venres, 8 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.

 
 
 
 
Nestes últimos días, non cumprín a idea de formar parte desa cantidade de xente que utilizou o confinamento para, de maneira introspectiva, buscar unha meta para razón de ser. O certo é que me situei bastante tempo nunha inopia continua, e non foi ata que  me dei conta de como era a situación realmente cando comecei a mellorar hábitos e tomar máis en serio a idea de non postergar as cousas. Digamos que o COVID, ademais de estragar a miña vida, (estou hiperbolizando a situación) arranxouna. Sendo sincero, sempre tiven as miñas metas en mente e sempre tiven cousas que facer e polas que loitar, pero co tempo fun facéndome bastante máis inactivo e deixándoas de lado para un futuro próximo que nunca chegará. Procrastinación que me permitía vivir soños sen cumplilos e, en moitos casos, currar tanto que nin tiña tempo de contarlle ao papel o que me sucede.
Ao comezo do confinamento, o meu horario de sono volveuse louco , e aínda me custa volvelo á normalidade, pero o comezo da fase 0 axúdame bastante a manter a esperanza e a miña revitalización
grazas aos hábitos que se quere manter. Houbo momentos en que din o curso case por perdido, ata pensei en terminalo con nota mínima e aventurarme nuha idea que tiven hai moito tempo. Finalmente me dei conta de que isto era moi preguiceiro pola miña parte, así que, despois dun tempo pensando que facer , acabei motivándome para manter  as tarefas ao día e acadar o resto do curso. A maior motivación resulta irónica, pois o motivo de maior peso é o que me recordo a diario de que teño case vinte anos e non debería perder máis tempo.
Resumindo, este confinamento foi unha viaxe de introspección bastante tardía (pero mellor tarde que nunca)para darme conta de que debería ser moito máis consecuente e disciplinado coas miñas accións. Tamén reforzou a miña idea de que hai cousas que un non pode cambiar e que hai que deixalas atrás ou esforzarse o debido e necesario.
Por outro lado, tendo xa falado de tanta información propia das miñas reflexións, toca dicir aquilo do que teño saudade, como cantar ou bailar. Amo eses momentos nos que estou só na casa ou na rúa con amigos, soltando esas "regueifas" modernas chamadas na nosa xerga, "improvisación", cunha base de hip hop de fondo (tento dicir isto cun ton cómico pero é verdadeiro), ou aquelas tardes no parque, realizando os meus treinamentos en que bailo, salto e todo iso que a min me enche. Pero sen dúbida, o que máis boto en falta é improvisar, cantar e estar só. Son una persoa que depende moito do seu entorno para estar de bo humor, e o que se ten na casa é sen dúbida difícil e iso faime sentir moitas veces melancólico e desmotivado.
                                                                 I.P. 1º Bacharelato Adultos.


mércores, 6 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.

 
 
  Agora que está acabando case o confinamento xa nos deixan saír á rúa unhas horas, pero ao principio, cando non deixaban saír, había que buscar cousas para facer e así non aburrirte, xa que así pasa o tempo máis rápido. Entretíñame escoitando música, facendo tarefas de casa, xogando á  play e vendo a televisión, e cando había sol, ou simplemente non chovía, ía á terraza que temos enriba do noso edificio. Para min, eses momentos en que estaba na terraza era o mellor de cada día, porque deixas de estar encerrado tanto tempo na casa, agradecía poder tomar un pouco o aire. Era unha forma de desestresarme e parar de pensar algo en todo o que estaba ocorrendo co coronavirus. Menos mal que agora a situación está mellorando, está deixando de haber tantas vítimas e parece que a  pandemia se empeza a frear. Esperemos que todo isto acabe cedo e poidamos volver á normalidade.
 
                                                        Eloy Fernández, ESA 3 Adultos.

martes, 5 de maio de 2020

Comparto con vós...o confinamento na miña outra terra...



 
Hoxe hai 48 días que estou de confinamento  e cada día me acostumo máis a estar na casa; foron uns días moi duros. O outro día fun ao súper e pois...que raro é todo, cada día normas diferentes, dáche até medo saír da casa...Ás veces querería estar na barriga de miña nai outra vez, alí estaría máis protexida.
Levántome todos os días e fago a mesma pregunta, cando acabará todo isto?. Todos os días falo coa miña familia en Brasil: polo que sei, alí non está nada fácil, o presidente está pouco preocupado. Polo menos na miña cidade, ao sur de Bahía, non hai ningún  caso, abriron os comercios e a xente está traballando xa ; noutras cidades hai moitos casos e xa están poñendo regras como as de aquí. O presidente está dando axudas económicas ás persoas máis afectadas. pero algunhas persoas non están tomando moi en serio a cousa, moitos van a bares, praias, etc.
Cando pase este perigo, espero que a xente se una de novo, algúns lamentarán as súas perdas, outros tomarán novas decisións, soñarán novas imaxes, crearán novas formas de vivir e xuntos curaremos a Terra por completo, tal como eles foron curados.
                                                  Pávila Juliane De Oliveira Santos, ESA 2,  Adultos.


luns, 4 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento

 
 
 
Antes de comezar o confinamento tomabámonos a broma esta situación, xa que viamos nas noticias todo o que ocorría en China, despois chegou a Italia, e aínda así, non o considerabamos moi serio. Pero no momento en que chegou a España, foi cando  nos empezamos a tomar máis en serio esta situación.  Nos primeiros días, a xente seguía desobedecendo, seguían sen crer que era certo o estado de alarma que estabamos vivindo, pero ao longo dos días, a situación  “normalizouse”.
Ao principio, resultoume moi duro aceptar esta situación, pero despois de estar xa más de corenta días na casa estoume acostumando a esta nova normalidade , e aínda que  eu pensaba que sería ao revés,  agora non estou tan agobiada de estar na casa como antes. Xa que eu teño problemas respiratorios non adoito saír, salvo algún día para baixar ao meu can, pero normalmente o baixa a miña irmá, xa que non deixa de ser unha situación perigosa.
A situación de desconfinamento, a verdade é que me da un pouco de medo, debido á pouca responsabilidade social que nos caracteriza, por desgraza. A verdade é que me encantaría volver á normalidade canto antes, pero sempre que sexa  nunhas condicións seguras, e nas cales non perigue a saúde da xente.
Polo tanto, teño de dicir que ao principio resultoume unha situación moi difícil, como ben dixen antes, pero a día de hoxe, pasados xa moitos días na casa, podo dicir que o único que quero é que esta situación acabe, pero sobre todo, que a saúde permaneza, para seguir facendo una vida o máis normal posible, aínda que xa saibamos, que iso vai a tardar moito en conseguirse.
Tamén o bo de esta situación é aprender dos pequenos detalles, e grandes momentos, que moitas  das veces non valoramos. E sobre todo, aos que temos cerca, aínda que non os poidamos ver.
                                                       Iria López Otero, ESA 3, Adultos.


domingo, 3 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


 
 
Desgraciadamente ou, quizais máis ben, grazas a Deus ou por sorte, este texto carece de testemuños terribles e infortunados referentes ao COVID-19, que nestes momentos aínda difunde no mundo a desgraza como unha maldición dun Deus que non distingue entre merecedores de castigo e os que non o son.
E digo desgraciadamente porque o morbo parece incitar a lectura con maior eficiencia. Pero tal vez isto sexa algo bo: penso que todos xa tivemos suficientes malas noticias. De calquera xeito non hei de anticiparme posto que non podo ler o futuro, e por seguro moitos dos afectados pola infección non preveron  a aproximación do mal semanas antes, cando o microscópico tamaño dun virus aínda era motivo de infravaloración.
Pese a que, en realidade, xa se vía vir, penso que o recordo do momento no que me achegaron as noticias sobre a cancelación das clases ata novo aviso así como o inicio do confinamento permanecerá na miña memoria vivamente por sempre, do mesmo xeito en que soemos rememorar momentos de especial importancia.
Tremor, estupefacción e confusión mesturadas cun sinfín de preguntas resultarían nunha irresolución imposible de  expresar con palabras que, durante as seguintes semanas, me perseguiría sen cesar.

A marea retrocede antes dun tsunami, e son os ignorantes os que, pola súa ignorancia, tardarían en percatarse do perigoso futuro que estaba por chegar.
Despois da irresolución xurdiu a preocupación: a cancelación das clases supuxo para min motivo de gran desasosego: contemplo a accesibilidade á educación como un dos poucos métodos para min de alcanzar un futuro estable. A tristura que isto me provocou levoume a afastarme do poco mundo que me restaba por un tempo e, con isto, a comunicación cos meus amigos comezou a mermar.
Din, sen embargo, que o home é, psicoloxicamente e por natureza, un ser sociable. Abraioume completamente a descuberta da nostalxia polas cousas máis simples neste mundo. Eu, dende nacemento introvertido, desexaba retornar aos tempos en que intercambiar un simple saúdo con coñecidos ou manter unha conversa con amigos eran consideradas pouco excitantes e incluso, ás veces, banais. Pero non hai que deixarse derrubar polo afastado do noso alcance, non?
Entretanto, acostumeime á confusa situación de confinamento. Se cabe, a miña condición de persoa que, en realidade, rexeita a idea de poñer un pé sobre a estrada, axudoume enormemente a superar a necesidade de moitos de camiñar novamente con liberdade. Pero estou seguro de que o máis necesario nestes momentos, deixando á parte a importancia de lavar as máns, é, nesta orde, a intelixencia, a mesura e a persistencia. Polo contrario, encontrarémonos atrapados nun círculo vicioso no que os mesmos sentimentos negativos reaparecerán. Todos nos mareamos por dar tantas voltas.
                                                         C. P. 1º Bacharelato Adultos.
 

 
 
 

 
.
 

 
 


sábado, 2 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


Comecei o confinamento un día antes ca os meus compañeiros por prescrición médica; pero desde o minuto 0 do estado de alarma, xa supoñía que esta pandemia "histérica" e histórica ía durar máis de 15, 30 ou 40 días incluso; como una moza diagnosticada de trastorno mixto de depresión e ansiedade grave, pensei que afogaría nun vaso de auga, sen embargo, foi todo o contrario. Fago máis actividade da que facía antes (aínda que pareza incríbel, vivir nun quinto sen ascensor nunha pandemia está moi ben), subes, baixas, subes, volves a baixar, un pouco de bicicleta, uns abdominais e un pouco de exercicio de peito , unhas horas de clase e xa pasou case o día.
O que peor levo é a ansiedade, cando todo o exercicio anterior é ineficaz, intento mitigala lendo libros sobre   dereito, ou política, (isto é algo que me apaixona, aínda que me ten horas ensimismada e deixo algunhas clases abandonadas ata que me é imposíbel pospoñelo máis).
Polo demais, todos os días son iguais; despertar, almorzar, facer a comida, exercicio, deberes, sacar a gata a pasear polas escaleiras e pouco máis. Destes corenta días e algo que levo confinada, só saín tres á rúa, non me gusta nada o ambiente tétrico que se ve polas rúas, a xente que mira con desconfianza, é indescritíbel. O único bo que se podería sacar deste confinamento é que fixemos amizade cos veciños do terceiro; son moi amables e fanlle a Pedro moitísimos biscoitos e tortas de queixo. Eu, a verdade é que non teño apenas fame e estou perdendo peso, supoño que podemos chamarlle operación bikini do 2021.
Outra cousa boa deste confinamento, aínda que non me faga  moita falta nestes momentos, é que comecei a sacar un curso de dereito e psiquiatría criminal, algo de paixón nestes momentos de incertidume.
                                    Andrea Olveira Davila, 1º Bacharelato Adultos.

venres, 1 de maio de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


 
  O meu nome é Sebastián.
Estas últimas dúas semanas de confinamento foron bastante diferentes das anteriores, porque me tomei a molestia de investigar máis en profundidade este problema en que estamos metidos  a poboación mundial e, a verdade, hai tantas cousas que non entendo, tantas cousas que me fan pensar cousas negativas das persoas que nos gobernan;  tamén moitas cousas que vexo nas redes sociais e, a verdade, moitas das cousas que vexo me entristecen porque eu me sinto enganado polos que nos gobernan, sinto que non lles importamos nada...creo que calquera  persoa suficientemente intelixente sabe ao que me refiro, sabe que ao final imos ser nós mesmos, o pobo, os que de novo levantaremos os cimentos dun edificio que cada día cae...
   Pero tamén saco as miñas cousas positivas dentro do malo, valorar as cousas insignificantes que a vida nos brinda, porque estes días teño recordos de momentos que, no seu momento, para min non tiñan importancia e agora recordo e digo, que feliz fun neses días, estou aprendendo a valorar o tempo, leo moitos libros de crecemento persoal, leo a moitas persoas que teñen dons especiais, que poden axudarte a combater o medo e a ansiedade, estudo e fago test para o carné de conducir e fago deberes e comparto o tempo coa miña familia, e, sobre todo, penso que quero que isto acabe ben e cedo, polo ben de todos. Tiven os meus días de baixóns, como case todo o mundo, pero tento ser sempre máis forte que os meus medos e salgo "a flote" de novo , habilidades que descubrín que tiña e non o sabía, non deixarme afundir por pensamentos negativos e sempre verlle o positivo a todo.
                                                               Sebastián Garcés López. ESA 2, Adultos.