Amosando publicacións coa etiqueta Un libro cada semana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Un libro cada semana. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de setembro de 2026

Un libro cada semana...ou cada mes..."No galo de ferro" .


   Acaba de celebrarse o 50 aniverasrio da morte de Mao Tse-Tung, e, aínda que a China actual evolui, supoñemos, bastante nestes anos , segue resultando interesante a lectura do libro  No galo de  Ferro, de Paul Théroux, cuxa recensión, unha das máis antigas publicadas no blog,  recuperamos. 

      
Viaxamos á China post-maoísta (1986) acompañando a Paul Théroux, que colle o tren en Londres, atravesa Europa e chega a Rusia, onde colle o Orient Express, que o levará a Mongolia. Percorre despois toda China e finaliza no Tíbet.
        A viaxe é longa e interesantísima, por veces incómoda (ese frío, imposible de evitar...) Théroux fala con todo tipo de viaxeiros, que ofrecen unha visión  entre crítica e  desencantada, da chamada "revolución cultural"(sorprende o pobre concepto que,  en xeral, teñen de Mao). Chámanos tamén a atención que habitualmente o viaxeiro vai acompañado de "guías" subministrados polo goberno, que se encargan, supoñemos, de que non "investigue" máis da conta...
       China móstrase como un país complexo, variado, chocante en moitos aspectos. A impresión é que  Théroux non se sentiu a gusto;  de feito, case ao final, menciona Lhasa, a capital do Tíbet, como o único lugar onde desfrutou e que lamentou abandonar. En todo caso, acompañalo no galo de ferro resultou unha experiencia estupenda. 
                                                                  S. P.

domingo, 26 de xullo de 2026

Un libro, e dous filmes baseados nel, cada semana...ou cada mes..."Viaxes de Gulliver"


       Retomo, xa no outono da vida, un libro que me fascinou de nena e que nunca relera. Fágoo, ademais, recuperando a edición en que o lin no seu día, aquela da Colección RTV que a tantos nos abriu os ollos, xa de nenos,  a obras fundamentais da cultura universal  (e sen adaptar, que tempos...)e atópome cun prólogo  laudatorio de Álvaro Cunqueiro: un achado que garante que, pese ao medo á decepción, iso  non vai ocorrer con esta nova lectura, tan afastada no tempo da primeira, dun libro considerado clásico da literatura infanto-xuvenil e que, en realidade, é unha intelixentísima obra para adultos.

   Coma todo clásico, Viaxes de Gulliver admite múltiples lecturas e clasificacións: libro de viaxes (parodia, parece ser, dos da época); sátira da sociedade e a política   e da condición humana (nada novo baixo o sol desde aquel xa afastado século XVIII) ; ciencia ficción e fantasía (isto último permite que os rapaces se acheguen á súa lectura e a desfruten porque, ademais, está moi ben escrito, cun estilo áxil, expresivo e por veces suavemente humorístico). Esta  lectura que facemos de nenos, dá paso, de adultos, ao desfrute dunha crítica que non deixa "títere con cabeza.".

   O narrador protagonista, que parte dunha postura inocente e mesmo servil cara ao poder, vai evoluindo a unha crítica que remata na misantropía (como parece que lle ocorreu ao seu autor), porque todas as sociedades que visita están corrompidas por vicios e defectos até que, finalmente, a que esperta o seu aprecio é a dos houyhnnms, os "nobres brutos" que superan aos humanos (os odiosos yahoos) en intelixencia e humanidade. Se esa é a ensinanza final, amarga é a visión do mundo que nos deixa Swift...



Viaxes de Gulliver é un dos clásicos que deu lugar a máis versións, secuelas e imitacións literarias e audiovisuais. Destacamos, entre estas últimas, dúas, cosideradas tamén clásicas, sobre todo a estadounidense, e pioneiras do punto de vista técnico .A primeira éViaxes de Gulliver, de Max Fleischer (1939), filme de animación, con  música, enfocado a un público infantil e desprovisto, por tanto, da carga ideolóxica da novela, ademais de ficar reducido o argumento, liberrimamente adaptado, á viaxe a Liliput. É, porén, un filme moi interesante e unha das primeiras longametraxes de animación, na liña que proseguirá  Disney con tanta fortuna até hoxe.


