domingo, 26 de setembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O profesor"




   Frank McCourt describe na novela o seu día a día nas aulas de institutos de New York...e, aínda que o parecido entre as aulas nas que se desenvolve o seu traballo e as nosas é mínimo, hai algo, en todo o que conta, no que nos recoñecemos os profesores. Unha mostra:" A aula é un lugar de gran dramatismo. Nunca sabes o que fixeches por e para os centenares de alumnos que chegan e se van. Velos saír da aula: soñadores, apagados, burlóns, con admiración, sorrindo, desconcertados. Ao cabo duns anos, creas unhas antenas. Decátaste de se lles chegaches ou se os fixeches afastarse de ti. É unha química. É psicoloxía. É instinto animal. Estás cos rapaces e, mentres queiras ser profesor, non tes escapatoria. Non esperes axuda por parte dos que fuxiron da aula, dos de arriba. Están demasiado ocupados indo xantar e absortos en pensamentos elevados. Estás só cos rapaces." Os nosos alumnos, se len esta divertida "novela" autobiográfica, verán se se senten identificados con esoutros rapaces, tan afastados xeográfica e culturalmente.
   O libro é, como dixen, moi divertido, o ton é humorístico, retranqueiro (quizais o sangue irlandés de McCourt fai que o seu humor nos resulte moi próximo). E, máis aló de ser una obra moi apetecible para os que vivimos no mundo do ensino, os que pasamos toda unha vida no instituto, a nosa segunda casa,  é unha estupenda novela, ben escrita e moi entretida.
 
                                                                                              S. P.

domingo, 19 de setembro de 2021

Centenario Emilia Pardo Bazán 1851 - 1921












 

Unha serie literaria e cinematográfica cada semana...ou cada mes..."Harry Potter"


 En principio Harry Potter é unha serie de libros nos que o protagonista trata de descubrir quen matou aos seus pais grazas a un espello que descobre no instituto...A partir de aí, e xa tamén en filme, todas as aventuras dunha serie que non é só de magos, senón que fala tamén de competitividade, amizade, honra e capacidade de perdón. 

Esta serie gustounos a millóns de persoas que fomos medrando con cada un dos libros e cada unha das películas que conseguiron unir  a diferentes xeracións , grazas aos seus pintorescos personaxes, dos que observamos como falan, como se senten, todos descritos coas súas personalidades e caracterísitcas diferentes.

                                                                         M.V.  Adultos.

domingo, 12 de setembro de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Múltiple"


 

Debido a un trauma na primeira infancia, Kevin sofre un trastorno disociativo de identidade (DID), máis comunmente coñecido como Trastorno de Personalidadeúltiple. Dentro del conviven 23 identidades diferentes. Entre elas están as personalidades de Barry, un aspirante a deseñador de moda; Dennis, un obsesivo-compulsivo que sempre foi subestimado; Hedwig, un neno traveso de nove anos, e Patricia, unha muller de gran autoridade que actúa sospeitosamente amable. Para facer fronte ao seu trastorno, Kevin recibe axuda do doutor Fletcher, un psiquiatra que dedicou a súa vida a defender a xente con DID. O problema xorde cando algunhas das personalidades máis problemáticas de Kevin elaboran un plan cun misterioso e nefasto propósito. É entón cando Dennis secuestra a tres mozas adolescentes. E axiña os prisioneiros, dirixidos por Casey, atópanse nun búnker subterráneo e as súas vidas dependen deste peculiar captor con personalidades cambiantes.

O ritmo, perfecto. Pasan os seus 152 minutos sen notalos e as escenas lentas e rápidas mestúranse para marcar un paso coa consistencia suficiente para non aburrirse en ningún momento. As escenas construíronse coidadosamente, a súa disposición e iluminación xogan un papel importante na forma en que a cámara as captura e as mostra aos espectadores.

Os entornos, o suficientemente brillantes como para saber o que está pasando pero sen a luz para ver todo, deixan sombras en case todas as escenas e os primeiros planos da cara convértense nunha característica fundamental da película. Aínda que estas tomas compleméntanse con escenas máis abertas nas que o único que se pode mirar son as caras dos protagonistas.

Múltiple mantén en todo momento a tensión de descubrir quen é o verdadeiro protagonista da película. Por un lado está Kevin (ou calquera das súas 23 identidades) e, por outro, as rapazas secuestradas, Casey Cooke, e das que os flashbacks recorrentes nos amosarán o seu pasado e o que ten que ver co presente.

En conclusión, é unha película espectacular en que temas como trastornos psicolóxicos e sobre naturais son tratados e na que os actores destacan as súas habilidades actorais (especialmente Kevin, que ten que cubrir 24 papeis).

 Recomendo ver esta película un fin de semana mentres goza dun saboroso pudin.

                                             Francisco Santiago Montero Rieiro. Adultos.                                            

domingo, 5 de setembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O clube do crime dos xoves"


 

Nun tranquilo complexo residencial para xubilados, catro improbables amigos reúnense unha vez por semana para investigar antigos casos sen resolver. Eles son Ron o Roxo , mítico activista dos anos sesenta e setenta que non  perdeu as  súas ganas de liortas; a doce Joyce, unha enfermeira viúva non tan inxenua como aparenta; Ibrahim, un veterano psiquiatra cunha incrible capacidade de análise, e a tremenda é enigmática Elisabeth,  quen, aos seus oitenta e un anos, lidera este grupo de detectives afeccionados.

Cando un promotor inmobiliario da zona é atopado morto, este peculiar "clube do crime dos xoves” encóntrase co seu primeiro caso actual.  Chegou o momento de que estes octoxenarios saquen os seus ases da manga e demostren  aquilo do que son capaces de facer.

 

Na miña opinión, esta novela está moi ben para divertirse e pasar un bo momento se levas moito tempo lendo, e tamén é moi boa para empezar a collerlle o gustiño á lectura.

                        Pablo Miñambres López-Pereda. Adultos.