UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 27 AO 31 DE OUTUBRO
Como sabedes, a semana pasada celebramos no Instituto que o
venres 24 era o Día da Biblioteca. Entre outras cousas, fixemos unha exposición
de libros –libros para coller, botar un vistazo, ler, levar a casa en
préstamo...- que transcorrían, en maior ou menor medida, nunha biblioteca.
Tamén valían obras literarias onde os libros en xeral xogasen un papel
importante.
A nosa Biblioteca de referencia (Biblioteca amiga), a
Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, deixounos unha morea de xoias de
papel para esa exposición. Desde aquí novamente o noso agradecemento.
Eu collín un e leveino a casa a fin de semana. Bonita
portada (libros que parecían aqueles de Gredos de cando eu era estudante, e un
xarrón de cerámica tradicional con flores: creo que vou copiar o modelo para a
foto de perfil de guasap), marabillosa edición de ‘Acantilado’. É “Mendel el de
los libros”, de Stefan Zweig. Lese dun tirón nun par de horas. A vida do prota
transcorre na habitación de atrás dun café en Viena –onde o saben acompañar, o
café, de bo chocolate. Mendel é un home atípico: unha especie de louco
apaixonado das rarezas bibliográficas: o narrador relémbrao con emoción e
respecto a posteriori. Nunca coñecera nin volverá coñecer un home con tal
espírito de concentración. O núcleo incuestionable é o amor polos libros dunha
mente prodixiosamente orixinal. Unha concentración absoluta, quixotesca, nese
amor. Unha defensa da liberdade humana de ser como un queira ser, se esa
existencia non mata nin produce morte. Basicamente.
Pouco máis vos digo, salvo que vos deberiades animar a ler
este libriño un ano destes. De paso, recordade que o suízo Zweig (por certo que
agora que o digo, si que se nota que o autor é suízo: hai na obra unha comparanza
implícita entre a delicada estrutura do cerebro e a delicada estrutura dunha
máquina, coma un reloxo) é xa un clásico europeo. Non pasa facilmente de moda.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')
Ningún comentario:
Publicar un comentario