  A outra versión, menos coñecida mais sumamente interesante, é O novo Gulliver, de Aleksandr Ptushko (1935), curioso filme soviético de monicreques animados( esteticamente  expresionistas) que aborda a historia (novamente reducida á viaxe a Liliput) desde unha óptica propagandística, rasgo moi característico do réxime comunista da época. 

   O visionado desdes dous filmes, adaptacións libres e que reproducen o espírito da cultura da época e do lugar onde se produciron, comparado coa lectura do orixinal literario, pode constituír un exercicio interesante para o alumnado que guste de  analizar as relacións entre literatura e cine.

                                                                                                                  S.P.

sábado, 14 de febreiro de 2026

Un libro cada semana...ou cada mes..."Pecados sen conto" .


      Nestes tempos de crítica a moitos valores dos USA , lemos un clásico vivo,  que disecciona a súa sociedade  e déixanos un sabor ben amargo, tanto pola dureza emocional do que conta, como porque moitas veces se pode extrapolar  á nosa sociedade, tan influída, eu diría que colonizada, pola estadounidense. Sería o caso da celebración actual do día de San Valentín, (popularizada, segundo parece, a mediados do pásado século por uns coñecidos grandes almacéns) en que quizais a lectura destes contos resulte un pouco   descorazonadora...                 
       Richard Ford, narrador que algúns críticos consideran representante do "Realismo suxo", presenta, aínda que cun estilo máis prolixo do habitual neste movemento, algúns dos  seus elementos máis característicos: os protagonistas son seres vulgares (aínda que non tan desastrados coma os de Carver ou Bukowski) dos que se retratan as súas miserias; no caso deste libro de contos, céntrase especialmente en parellas, das que se ofrece unha visión bastante desmoralizadora. 

       Pese a que se pretende profundar nos sentimentos dos personaxes, que dan lugar aos pecados do título, a sobreexplicación provoca, polo menos a min, o efecto contrario ao perseguido e deixa unha sensación de incomprensión e un baleiro emocional en relación a eses sentimentos. Si é interesante, en cambio, a pintura dos ambientes, moi diferentes en cada conto pero todos eles tipicamente estadounidenses. 

       En todo caso, tendo en conta que o obxectivo do autor parecía ser facer unha disección desa multitude de pecados aos que alude o título (no orixinal, "A multitude of sins"), paréceme unha obra malograda.

                                                                                                      S.P.


martes, 17 de xuño de 2025

Un libro cda semana...ou cada mes..."Algo supostamente divertido que nunca volverei facer"


 Recuperamos, agora que están tan de moda os cruceiros, unha das primeiras recensións publicadas neste blogue, hai xa bastantes anos...E quzais máis de actualidade agora que no seu día...


Relín recentemente un libro que vos recomendo, un libro moi curioso. É Algo supostamente divertido que nunca volverei facer, de David Foster Wallace.É unha obra difícil de clasificar: trátase dunha reportaxe para unha revista, pero, en mans de Wallace, transfórmase nalgo a medio camiño entre o xornalismo e a literatura. É a crónica dun cruceiro polo Caribe que, a través dos ollos do autor,  resulta ser unha experiencia esgotadora, contraria ao que se promete desde os folletos publicitarios e que se irá facendo cada vez máis insoportable até chegar a presentar o desembarco como unha liberación.

   É unha obra humorística até o absurdo, cun estilo por veces prolixo (isto é o que menos me gusta) que desmitifica as supostas marabillas dos cruceiros paradisíacos e, por extensión, satiriza o consumismo salvaxe da sociedade estadounidense de finais do século XX (o libro é de 1997). 

   Moi recomendable para quen pense embarcarse este verán...

                                                                                                                 S.P.

luns, 10 de marzo de 2025

Un libro cada semana...ou cada mes..."A cor púrpura"



 "A cor púrpura" (1982), Premio Pulitzer e Premio Nacional do Libro de Ficción, novela polémica pola dureza da súa temática e por ofrecer unha visión bastante crítica do varón afroamericano, obtivo grande popularidade,  até o punto de ser adaptada ao cine en 1985 por Steven Spielberg, convertida en comedia musical en Broadway en 2005 e levada novamente ao cine, tamén como musical, en 2023.
   É unha novela en forma de cartas que a protagonista, Celie, que vive no Sur dos Estados Unidos, suponse que nas primeiras décadas do século XX,  dirixe, primeiro a Deus, despois á súa irmá Nettie, quen tamén escribe,  desde África , á súa irmá maior. Pertence, pois, ao xénero denominado epistolar, que supón, nesta novela, dúas narradoras internas, con diferente nivel cultural e cunha expresividade distinta: máis espontánea, con bastante retranca, no caso de Celie, máis coidada e con maior delicadeza no caso de Nettie.
   A través do intercambio de cartas ao longo de trinta anos (tendo en conta que é unha novela bastante breve podemos falar de relato sumario ) asistimos a unha historia de abusos e  crueldade por parte dos varóns da novela sobre as mulleres, quen, grazas á súa sororidade, conseguirán superar a súa situación. É unha novela considerada feminista, onde o citado concepto de "sororidade" é un elemento temático fundamental, que  mesmo chega a  derivar en amor lesbiano entre Celie e Shug, prototipo, xunto a outra personaxe, Sofía, de muller emancipada. Resulta interesante que, nunha época de reivindicación da negritude nos EUA, unha autora negra ofreza unha visión crítica da súa raza (certo é que dos homes), e o racismo por parte dos brancos teña un papel secundario.
   Como se dixo, a dureza do que se conta, e a forma tan directa de facelo, provocou debate, até o punto de aparecer a obra na lista dos libros máis censurados no país. Parte desa crueza se suaviza na, por outra banda bastante fiel, versión cinematográfica de Steven Spelberg ; o filme  foi moi popular no momento da súa estrea, mais non obtivo ningún dos  11 Óscar aos que optaba. A contundencia temática da novela, suavizada no filme especialmente no referente ao lesbianismo da protagonista, vese compensada pola forza visual, as excelentes interpretacións e a banda sonora, que dá ao filme un ton de blues. Acentúanse tamén os momentos humorísticos, o que provocou opinións diversas: para algúns, restan forza ao dramatismo da historia, mentres para outros axudan a aliviar o peso do drama que se narra.
As versión teatral e, posteriormente, a recente versión fílmica , segundo as críticas que consultei (non coñezo de primeira man ningunha das dúas), continúan na liña de Spielberg, no relativo á suavizar a temática,  e aumentan o peso do musical. Trataríase de obras, creo,  cun espírito bastante  diferente do orixinal literario.
                                                                                                          S.P.




domingo, 27 de outubro de 2024

Un relato, e o filme baseado nel, cada semana...ou cada mes..."Os mortos"(Dublineses).



    Habitualmente, as adaptacións de textos literarios  ao cine  resultan decepcionantes. Especialmente se o texto escrito ten unha carga de profundidade psicolóxica e/ou de reflexión ideolóxica, case sempre na voz do narrador, que tende a perderse, ou empobrecerse, no filme. Pero neste caso, a versión cinematográfica, bastante fiel ao modelo literario, non o desmerece (se James Joyce é un clásico das letras universais, John Huston éo do cine).

   O fío argumental é sinxelo: unha reunión para celebrar un baile-cea de Epifanía, que se describe na súa banalidade, deixa paso a un desenlace inesperado e conmovedor, cunha reflexión sobre a vida e sobre o pouso que os mortos deixan nela. A partir deste argumento, o conto de Joyce transcorre coma unha detallada descrición, con toques costumistas, da celebración, cunha tendencia ao protagonismo colectivo, aínda que destaca Gabriel, o sobriño das anfitrioas, que será, finalmente, xunto coa súa muller, Gretta, o protagonista da mensaxe final do conto, e cuxo punto de vista, a través do uso do monólogo interior, alterna co do narrador externo; no filme, este monólogo redúcese a momentos moi puntuais.
   Os personaxes, aínda que non demasiado desenvolvidos psicoloxicamente (con tendencia á caracterización indirecta), son unha significativa representación   da burguesía irlandesa de principios do século XX, con leves pinceladas de clasismo (no conto, non no filme, a propósito das orixes de Gretta), racismo (nos comentarios de Freddy Malins sobre un cantante negro) ou nacionalismo (no personaxe de Molly Ivors, que aporta, ademais, un toque levemente humorístico a dúas obras, especialmente a cinematográfica, bastante serias).
   Tanto o conto coma o filme resultan morosos na descrición da reunión, e é  só na parte final onde se revela a verdadeira intención dos autores, moito máis transcendental do que o desenvolvemento podía facer pensar. Para min a película é superior ao conto na suxestión, ao longo de case toda a metraxe, da presenza deses mortos do título aboiando silentes sobre os vivos; a iso contribúe a melancólica banda sonora e a fotografía, na que contrasta a brancura e a frialdade da neve (simbólica en ambas obras)  coas cores cálidas, pero un pouco escurecidas, do interior, onde se desenvolve practicamente toda a acción . O feito de desenvolverse toda a acción en interiores, xunto coa importancia dos diálogos (que contribúen á caracterización indirecta dos personaxes) dan ás obras un toque claramente teatral. Polo contrario, o relato  supera ao filme nas reflexións da voz narradora e,  sobre todo, de Gabriel, que se resumen ao mínimo na película.
Creo que para o alumnado que desexe iniciarse na lectura de James Joyce, "Os mortos" pode ser un bo punto de partida, antes de somerxerse en lecturas máis complexas, completado coa visión da fermosa película, a última, a súa  despedida, de John Huston.
                                                                             S. P.

martes, 6 de agosto de 2024

Un libro cada semana...ou cada mes..."Crónicas marcianas".

  


Neste mes, cheo de viaxes, algunhas a lugares exóticos e afastados, e, aproveitando a recente descuberta de posible vida en Marte, recuperamos unha das primeiras recensións publicadas neste blog.


Publicado en 1960, "Crónicas marcianas" narra a colonización de Marte por parte dos terrícolas, entre 1990 e 2026. Trátase dunha obra de ciencia-ficción que, lida hoxe, época en que se desenvolvería a súa acción, resulta encantadora pola inocencia coa que pinta as viaxes interplanetarias e a vida en Marte. 

   A obra está moi ben escrita, alternando momentos de fermoso lirismo con outros de áxil estilo narrativo, moi cinematográficos. Pódese desfrutar coma obra de puro divertimento pero tamén coma crítica da soberbia do ser humano, que tenta de impor a súa "civilización" mesmo alí onde xa existe outra. Non podo dicir que é o que non me gusta porque me gusta todo: é un clásico da narrativa do século XX.


   Existe unha miniserie televisiva, de 1980, dispoñible na rede, que se aproxima con bastante fidelidade á novela, e consegue transmitir, nalgún dos episodios, parte do seu  misterioso magnetismo. E, en tempos de efectos especiais espectaculares, resultan encantadoramente vintage os da miniserie. Para visionar acariñados polo lene ritmo estival.
                                                                                                                    S.P.


 

martes, 25 de xuño de 2024

Un libro, e a súa versión cinematográfica, cada semana...ou cada mes..."Il gattopardo"


 Un clásico que gaña con cada relectura, que se fai inmenso a medida que imos cumprindo anos e que, como obra mestra que é, ten varias "capas" de lectura, a máis profunda das cales trata sobre un dos grandes temas da literatura: o poder devastador do paso do tempo.

Desde a perspectiva do protagonista,  Don Fabrizio, príncipe siciliano en cuxo escudo familiar figura o felino que dá título á novela, asistimos, no contexto histórico da unificación italiana, á transformación da antiga sociedade aristocrática noutra onde irrompe unha nova clase dominante: a burguesía arribista . Os que coñezan a obra de Otero Pedrayo, recoñecerán o tema  nas novelas que tratan a decadencia da fidalguía galega. 

