un comentario