CRÓNICAS VIAXEIRAS BETANCEIRAS (II)
Pasou o verán, pero o día que se nos presenta indica o
contrario. Recíbenos a Cidade dos Cabaleiros en mercado, postos con castañas,
repolos para plantar… Pola praza do Campo ou dos benefactores Irmáns García
Naveira circula un tractor pequeño portando diferentes produtos, non é
agresivo, mestúrase coa pátina de cores dos froitos da praza.
Ao pouco acode ao noso auxilio unha técnica de Cultura do
Concello, para acompañarnos nunha sorte de visita guiada. Vai debullando diferentes
personaxes ao longo da historia betanceira: os Irmáns G. N., filántropos e
enciclopedistas; Claudino Pita, quen fixo que o globo siga sendo un referente
máis de cen anos despois, referente satírico e visual; Alonso de Lanzós,
referente irmandiño no Betanzos baixo medieval; Fernán Pérez de Andrade o Bo,
quen intenta emparentar con san Pedro de Mezonzo a nivel espiritual (adopta o
lema do bispo creador da Salve, “Ave Maria, gratia plena”) e amósase coma un
home forte: o seu sartego aparece na Igrexa de san Francisco sustentado sobre
un oso e un xabarín (símbolos de poder temporal).
Tamén percorremos prazas e edificios únicos, coma as
igrexas; partindo xa de extramuros, san Domingos (desde a súa torre guíase o
globo na partida), logo Santiago no máis alto do Castro Untia, recíbenos na súa
portada un Santiago cabaleiro, pseudo matamouros de cartón pedra. Entramos e a atmosfera trasládanos a principios da
Baixa Idade Media; a luz fíltrase por medio de vidreiras. Chámanos a atención o
retablo de san Roque. Saímos do templo e enfronte, ergueita, impertérrita está
a torre de Lanzós, capaz de esculcar toda a contorna no punto máis álxido de
Castro Untia. Continuamos o noso camiño polo centro histórico; márcasenos as
coordenadas da primeira muralla, xa viramos outra referencia na Porta da Vila;
ao pouco enfronte do Mercado encontrámonos coa dificultade de escoller o camiño
a seguir: á dereita santa María do Azougue, á esquerda san Francisco. Bendito
problema! A decisión é unánime, visitamos as dúas. Santa María é un
espectáculo: por se non tivésemos suficiente arte dánsenos novas coordenadas
temporais, no retablo aparece o Calendario Agrícola, sempre vencellado ao
Calendario Litúrxico. En san Francisco destaca o sartego de Fernán Pérez de
Andrade o Bo; a igrexa é luminosa, lanzal. No noso deambular polas dúas veciñas
igrexas quedamos coa imaxe de santa María, intercesora, salvando a humanidade
das ascuas do inferno. Sinalaremos, por último, o fachendosos que parecían os
Andrade, non só se emparentaban espiritualmente con san Pedro de Mezonzo, non
só dominaban o ámbito do temporal situándose por riba de ósos e porcos bravos,
senón que se atreveron a variar a simboloxía do Agnus Dei, por un Porcus Dei
(no curuto do tellado vese ben: a cruz chantada no porco bravo, nun claro proceso de cristianización de vellos
mitos totémicos).
Continuamos o noso periplo cara á rúa dos Prateiros, onde
acougamos as nosas carencias físicas na antiga Botica, auténtico conxunto de
cacharros que gardan historias centenarias de enfermidades, cacharros
discretos, inmóbeis testemuñas da intrahistoria betanceira.
(Fotos de Pedro Rodríguez)
Saímos a extramuros, recordando o carácter acoutado de
Betanzos polos cursos fluviais do Mendo e do Mandeo. Achegámonos á Ponte Vella,
onde embarcamos na lancha “Diana Cazadora”, para remontar o Mandeo ata o Campo
dos Caneiros. Non é agosto, pero queremos departir confidencias e viandas río
arriba acompasados polo fresco. Para espelírmonos preséntase diante nosa un
vieiro ameno ata o couto de Chelo, hora e media acarantoñados pola Nai
Natureza. De volta xa, na lancha, agasallados pola beleza das ribeiras do
Mandeo, un fluír sutil a cabalo entre o
líquido e o gaseoso, sen sentir o peso da materia.
Vémonos
en Betanzos!!!
27
de setembro do 2014
Antonio Fondo Rodríguez, Bibliotecario do IES Plurilingüe ‘Eusebio da Guarda’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario