“AbPharousqueadPharumBrigantium”
A creación da
Biblioteca de Alexandría débese en parte ao impulso de Alexandre Magno, aínda
que a súa posta en marcha non se dá ata comenzos do século III a.C. cos
Ptolomeos I e II.
Alexandre formárase
da man de Aristóteles en moral, bioloxía, drama, lóxica e estética. Despois das
súas conquistas ansiou que o seu legado fora identificado coa cultura, non coa
guerra, respondendo así á concepción helenística do mundo.
A antiga Alexandría,
ao Norte de Exipto, situada nun lado do Delta do Nilo (arteria principal de
África), rodeada de auga, ten un gran porto. Na illa de Pharo érguese unha das
sete marabillas do Mundo, o Faro de Alexandría, resplandor que se podía ollar a
50 km de distancia. Alexandría, da man da súa magna biblioteca era un fito illado,
pero liberado e liberador, nunha urbe que respira frescura de pensamento.
Será o xerme da
Proto-Universidade, centro de investigación e de debate da man do matemático
Arquímedes e Apolonio, o poeta. Alí fanse as primeiras trazas cartográficas do
mundo.
Esta realidade
supón unha paréntese no mundo no que prevalece o bélico e o poder temporal.
O 24 de outubro,
Día da Biblioteca (desde 1997), en vésperas da maioría de idade, ha de ser unha
conmemoración pacífica pero non illada. Ha de ser sinal de que sabemos vivir na
universidade da vida, case que 24 séculos despois da posta en marcha da Biblioteca
de Alexandría. Non ha de ser un feito illado, insistimos, ha de ir da man do exercicio da lectura e por
extensión do coñecemento:
-Coñecemento para
ser capaces de labrar as nosas diferenzas en base ao respecto e ao diálogo.
-Coñecemento para
aprender de desafortunadas experiencias pretéritas.
-Coñecemento para
aprender da diversidade cultural e de pensamento para acadar o máximo expoñente
intercultural, como sinal de progreso.
-Coñecemento para
aprender a valorar o propio, fundamento da nosa identidade.
Coñecemento para
trazar pontes, atravesar montañas, cruzar mares e océanos, salvar ríos a poder
dunha lectura repousada e interiorizada, de aprender a saber estar.
Cadaquén ha de ser
dono do seu rumbo nesta singradura, na vida. As cartas naúticas e os libros son
os alicerces do noso percorrido intelectual, imaxinario, pero ao fin e ao cabo
real.
Agardámoste en
calquera recanto do saber, non importa o idioma nin o soporte, anque si como
pitos acubillados e alumeados polo noso Faro, a romana Torre de Hércules,
emparentada co Faro de Alexandría.
(Antonio Fondo Rodríguez, bibliotecario do IES P. 'Eusebio da Guarda', da Coruña)