venres, 30 de xaneiro de 2015

CONMEMORANDO

VENRES 30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ



ACTIVIDADES DESTE DÍA 


ÁS DEZ DA MAÑÁ  RODEAMOS A SIMBÓLICA POMBA PICASSIANA NA PRAZA DE PONTEVEDRA, DIANTE DO NOSO INSTITUTO. MOITOS DE NÓS LEVABAMOS UN GLOBO NA MAN CUNHA MENSAXE ALUSIVA Á PAZ.


ENCHEMOS CON POEMAS TABOLEIROS.





ENCHEMOS DE POMBAS DE CORES CORREDORES.


POÑEMOS Á VISTA  AQUELES LIBROS DA NOSA BIBLIOTECA ONDE HAI UN POEMA DEDICADO Á PAZ.



CONMEMORANDO



VENRES 30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ
 
POEMAS FEITOS POLOS ALUMNOS PARA CELEBRAR O DÍA DA PAZ


A paz,

Sentimento de moitos,

Realizado por poucos.


(Miguel A. Otero Pérez, 4º V)



:::::::::::::::::::::::::::::::::::


Flores nos campos de guerra

Corpos inertes nos fosos

Non ás guerras,

Non ás mortes.

Collidos das mans gritemos

Nós ás guerras,

Non ás mortes.

Ata cando máis guerras?

Ata cando máis mortes?


                               (Ronny Monar, 4º V)


::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


A paz é un sentimento.

A paz é a tranquilidade.

A paz é a liberdade.

E a pomba a súa identidade.

Foi Picasso o seu pintor.

Nelson Mandela un loitador,

Que adiante sacou a súa nación.

E aínda que morreu xa,

A paz levamos del no corazón.

                               (Jaqueline Micaela Calle Francisco, 3º V)




::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


Amigo, comigo podes contar

E todos unidos imos gañar

Contra as inxustizas dos que nos queren mal.

Contra as guerras en terra e mar.

O día da Paz

É un día para recordar.

Pero non é só un día,

Todos os días queremos amar.

Podemos amar, podemos respectar,

E con iso conseguimos a Paz.

                                               (Alicia Cabana, 3º V)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Paz, eterna paz,

Quixera eu que fora así,

Sen guerras, nin envexa,

Oxala iso puidera existi!



Pasan sede, fame, frío,

Os que viven sen fogar.

Oxalá a paz os protexa,

Paz, eterna paz...

                                               (Amanda Quintela Iglesias, 1º B ESO)


::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


MARCHA MUNDIAL POLA PAZ

Marchemos pola paz e a non violencia,

Pedindo o fin das guerras este día,

Todos urxente tomemos conciencia,

Temos dereito a vivir en harmonía!



Que esta marcha percorra o planeta,

Chamada de protesta á sociedade,

Rexeita todo tipo de violencia,

Polo ben teu e da humanidade.



Polo fin das discriminacións,

Non! á crecente ameaza nuclear,

Pola pobreza dalgunhas rexións,

Xera concienc ia na sociedade.



Que os enfrontamentos non sexan máis!

A vida é sagrada, debémola valorar.

Que as nosas voces se fagan escoitar,

Marchemos unidos reclamando a paz!

                                                               (Marta Meléndez García, 2º D ESO).


xoves, 29 de xaneiro de 2015

CONMEMORANDO


VENRES 30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

PAX ROSALIANA

Procuramos en Follas Novas a concorrencia do concepto que celebramos, a paz.
Máis que unha análise do concepto ‘paz’ en xeral,  acabamos analizando a idea que a autora ten dese concepto: posto en relación coa súa psicoloxía interna. Hai que ter en conta que Follas Novas é un libro profundamente existencialista e que a maior parte dos poemas onde aparece a paz son intimistas, máis que sociais.     
Pero tamén é verdade que o sentir individualista, de persoa única (a Rosalía de carne e óso) pasamos ao sentir xeral, ao plano humano. Rosalía é paradigma de humanidade, e moitas veces, de humanidade que sofre.

