domingo, 24 de decembro de 2023

Un filme cada semana...ou cada mes..."You can't take it with you".


   Se hai un filme considerado propio do Nadal, é "Que belo é vivir", de Frank Capra. Todos os anos se emite na tele e xa case o sabemos de memoria...Pero hai outro, tamén de Capra, que imos comentar hoxe, e que representa tamén os valores deste director, moi axeitados para telos presentes  nestes datas. Estreouse en España co título "Vive como quieras" e tanto esta tradución coma o título orixinal reflicten moi ben a mensaxe deste filme clásico baseado nunha obra de teatro gañadora dun premio  Pulitzer, premiado con varios Óscar e que pode representar perfectamente o que se deu en chamar "o espírito do Nadal", se entendemos por tal o amor, a xenerosidade, o desinterese polo material, o "ser" por riba do "ter"...ademais de  transmitir alegría, optimismo e ganas de vivir.
   No filme, como case todos os de Capra, con elementos de "screwball comedy", preséntasenos a  historia de amor entre un representante da clase adiñeirada e unha rapaza pertencente a unha modesta familia (estrambótica, moito, pero na forma, que non no fondo) que representa ese vivir buscando a autorrealización prescindindo de ataduras sociais (curiosa é a escena  onde o avó se cuestiona a necesidade de pagar impostos). O contacto entre ambos mundos provoca a transformación  do pai de Tony, o namorado, personaxe que representa a ambición e o culto ao diñeiro, noutra persoa que recupera a humanidade que lle quedara polo camiño. O filme está, pois, cargado de valores morais, aínda que hai quen  critica o conformismo dos "pobres" e unha suposta propaganda do liberalismo; critícanse tamén a tendencia á caricatura nas situacións, a caracterización pouco afortunada das personaxes femininas e mesmo o racismo-clasismo en relación aos criados negros da familia Sycamore.
Como a película está baseada nunha peza teatral, atopamos escenarios predominantemente interiores e  certa tendencia á sobreactuación, De entre os personaxes, destaca o avó Sycamore, quen encarna os valores antes mencionados e outros, coma a incorruptibilidade ante o diñeiro, a lealdade aos afectos, a xenerosidade co "inimigo", a confianza, porque cada día trae o seu  afán...un personaxe marabilloso.
Por todo isto, e pese que para algúns é un filme demasiado meloso, mesmo escapista (filmouse en plena "Gran Depresión" tras o crac do 29 ) eu creo que é moi axeitado para estes tempos un pouco orfos de referentes e para estas datas nas que se supón que debemos esforzarnos por ser un pouco mellores.
                                                                             S. P .