martes, 29 de xuño de 2021

Concurso de videorrecitado de poemas

 O departamento de Lingua castelá e Literatura convocou 
no mes de abril  un concurso de videorrecitado de poemas
entre o alumnado de ESO e Bacharelato.
Os participantes debían gravar vídeos recitando os seus 
poemas, nos que podían utilizar efectos visuais e sonoros, 
caracterizacións... 
Os premios repartíronse en dúas categorías: un para 1º, 2º 
e 3º de ESO; e outro para 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
Os premiados recibiron diploma e un cheque regalo 
por valor de 30 euros en libros.
 

Iria López Iglesias, alumna de 2º de ESO, 
gañadora do concurso de videorrecitado de poemas 2021
 
 



 

domingo, 27 de xuño de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."El chico de las bobinas"


 Nil Roig é un rapaz que pasa  ó día na bicicleta transportando bobinas dun cine a outro na cidade de Barcelona. O día do seu décimoterceiro aniversario é testemuña dun crime no portal da súa casa. Mentres o asasino foxe despois de ameazalo, o moribundo entrégalle ao neno un cromo dun famoso actor de cine da época,  que é moi perseguido por un ex comandante da Gestapo e un policía sen escrúpulos. O feito de que o asasinado lle entregue a Nil o cromo pronunciando o nome do seu pai desaparecido arrastrará ao neno a resolver un segredo do pasado que pagará moi caro.

Esta novela retrata unha Barcelona de luces e sombras onde as mulleres que aparecen teñen unha fortaleza incomparable, xa que a guerra civil foi moi dura.

                                          Pablo Miñambres López Perea, 2º Bacharelato Adultos.


domingo, 20 de xuño de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."300"


 

Dende tempos antigos escoitamos falar do noso valente pasado; daqueles tempos nos que se falaba de grandes pobos que loitaron pola súa liberdade ante enormes exércitos, sobre valentes guerreiros que arriscan todo por amor, coraxe, honra e orgullo...  A película 300 trasládase a estes tempos que antes se caracterizaron pola honra  ante todo 

"Espartanos ... esta noite cearemos no inferno" : con esta frase podemos definir 300, unha película que se centra en Esparta,  unha das culturas máis enigmáticas da historia. Poderíase dicir que son excepcionais,  porque son unha cultura eminentemente bélica, dedicada enteiramente á guerra. Teñen un código de honra sobre o que significa ser espartano e dela sae unha clase heroica como antes  nunca se vira.

A trama describe a historia do rei espartano Leonidas e dos seus 300 guerreiros espartanos que loitaron ata a morte contra un "rei-deus" persa, Xerxes e o seu exército de soldados. Debido á furia da batalla, a raíña espartana intentou obter o apoio de Esparta para o seu marido, convocando ao senado espartano, xa  que "O rei morrería se non enviaran o exército", pero o senado traizoou a toda Esparta e e non se puido enviar o exército, deixando a Leonidas e os seus 300 homes abandonados no campo de batalla. Leonidas deu a vida por Esparta, polo honor da súa terra, demostrando que o sangue espartano é sangue de guerreiro.

Esta película é moi boa xa que nos dá boas mensaxes,  como a coraxe de Leonidas ao loitar só cos seus 300 homes contra o exército de Xerxes;  unha historia que nos fala de loitar sabendo que non se pode gañar. Outro valor   é  o amor da  muller espartana, que  deu  o seu corpo para salvar ao seu marido; todos estes elementos xustifican o éxito de 300.

En conclusión, recomendo esta película, porque, ademais de proporcionar mensaxes positivas, estas van acompañadas de efectos cinematográficos que nos levan a mergullarnos no pasado.

Tamén quería, para rematar, poñer en relación a temática da película coa dun poeta que estudamos este curso, Eduardo Pondal, o cal en poemas como "Morrer en brando leito" menciona os heroes  que protagonizan o filme e mostra a súa admiración polos valores da antiga Esparta.

                                           Gema Conde Negreira, 1º Bacharelato Adultos.

domingo, 13 de xuño de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."A verdade sobre o caso Harry Quebert"


 

Ano 2008, o escritor Marcus Goldman acaba de cumprir trinta anos e está no cume da súa carreira. Cando a editorial lle pide ao escritor unha segunda novela, este encóntrase na síndrome da páxina en branco. Entón decide ir en busca da única persoa que o pode axudar, o seu amigo, o famoso escritor Harry Quebert. Todo se torce cando un día os xardineiross descobren no xardín de Quebert o cadáver de Nolla Kellergan, unha nena de quince anos que desaparecera no ano1975 e con a que Harry mantiña unha relación...

Na miña opinión, este libro é un das novelas obrigatorias de ler polo "enganche" que xera a historia e porque é un bo comezo para ser un fan da lectura.

                                                     Pablo Miñambres López-Perea, 2º Bacharelato Adultos.

domingo, 6 de xuño de 2021

Un filme, baseado nunh libro, cada semana...ou cada mes..."Into the wild"


  A película está baseada no libro de Jan Kraka. A historia trata sobre Christopher Mc Candless, un home que, ao rematar a universidade, inspirado por Thoreau ou Tolstoi,  e canso do materialismo, a hipocrisía e o egoísmo da sociedade, decide emprender unha viaxe a Alaska para atopar na natureza a felicidade e o verdadeiro sentido da vida. No camiño vive moitas experiencias e deixa todo o seu mundo atrás, pero, cando finalmente chega ao seu destino, atópase só, afastado de todos na soedade da vida salvaxe e dáse conta de que a felicidade só é real cando é compartida.

Nesta película atópanse moitos valores e ensinanzas, ademais dunha reflexión sobre a nosa sociedade e sobre nós mesmos. Trátanse temas coma o materialismo e as aparencias, o moito que temos e o pouco que necesitamos realmente. A familia de Christopher é  unha familia desestruturada á que só lle importa aparentar estar ben, con coches caros e un fillo con boas cualificacións académicas. Fálase tamén da procura de identidade, do amor e do perdón aos demais e a un mesmo.

Ademais, a banda sonora desta película é excelente , case todas as cancións son de Goldie Vedder e tratan temas moi axeitados á historia: o rexeitamento da sociedade, a liberdade e a natureza.

Outro aspecto destacable son as paisaxes; vemos moitas cidades diferentes na viaxe de Christopher: as imensas montañas no corazón de Alaska.

Na miña opinión, esta é unha película que todo o mundo debería ver polo menos unha vez na vida. Vemos a sociedade que seguimos tendo, convertidos en persoas materialistas que miran por riba do ombro aos que teñen menos. Somos seres egoístas, e estamos tan cegados pola sociedade que esquecemos o realmente importante: os valores e o sentido da propia vida. Centrámonos en estudar, traballar, ter unha boa casa e ser mellores que os demais. Esquecemos que o noso tempo neste mundo é breve e non vivimos a vida como deberiamos, non nos centramos en buscar o noso propio sentido e felicidade, deixámonos levar para ser como o sistema quere que sexamos.

Penso que todos somos Christopher Mc Candless, e por iso esta película é unha obra mestra: profunda, moralista e, sobre todo, real. 

                                          Jéssica Lesta González, 1º Bacharelato Adultos.