domingo, 3 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


 
 
Desgraciadamente ou, quizais máis ben, grazas a Deus ou por sorte, este texto carece de testemuños terribles e infortunados referentes ao COVID-19, que nestes momentos aínda difunde no mundo a desgraza como unha maldición dun Deus que non distingue entre merecedores de castigo e os que non o son.
E digo desgraciadamente porque o morbo parece incitar a lectura con maior eficiencia. Pero tal vez isto sexa algo bo: penso que todos xa tivemos suficientes malas noticias. De calquera xeito non hei de anticiparme posto que non podo ler o futuro, e por seguro moitos dos afectados pola infección non preveron  a aproximación do mal semanas antes, cando o microscópico tamaño dun virus aínda era motivo de infravaloración.
Pese a que, en realidade, xa se vía vir, penso que o recordo do momento no que me achegaron as noticias sobre a cancelación das clases ata novo aviso así como o inicio do confinamento permanecerá na miña memoria vivamente por sempre, do mesmo xeito en que soemos rememorar momentos de especial importancia.
Tremor, estupefacción e confusión mesturadas cun sinfín de preguntas resultarían nunha irresolución imposible de  expresar con palabras que, durante as seguintes semanas, me perseguiría sen cesar.

A marea retrocede antes dun tsunami, e son os ignorantes os que, pola súa ignorancia, tardarían en percatarse do perigoso futuro que estaba por chegar.
Despois da irresolución xurdiu a preocupación: a cancelación das clases supuxo para min motivo de gran desasosego: contemplo a accesibilidade á educación como un dos poucos métodos para min de alcanzar un futuro estable. A tristura que isto me provocou levoume a afastarme do poco mundo que me restaba por un tempo e, con isto, a comunicación cos meus amigos comezou a mermar.
Din, sen embargo, que o home é, psicoloxicamente e por natureza, un ser sociable. Abraioume completamente a descuberta da nostalxia polas cousas máis simples neste mundo. Eu, dende nacemento introvertido, desexaba retornar aos tempos en que intercambiar un simple saúdo con coñecidos ou manter unha conversa con amigos eran consideradas pouco excitantes e incluso, ás veces, banais. Pero non hai que deixarse derrubar polo afastado do noso alcance, non?
Entretanto, acostumeime á confusa situación de confinamento. Se cabe, a miña condición de persoa que, en realidade, rexeita a idea de poñer un pé sobre a estrada, axudoume enormemente a superar a necesidade de moitos de camiñar novamente con liberdade. Pero estou seguro de que o máis necesario nestes momentos, deixando á parte a importancia de lavar as máns, é, nesta orde, a intelixencia, a mesura e a persistencia. Polo contrario, encontrarémonos atrapados nun círculo vicioso no que os mesmos sentimentos negativos reaparecerán. Todos nos mareamos por dar tantas voltas.
                                                         C. P. 1º Bacharelato Adultos.
 

 
 
 

 
.
 

 
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario