Foron 40 días e 40 noites...
Os primeiros días puiden sentir nas miñas carnes o que debeu sentir a pequena Anne Frank, pechada nese pequeno faiado, sen nada que facer, sen saber divertirse nin como distraerse da guerra que estaba a xurdir e sen entender suficientemente a importancia do que pasara. A medida que pasaban os días, as cousas foron mellorando. a imaxinación xurdía e, dalgún ou outro xeito, a desesperación converteuse en esperanza.
O desexo de saír aumentou ás veces, pero era algo que non estaba permitido, polo que tiven que converter a miña casa no meu pequeno mundo: facer dunha ducha, un lago, unha estufa na cociña, una tenda debaixo da cama e así, aos poucos, con imaxinación e amor, convertín a miña casa no meu templo.
A pouca comunicación co mundo exterior que me permitín foi a radio, onde políticos, emisoras, xornalistas e a maldita canción "Resistiré" se repetían en bucle. Noticias tras noticias, morte tras morte, e poucas boas novas procedían desa vella radio colocada na mesa da cociña; de feito, creo que vivir esta pandemia sen tecnoloxía foi a mellor decisión que puidemos tomar, xa que a radio só nos deu bastantes trastornos.
Os meus días son longos, pero máis longas son as noites sen durmir que, cansa de non facer nada fisicamente, azóutanme esperando por Morfeo. Enchemos os días comendo, vendo a televisión, con internet, tratando de ter algunha escusa barata, porque, en realidade, temos medo de estar sós con nós mesmos.
O máis terrorífico de todo isto non é a pandemia en si, que tamén, senón toda a agresividade que a xente está a sacar. Pódese ver reflectido nunha sinxela discusión no supermercado sobre quen estaba na cola antes ou se a señora do outro lado da rúa collera un par de luvas...reflicte isto como son os seres humanos? En situacións extremas expoñémonos e permitímonos albiscar. Lamento ver máis discusións que aplausos nas fiestras.
Nadia Calleja Lorenzo. ESA 2 Adultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario