domingo, 24 de setembro de 2023
sábado, 23 de setembro de 2023
Un libro cada semana...ou cada mes..."La familia grande".
Unha portada (na edición española), un título (en español no orixinal; ignoro o porqué) suxiren o paraíso: a familia (a de sangue e a outra, a dos amigos) que durante décadas se reúne en Sanary para desfrutar da natureza e, sobre todo, da liberdade, é a de Camille Kouchner quen, con esta novela testemuño, sacudiu a sociedade francesa hai un par de anos, ao revelar que, nese aparente paraíso, se agachaba o inferno dos abusos a menores. E, se o escándalo foi tamaño, foi porque a familia da autora, herdeira do espírito libertario do maio do 68, pertence á chamada "gauche caviar", elite política e social do país veciño (con membros do goberno francés e do parlamento europeo entre eles)
Kouchner, despois da morte da súa nai, emprende unha viaxe emocional a un pasado escuro, ocultado, que a destruiu, até que liberou o segredo que gardaba e que a envolvía coma unha serpe (a hidra da que fala ao longo do libro). Asistimos ao derrubamento dunha familia disfuncional, cuxa visión da vida, supostamente positiva (a liberdade por enriba de todo) resulta unha absoluta falta de valores que acaba destruíndoos; e todo, agachado tras a consabida hipocrisía e, sobre todo, o silencio (sabíase...ou imaxinábase...)
O estilo narrativo é directo, por veces un pouco desleixado; non se agochan os aspectos máis sórdidos da historia, aínda que tampouco se recrea neles. O ton é seco, cortante, transmite certa frialdade, o que dificulta a empatía coas vítimas do drama narrado. En todo caso, a sensación que queda tras a lectura é demoledora: mesmo entre aqueles que din querer cambiar o mundo a mellor, habitan monstros.
S.P.