O confinamento foi algo duro para algunhas persoas, concretamente para min, debido a que son unha persoa moi activa e sempre necesito facer cousas e abúrrome moi facilmente. As primeiras semanas non sabía que facer, descargueime mil xogos no móbil, vin películas repetidas, limpei e recollín...pero a medida que foron pasando os días, hei de dicir que a día de hoxe estou ben, non me preocupa non saír da casa, durmo, fago deberes, fago vídeochamadas, poño unha serie...é o mellor que podes facer: engancharte a unha serie longa.
O que pasa é que se estiveses ti só no mundo, pois non te perxudicaría tanto; con isto refírome a que os meus amigos son irritantes, falas con eles e hai moitos días que che pegan o seu mal humor. Ao final creo que discutín con bastantes persoas por estar encerrada entre catro paredes case dous meses. Tamén, unha cousa importante é a familia, e non é o meu caso, de ter unha familia estruturada, entón o problema é que o confinamento non me afecta nada, pero ás persoas si.
Tamén estiven pensando moito nunha cuestión: din que podes decatarte de a quen botas de menos, a quen si e a quen non, pero eu non creo niso, non boto de menos a ninguén; o falar polas redes sociais e velos a través dunha cámara fai que non teñas esa sensación, menos coa parella, que se necesita contacto. Na miña opinión, grazas ás tecnoloxías estamos moi ben, pero quen me dera a min ter un puzzle de 1000 pezas e facelo. Todo depende das persoas que tes ao lado e coas que falas, non todo é tan escuro como parece: entre que tiras o lixo, andas por casa, vas ao súper ou, se tes a sorte de telo, paseas ao can, os días pasan rápido. E dou grazas a todas esas persoas que, moitas veces no confinamento, animáronme.E o mellor de todo é que isto é algo histórico, así que unha anécdota máis que contar, e no futuro contárllelo aos cativos, porque lles vai caer nun exame de historia.
L.A. Bacharelato, Adultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario