Case todos os veráns, desde os xa lonxincuos da infancia, "viaxo" a unha idílica vila da campiña inglesa para acudir á miña cita con Guillermo Brown. E debo dicir que, aínda que se trata de literatura infanto-xuvenil, segue divertíndome e encantándome como naqueles anos en que eu tiña a idade do protagonista...Certo é que, daquela, eu vivía as súas aventuras con esa emoción que nunca máis se experimenta, e hoxe desfruto especialmente a ironía e o fino humor co que a autora describe a sociedade inglesa das primeiras décadas do século XX.
Guillermo vive coa súa familia nunha apracible vila. Trátase dunha familia acomodada, sempre preocupada polas trasnadas de Guillermo, incorrixible capitán dos proscritos (panda de amigos que, comandados por el, organizan as aventuras máis enlouquecidas, froito da fantasía do protagonista quen , ideando unha realidade paralela, se mete en mil leas, das que non sempre sae ben parado). Guillermo, coma os nenos burgueses de Os Biosbardos, de Blanco-Amor, odia as constricións da clase á que pertence, e a maioría das súas aventuras xorde da fuxida, por medio da fantasía, desa realidade que detesta.
Mágoa que unhas historias tan deliciosas, que tanta felicidade proporcionaron a xeracións de nenos, (e non tan nenos) estean hoxe practicamente esquencidas...Desde aquí anímovos a recuperalas. Vale a pena.
S.P.