A obra pode catalogarse como novela histórica, pero ademais, ou especialmente, como novela de personaxe pois, a pesar de ter un narrador externo, toda ela, excepto a breve parte final, un epílogo tras a morte do protagonista, está contada desde a perspectiva de Don Fabrizio, quen observa, cunha mestura de melancolía e irónico humor amargo, a realidade que o rodea. De novo lembramos a Otero Pedrayo, e algúns dos seus fidalgos, personaxes con luces e moitas sombras, coma Don Fabrizio, pero presentados con afecto polos seus creadores, membros da mesma clase social.

A crítica dixo que Don Fabrizio está inspirado no bisavó do autor, pero probablemente a súa visión da vida sexa tamén a do propio autor, un home xa preto da morte (a novela publicouse postumamente). E, aínda que, como se dixo, o paso implacable do tempo e a morte inevitable son o grande tema da obra, nesta latexa a Vida; cunha expresividade e unha penetración psicolóxica admirables, Tomasi di Lampedusa pinta, en escenas, cadros da vida da familia e do contorno do protagonista, quen, aínda que no esplendor da súa madureza, sabe que o destino último do ser humano é morrer.

                                                                                                        



   A novela, publicada en 1958, tivo, en 1963,  unha versión cinematográfica, considerada obra mestra até o punto de  ser, para moitos, un dos infrecuentes casos en que a película é superior á obra literaria na que se basea, opinión coa que non concordo. "Il gattopardo" de Visconti é unha adaptación relativamente fiel da novela, con algunha licenza de peso, como a eliminación dos capítulos finais, co que a morte do protagonista só fica suxerida no filme. Ademais,  o  punto de vista de don Fabrizio, as súas reflexións  e observacións, (tan importantes na novela), fican esvaecidas no filme, substituídas por xestos, silencios, olladas na, por outra banda, moi celebrada interpretación de Burt Lancaster quen, porén, non consegue transmitir todos os matices emocionais do personaxe.

   A película é visualmente moi fermosa, a fotografía excelente, en especial na reprodución da areosa e poeirenta terra siciliana; hai, ademais, escenas que parecen cadros, que representan moi ben a mestura de luxo e decadencia en que vive a familia protagonista. Os personaxes tenden, en xeral, á caricatura; esta tendencia ao exceso bufo non a percibín  tan claramente na novela, onde o ton é acedamente irónico.

   A narración resulta un pouco plana, ás veces parece que non avanza, que se recrea en exceso nos detalles (moi expresivamente, un espectador dixo que na película había "demasiados complementos circunstanciais" ) e hai certa desproporción na  súa estrutura  ( a famosa escena do baile é, para algúns, o miolo temático do filme mentres para outros  é excesivamente longa). En todo caso, a película como dixemos, respecta bastante fielmente a obra de Tomasi di Lampedusa e está considerada un clásico.

                                                                                                             S.P.

  

xoves, 29 de febreiro de 2024

Un libro cada semana...ou cada mes..."Middlesex".

   Middlesex, premio Pulitzer de ficción no ano 2003, proposta como candidata ao que nos EUA chaman "grande novela americana"(en realidade, estadounidense) e éxito de vendas no seu día, é unha novela de máis de seiscentas páxinas que se len sen enteirarse pola súa amenidade e pola abondosa información que aporta sobre moi diversos temas, de plena actualidade vinte anos despois da súa publicación: a  inmigración, os disturbios raciais, a brutalidade da guerra e, sobre todo, a intersexualidade. Aínda que o fío condutor é a historia de Callíope/Cal,  personaxe a cuxa condición sexual se refire o título (en xogo de palabras co nome do barrio onde se instala coa súa familia) e pode, polo tanto, cualificarse de "novela de personaxe", encaixa tamén en moitos outros subtipos: é "novela de aprendizaxe", porque presenta a transición da nena Callíope ao mozo, e finalmente adulto Cal, que é quen narra, en analepses, esa evolución. Tamén ten elementos de "novela histórica", porque unha boa parte dela conta a historia dos avós gregos do/da protagonista, co fondo da guerra greco-turca dos anos 20 do pasado século, que os empuxa a fuxir aos EEUU, onde vivirán os conflitos raciais de Detroit  nos anos sesenta. Tamén ten elementos de "novela de viaxe", na parte en que Callíope, ao descubrir a súa verdadeira condición, foxe e viaxa a San Francisco, onde se transformará en Cal.Ten,  así mesmo,  pinceladas de novela de intriga, con episodios como a desaparición e sorpresiva reaparición do tío de Callíope, Zizmo, ou a parte final, referida á morte do seu pai. Pero ademais é, fundamentalmente,  o que se denomina "saga familiar", xa que se narra a historia de varias xeracións da familia do narrador protagonista.
   A novela ten un ton traxicómico, porque, aínda que se narra con lixeireza e frecuentemente con humor, a trama está chea de acontecementos moi serios, mesmo tráxicos; algúns críticos consideran un elemento de traxedia clásica o incesto (neste caso, dos avós),  que provoca, como  castigo dos deuses, a intersexualidade de Callíope/Cal; o seu nome, xunto coa súa  condición  hermafrodita serían ademais elementos da mitoloxía.
   A obra é, como se ve, monumental, tanto por  extensión coma por multiplicidade argumental ; quizais se percibe nela unha certa desorganización, tanto na alternacia das voces narradoras (os puntos de vista de Callíope/Cal confúndense ás veces cos dunha voz omnisciente) coma nos saltos temporais e argumentais. Falta certa profundidade na caracterización dos personaxes,   especialmente no caso de Callíope/Cal, de quen se esperaría  unha maior redondez psicolóxica, máxime tendo en conta a complexidade da súa traxectoria vital. Dá a sensación de que o autor (quen recoñece, por certo, algúns elementos autobiográficos na obra ) quixo abarcar moitos temas e enleouse un pouco. Aínda así, é unha novela moi interesante, entretida e orixinal. Que non é pouco.
                                                                                             S.P.

 

sábado, 23 de setembro de 2023

Un libro cada semana...ou cada mes..."La familia grande".


 

   Unha portada (na edición española), un título (en español no orixinal; ignoro o porqué)  suxiren o paraíso: a familia (a de sangue e a outra, a dos amigos) que durante décadas se reúne en Sanary para desfrutar da natureza e, sobre todo, da liberdade, é a de Camille Kouchner quen, con esta novela testemuño,  sacudiu a sociedade francesa hai un par de anos, ao revelar que, nese aparente paraíso,  se agachaba o inferno dos abusos a menores. E, se o escándalo foi tamaño, foi porque a familia da autora, herdeira do espírito libertario do maio do 68, pertence á chamada "gauche caviar", elite política e social do país veciño (con membros do goberno francés e do parlamento europeo entre eles)

   Kouchner, despois da morte da súa nai, emprende unha viaxe emocional a un pasado escuro, ocultado, que a destruiu, até  que liberou  o segredo que gardaba e que a envolvía coma unha serpe (a hidra da que fala ao longo do libro). Asistimos ao derrubamento dunha familia disfuncional, cuxa visión da vida, supostamente positiva (a liberdade por enriba de todo) resulta unha absoluta falta de valores que acaba destruíndoos; e todo, agachado tras a consabida hipocrisía e, sobre todo, o silencio (sabíase...ou imaxinábase...)

   O estilo narrativo é directo, por veces un pouco desleixado; non se agochan os aspectos máis sórdidos da historia, aínda que tampouco se recrea neles. O ton é seco, cortante, transmite certa frialdade, o que dificulta a empatía coas vítimas do drama narrado.  En todo caso, a sensación que queda tras a lectura é demoledora: mesmo entre aqueles que din querer cambiar o mundo a mellor, habitan monstros.

                                                                                                                   S.P.

 

martes, 18 de xullo de 2023

Un libro cada semana...ou cada mes... "Travesuras de Guillermo"



Recuperamos para este verán, unha das primeiras recensións desta  xa anciá sección do blog, sobre un clásico da literatura infanto-xuvenil, un pouco esquencido, coa esperanza, agora que está tan de moda o vintage, de que algún xove lector se sinta tentado a coñecelo...

Case todos os veráns, desde os xa lonxincuos da infancia, "viaxo" a unha idílica vila da campiña inglesa para acudir á miña cita con Guillermo Brown. E debo dicir que, aínda que se trata de literatura infanto-xuvenil, segue divertíndome e encantándome como naqueles anos en que eu tiña a idade do protagonista...Certo é que, daquela,  eu vivía as súas aventuras con esa  emoción que nunca máis se experimenta, e hoxe desfruto especialmente a ironía e o fino humor  co que a autora describe a sociedade inglesa das primeiras décadas do século XX.

Guillermo vive coa súa familia nunha apracible vila. Trátase dunha familia acomodada, sempre preocupada polas trasnadas de Guillermo, incorrixible capitán dos proscritos (panda de amigos que, comandados por el, organizan as aventuras máis enlouquecidas, froito da fantasía do protagonista quen , ideando unha realidade paralela, se mete en mil leas, das que non sempre sae ben parado). Guillermo, coma os nenos burgueses  de Os Biosbardos, de Blanco-Amor, odia as constricións da clase á que pertence,  e a maioría das súas aventuras xorde da fuxida, por medio da fantasía, desa realidade que detesta.

Mágoa que unhas historias tan deliciosas, que tanta felicidade proporcionaron a xeracións de nenos, (e non tan nenos) estean hoxe practicamente esquencidas...Desde aquí anímovos  a recuperalas. Vale a pena.

                                                                                                                S.P.






sábado, 27 de maio de 2023

Un libro cada semana...ou cada mes..."A milla verde"




Outubro de 1932, cárcere de Cold Mountain. Os presos condenados á morte agardan o momento de ser sentados na cadeira eléctrica polos seus actos de loucura, homicidio e vinganza. Paul Edgecombe, carcelario, coñece a John Coffey, asasino de dúas rapazas, un home enigmático dotado de poderes paranormais. Sumerxido nunha intensa dúbida sobre o verdadeiro pasado de John, Paul establecerá unha complexa relación de amizade co preso… Quen é realmente John Coffey e de que xeito exercerá cambios na vida de Paul?
Esta foi unha das moitas novelas que ultimamente tiven a sorte de poder ler. O autor,  Stephen King, aínda que célebre mundialmente máis ben pola súa narrativa de terror, toma con esta novela un enfoque completamente distinto; os vampiros e as criaturas malignas dun amplo universo terrorífico que ao longo dos años nos deu a coñecer, esvaecen totalmente aquí. Pero isto non me induciu dúbida algunha no momento de ler a obra; sempre pensei que, se ben é certo que me fascinaron aqueles relatos cheos  de pantasmas e demos, a magnificencia destes debíase en parte á pericia do autor para contar ben historias. Como xa expliquei no anterior parágrafo, esta novela está ambientada nun cárcere na que os condenados á morte viven os seus últimos meses previos á súa execución na cadeira eléctrica. O narrador e protagonista, Paul Edgecombe, como axiña se descobre, non é un home feito para facer de verdugo nunha sociedade completamente segura de que electrocutar aos malfeitores é o único método de impor xustiza no mundo, senón que, en cambio, aprende a coñecelos máis íntimamente. E aquí cabe resaltar o que, na miña opinión, esta novela fai mellor:
  mostrar que as cousas non son sempre, como moitos poderían pensar, brancas ou negras. No mundo real, a diferenza do que aprendemos de pequenos, non sempre resulta tan simple discernir entre a maldade e a bondade e, en ocasións, ambas poden ben encontrarse mesturadas; poucas veces conseguín encontrar esta clase de realismo reflectido nunha obra. Por conseguinte, o lector comprenderá que non todos os presos no cárcere de Cold Mountain son malos nin loucos necesariamente. Ás veces, as desgrazas que a mala sorte exerceu  neles conformaron o sustento dos crimes que máis tarde cometeran, despois de que as súas esperanzas e crenzas esvaeceran como engulidas pola entropía do destino. Outras, desvélase ante nós a atrocidade dun sistema legal  completamente inxusto como é o da condena á morte: non todos os executados son sempre culpables. Así, en cada conversación ou interacción entre Paul e os presos, existe unha atmosfera escura e inquietante que acompaña ao desenvolvemento da situación, que é a nosa conciencia de que todos aqueles presos, quizais máis cedo que tarde, percorreran “a milla verde” con dirección á cadeira eléctrica como última travesía na súas vidas. E, finalmente, a novela consegue sinalar que, se cabe, ás veces son os homes libres, afastados das limitacións que impoñen as reixas do cárcere, os verdadeiros monstros axexando entre a escuridade e fuxindo de delitos na nosa sociedade.
Outra cousa para min moi ben conseguida é a tridimensionalidade dos personaxes da que a novela se encontra plena, aínda que, quizais, non era de esperar menos dun escritor como Stephen King. Pero o que verdadeiramente me abraiou foi o feito de que o personaxe polo que máis cariño sentín e aquel que,  poderíase dicir, menos di ao longo da historia, John Coffey, o personaxe principal motor da historia, o presunto
responsable do asasinato de dúas xemelgas, un home de estatura por encima dos dous metros, negro e cunha misteriosa mirada de tristura incesante plasmada  no seu rostro. Penso que, a través deste personaxe, Stephen King mostra como a abundancia de diálogos non é obrigatoria para crear un personaxe que se sinta vivo. Aínda meses máis tarde permanece na miña memoria a única ocasión en que John Coffey fala extensamente, dedicando a Paul (e ao lector) as súas opinións máis directas e concisas, fruto da súa bondadosa inxenuidade algunha vez existente, sobre o decadente mundo no que, desgraciadamente, vivimos.
                                                                              C. P . 
 

venres, 28 de outubro de 2022

Un libro cada semana...ou cada mes..."Antoloxía de Spoon River"


 Publicado hai máis de cen anos, este clásico da literatura estadounidense consérvase moderno e fresco. Trátase dun libro de poemas que son, en realidade, capítulos dunha novela coral protagonizada polos habitantes do cemiterio da imaxinaria localidade Spoon River;  os personaxes que nos contan, en primeira persoa, as súas historias, fano liberados xa (ou non, porque a maioría amosan os mesmos sentimentos que tiñan en vida) das súas paixóns. 

Máis de douscentos  seres, de toda condición social e moral, revelan segredos cos que marcharon á tumba, emocións agachadas, relacións prohibidas, miserias, grandezas...En definitiva, ofrecen, post- mortem, un retrato da condición humana no que nos podemos ver reflectidos todos.

Escrita cun ton grave, como corresponde ao contido do libro, pero non exenta ás  veces dun certo humor amargo, con referencias históricas e culturais que a fan unha lectura en ocasións difícil, é, en todo caso, unha obra profunda, orixinal e moi interesante.

                                                                                                                         S.P.


domingo, 28 de agosto de 2022

Un libro cada semana...ou cada mes..."As dozuras do fogar"




         Os personaxes que nos presenta Flannery O´Connor estremécennos pola crueldade coa que se relacionan entre si; a visión da sociedade sureña dos Estados Unidos que nos transmite é terrible: familias onde os sentimentos mesturados acaban provocando dramas,  racismo  e clasismo, certa relixiosidade ambigua aboiando sobre seres que humanamente deixan moito que desexar...
       Os contos, aínda que realistas, son estraños, transmiten unha sensación de irrealidade, desacougante, de desesperanza na condición humana e no sentido da existencia. Aínda así, ou por iso mesmo, resultan hipnóticos, están moi ben narrados, manteñen a tensión emocional até os finais, que soen ser, algúns sorprendentes, outros terribles, todos impresionantes. Sen dúbida, Flannery O'Connor é una narradora excepcional.
                                                                             S. P.