Un poema básico e sobranceiro é este:

Paz, paz deseada

Pra min, ¿onde está?

Quizais n'hey de tela...

¡N'a tiben xamais!

Sosego, descanso,

¿Ond'hey d'o atopar?

N'os mals que me matan,

N'a dor que me dan.

¡Paz! ¡paz tiés mentira!

¡Pra min non'a hay!

Neste poema a paz é un claro símbolo do descanso, probablemente da dor psicolóxica. Pensamos que esta é a paz por excelencia, a paz do espírito que todos algunha vez desexamos. Unha paz que o eu poético parece negarse a si mesmo, está clara a idea pesimista de que xamais conseguirá a tranquilidade e a felicidade que desexa.
Nun segundo poema,

N'A CATEDRAL

Com'algun dia'po-los corrunchos

D'o vasto tempro

Vellos e vellas, mentras monean

Silvan as salves y os padre nuestros.

Y os arcebispos n'os seus sepulcros

Reises e reinas con gran sosego

N'a paz d'os mármores tranquilos dormen

Mentras n'o coro cantan os cregos.

O organo lanza tristes cramores

Os d'as campanas responden lexos,

Y a santa imaxenen d'o Redentore

Parés que suda sangre n'o Huerto,


a paz é a da morte: relacionada co mármore, coa pedra, dános idea de imperturbabilidade, de perfección. Porque o estado onde se dá é a eternidade. 

No seguinte poema, 

PASADE

Brila'rayo d'aurora,

Cal un sono de paz branco e purisimo,

¿A aquel que naceu cego que ll'importa

O teu fulgor divino?
Xemí serenas ondas

C'o romor d'os pinares,

Músicas ¡ay! e cantos y armonías

Par' un

xordo ¿que valen?
¡Pasá!... pasade hermosas,

Feitizo d'os qu'esperan e d'os qu'aman;

Amores e praceres son mentira

Pra quen tén seca á yalma, 

Vemos como ese termo, a paz, se refire a un estado ideal anímico, de benestar, de satisfacción , como o que se pode dar nos soños. A vinculación da paz á luz fainos tamén pensar nunha iluminación psíquica. Observamos tamén que a paz aquí aparece integrada na paisaxe: é un atributo da paixaxe, un marco (máis que un marco: un contexto vital imprescindible) propio do poeta romántico (aínda que sexa un romanticismo serodio). Volvemos a sentir que o poeta dubida de conseguir a felicidade e por conseguinte a paz. De aí que poidamos dicir que a paz se presenta como Utopía, fronte á incapacidade do individuo para lograr ser plenamente feliz. 

No poema número catro do noso catálogo,  

—¡Valor! qu'anqu'eres como branda cera,

Aquí en perigro estamos,

E n'outro lado a libertá che espera,

Qu'aqui ninguen che dera.

—Vamos, señor, a donde queiras... ¡Vamos!

—Tan nobre eres, meu ben, com' esforzada,

Mais, ¡tembras coma à cerva acorralada,

Ora que xuntos por ventura estamos

Para fuxir, ña prenda namorada!...

—¡Pois, fuxamos... fuxamos!...
—¿Tès medo, miña vida,

A sères nos meus brazos sorprendida

E a que xuntos, amándonos morramos?

—¡Ay, non, qu'a dicha así fora cumprida...

Mas, partamos... partamos.

                                                           ¡E adios, paz e virtù, sempre querida!,

a paz da alma vincúlase estreitamente coa virtude, coa moralidade. É case filla dun pacto social.
Pasemos agora ao poema que nos fala de Sir J. Moore, xacente no coruñés xardín de san Carlos:
Que n'hai poeta, ensoñador esprito

Non pod'haber, qu'ô contemprar n'outono

O mar de sec'amarillenta folla

Qu'ó teu mausoleo con amor cobexa;

Qu'o contemprar n'as alboradas frescas

D'o mes de Mayo as sonrosadas luces

Qu'alegres sempre á visitarche veñen

Non diga «Asin cand'eu morrer, poidera

Dormir en paz, n'este xardin frorido,

Preto d'o mar... d'o cimeterio lonxe!...»

