martes, 19 de maio de 2026

Un filme cada semana...ou cada mes..."Mi querida señorita"

        Con motivo da recente estrea dunha nova versión, disque bastante libre e moi axeitada a  estes  tempos de reivindicación do universo LGTBIQ+, dun clásico do noso cine do tardofranquismo, adiantado ao seu tempo, emítese unha vez máis,  na televisión pública, o orixinal: "M querida señorita" de Jaime de Armiñán, e, unha vez máis véxoo e  comprobo que, pese a detalles de ambientación, que resultan anticuados, e algunha inverosimilitude argumental, conserva a garra que me impresionou no seu día e que o converteu nun clásico de culto. Pese ao atrevido do argumento, parece ser que foi un filme de bastante éxito comercial e, pese a que aínda existía a censura  o ano da súa estrea (1972, vivía Franco) conseguiu sorteala, o cal resulta bastante sorprendente. 

   A película foi definida como o que no seu día se chamou "cine trans" (hoxe cine LGTBIQ+), posto que narra a viaxe vital de Adela, "muller" con características sexuais ambiguas, á busca da súa verdadeira identidade sexual; tendo en conta que na época o tema era tabú e o nivel de coñecemento ao respecto era reducido, o filme resulta un meritorio achegamento, aínda que certamente hoxe resulte un pouco naíf e mesmo impreciso.

   Boa parte da forza do filme repousa sobre as excelentes interpretacións (que "actorazos" había daquela...), especialmente a da "parella" protagonista (que desprende o que hoxe se denomina "química")e moi en especial a do protagonista absoluto, José Luis López Vázquez, quen, parece, ao principio non quería facer un papel que, mesmo do punto de vista físico, non parecía o máis axeitado para el, bastante tendente, ademais,  ao histrionismo; un perigo isto último para dar credibilidde ao personaxe.  O resultado foi, porén, unha actuación sensible e sobria, que crea un filme que, basculando entre comedia e drama, provoca emocións intensas no espectador (ao cal colabora a elección do "Estudio número 3" de Chopin como banda sonora dos momentos máis emotivos). 

   A película bordea ás veces a fronteira entre o sublime e o ridículo, pero sae airosa e mantén a atención do espectador  até a última escena, unha desas escenas que quedaron para a historia dos finais máis impresionantes da historia do cine e que, parece, sorprendeu ao mesmísimo George Cukor (o filme concorreu aos Óscar na categoría de Mellor filme estranxeiro, que finalmente  gañou nada menos que Luis Buñuel) quen acabou contratando a López Vázquez para un pequeno papel.

   Aínda que "Mi querida señorita" foi fundamentalmente recoñecida pola súa temática transgresora, hai outras lecturas, complementarias a esta, que enriquecen o seu visionado. Así, nela móstrase a vida na España dos últimos anos do franquismo, especialmente na  sociedade pequeno burguesa de provincias (a primeira metade da película rodouse, por certo, en Galicia) cunha visión crítica, especialmente,  do papel reservado ás mulleres, co cal, a viaxe vital de Adela até chegar a Juan representaría a conquista da verdadeira identidade, o que dá ao filme un sentido bastante transcendental. É, ademais,  unha película  de amor, libre, transgresor, que estala na mencionada escena final, marabillosa.

   Se o noso alumnado acode a ver a versión actual , a de Netflix, seguramente máis acorde coa súa sensibilidade, pode tamén achegarse a este clásico que no seu día impresionou aos seus maiores e que xa é historia do noso cine.

                                                                                                                                S.P.                                                                      






   

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario