Espertamos hoxe coa terrible noticia da morte (de tristeza, dise nos xornais) da valente muller e excelente artista Marjane Satrapi que, no ano 2000, publicou o cómic Persépolis", posteriormente levado ao cine, hai xa case vinte anos e, tristemente, de actualidade aínda hoxe. O filme obtivo varios premios, o máis importante dos cales o Premio do Xurado do Festival de Cannes, que precisamente se celebra o mes de maio. Satrapi obtivo, ademais, o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades en 2024. Para homenaxeala, recuperamos unha das primeiras recensións publicadas neste blog, no ano 2015, por unha alumna de Diversificación Curricular, exercicio que facían , con moi bo resultado, aqueles alumnos, que desfrutaron con madurez e aproveitamento, de sesións de cine de calidade.
xoves, 4 de xuño de 2026
Un filme, baseado nunha banda deseñada, en homenaxe a Marjane Satrapi. "Persépolis"
Espertamos hoxe coa terrible noticia da morte (de tristeza, dise nos xornais) da valente muller e excelente artista Marjane Satrapi que, no ano 2000, publicou o cómic Persépolis", posteriormente levado ao cine, hai xa case vinte anos e, tristemente, de actualidade aínda hoxe. O filme obtivo varios premios, o máis importante dos cales o Premio do Xurado do Festival de Cannes, que precisamente se celebra o mes de maio. Satrapi obtivo, ademais, o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades en 2024. Para homenaxeala, recuperamos unha das primeiras recensións publicadas neste blog, no ano 2015, por unha alumna de Diversificación Curricular, exercicio que facían , con moi bo resultado, aqueles alumnos, que desfrutaron con madurez e aproveitamento, de sesións de cine de calidade.
martes, 2 de xuño de 2026
Un filme cada semana...ou cada mes..."Cría cuervos".
Con motivo do 50 aniversario deste filme, e da súa obtención do Gran Premio do Xurado do Festival de Cannes, ex aequo con La marquise d'O, de Éric Rohmer ( o xurado estaba presidido por Tennessee Williams e contaba, entre os seus membros, con Mario Vargas Llosa), recuperamos a recensión publicada en abril de 2023, como homenaxe, daquela, a Carlos Saura, morto en febreiro do mesno ano e un dos directores máis importantes e prolíficos da historia do noso cine.
Recentemente faleceu Carlos Saura, cineasta xa clásico antes da súa morte e, como homenaxe póstuma, comentaremos un dos seus filmes máis coñecidos.Nel, a protagonista adulta, mediante analepse (as anacronías son constantes na película) adoptando a perspectiva da nena (todo ollos, en sentido real e figurado)que foi, lembra a vida dunha familia burguesa, a súa, na España das últimas décadas do franquismo. O matrimonio mal levado, a causa do machismo do pai, militar, e a insatisfacción da nai, muller frustrada gravemente enferma; as relacións entre criadas e señores...Quen vivise na España desa época recoñecerá esa sociedade, tan distinta da actual, vista cunha ollada fortemente crítica.
Pero, ademais desa lectura realista (algúns críticos falaron de "costumismo español") a película é tamén unha reflexión dura, por veces turbadora, sobre o mundo da infancia, todo menos idílico; o propio director afirmou que consideraba a infancia unha das etapas máis terribles do ser humano. Ana, a protagonista, é unha nena observadora, intelixente mais tamén cruel, implacable; non hai idealización da mente infantil senón que se mostran as luces e as sombras da psique humana, e intuímos os efectos da infelicidade e do desequilibrio que provén da desestruturación familiar, no retrato dunha nena moi ferida. Ecos de Bergman, como suxeriu algunha crítica?
Saura, cineasta de filmografía moi extensa e variada, introduce nas películas desta etapa, as máis complexas, escenas oníricas; nesta, a mestura entre realidade e irrealidade é menor que noutras, pero tamén se dá, e aprécianse ecos do seu admirado Buñuel.
Cría Cuervos é un clásico do noso cine e, aínda sendo cine de autor, acadou certo éxito popular: desde o seu ambiguo título até a interpretación de Ana Torrent, con eses ollos cheos de vida propia, sen esquencer a banda sonora, na que destaca a canción "Porque te vas", que os que temos unha certa idade coñecemos e cantaruxamos máis dunha vez e que se converteu nun éxito internacional pese a que, parece ser, non gustaba a ninguén, excepto a Saura, que a mantivo no filme, como el mesmo dixo, coa súa teimosía aragonesa.
Para concluir, lembremos que a película obtivo prestixiosos recoñecementos internacionais, o que é unha mostra máis da súa calidade.
S.P.