¡Que ti n'escoitas en jamas ou, Moore!

Choros amargos, queixumbrosos rezos,

Ni-os outros mortos á chamarte veñen,

Pra que con eles n'a calada noite

A incerta danza d'os sepulcros bailes.

Sô doçe alento d'o cogollo qu'abre,

D'á frol que mucha ó postrimeiro adiose,

Loucos rebuIdos, infantiles risas,

De lindos nenos qu'á esconderse veñen,

Sin med'á tí tras d'ó sepulcro branco.

Y algun-ha vez ¡moitas quizais! sospiros

D'ardent'amor, qu'ó vento leva donde

Dios sabe sô... por sin igual compaña

Dichoso tês n'habitacion postreira.

Y ó mar, ó mar, ó bravo mar que ruxe

Cal rux'aquel que t'arrolou n'a cuna,

Mora ónda tí, ven á bicar as pedras

D'un chan d'amor que con amor te garda,

Y arredor teu deixa crecé-Ias rosas!...

¡Descans'en paz, descans'en paz ¡ou, Moore!

(negriña nosa), volvemos ver que a paz equivale a un descanso tras a morte: pero á diferenza do poema da catedral, aquí está ausente a connotación de frialdade: aquí a paz vén acompañada de connotacións agradables, rebuldeiras, cerca do mar, é unha paz case bucólica, unha paz desexada.  Subliñemos de paso como ama Rosalía a natureza que rodea a tumba de Moore. 


Nunca d'o mar as ondas

Doces se tornarán,

Nunca tua sorte terca

C'a dicha amainará,

Nin c'a ilusion t'alentes

D'un brando descansar;

Que só o sono d'a morte

O triste dorme en paz

 Igual ca antes: a paz tras a morte: máis ca un estado ditoso, trátase tan só dun descanso necesario.


E tornou á vivir, arrepentido

Anque trist'e dorido,

Aquel probe coitado:

Pideull'á Dios perdon d'o seu pecado,

E Dios compadecido

Mandoulle santa paz e doce olvido.

Tras o sufrimento, o mal, e o pecado, a paz coma un agasallo que Deus dá milagrosamente: pódese interpretar de novo que esta doa só chega coa morte. 

En tant'os carros sin parar chirraban,

Mentras ô seu compás os carreteiros

Despaciosos cantaban;

E aqui á fonte corria,

Ala n'un-ha canteira resoaban,

Metalicos, os picos d'os pedreiros.

Mais preto os cans ladraban

Y antr'a follax o vento rebulia

Indo d'as encanadas ôs outeiros...

¡Canta paz! ¡canto sol!... ¡canta alegría!

Aquí “Paz” non alude ao silencio, á tranquilidade, á morte… Senón que se deixa interpretar como aquela paz que que se corresponde coa vida de cada día, a vida que para cada ser humano é a que quere, realiza, procura, desfrutando co que fai. Hai tamén unha contraposición entre a harmonía/perfección da natureza (e a paz que achega) e a civilización caótica e frenética. Intuímos o desexo de volver ás orixes. A unha vida máis en harmonía co entorno natural.
O mesmo que neste noveno fragmento:


Esos varios sendeiros d'as montañas

Ôs fondos vales cân...

Aló enriva ó sun sund'os pinos bravos,

En baixo á doçe paz.

N'a cima crara luz, aires purísimos,

Salvaxen soledá. 

¿Pódese interpretar metaforicamente? ¿Pódese pensar que é a humildade - a fonte da felicidade e a paz, que a paz está “abaixo” e non arriba, na cima da sociedade? É moi posible que ese sexa o ideal rosaliano, estar lonxe do estrés e dos problemas do mundo urbano.

En calquera caso, e concluímos xa, parece estar claro que a paz rosaliana tende a ser unha utopía. E como case todas as utopías, necesaria para o desenvolvemento completo do ser humano.

(Ainhoa Grandío Álvarez e Iván Pérez Simón, 1º F de bacharelato. Curso 2014-2015).