Con motivo das recentes festas, en que os bos sentimentos nos envolven, a televisión pública emitiu esta película, do xénero "reunión familiar de Nadal", tan querido polo cine estadounidense, pero neste caso francesa, coas diferenzas que isto conleva, que son bastantes (ou, no fondo, non tantas...).
O argumento resúmese no reencontro duns irmáns, coas súas respectivas familias, na casa dos pais, co elemento central da enfermidade da nai, que require un transplante de medula para o que só son compatibles o neto desequilibrado e o fillo "ovella negra". A partir dese feito, o filme avanza, entre o drama e a comedia, como unha historia coral, onde o retrato dunha familia disfuncional fai a algúns críticos atopar, salvando as distancias, ecos de Ingmar Bergman.
A película é curiosa, salta de escenas duras (por exemplo, a relación entre a nai e ese fillo co que non se leva ben dá pé a diálogos que sorprenden pola súa crueza) a outras cómicas (teñamos en conta que o humor francés resulta ás veces difícil de dixerir por estes lares).Móstrase, como ocorre con frecuencia co cine do país veciño, a podredume que se agacha baixo a impecable aparencia dunha familia burguesa, o que lembra a Claude Chabrol.
Os personaxes son extravagantes, neuróticos, gardan segredos non confesados, algúns dos cales se desvelan ao final. O filme ten un toque teatral, transcorre case integramente na fermosa mansión dos pais e os diálogos son un aspecto central do argumento. Conta coa participación de moitos dos mellores actores de Francia (entre os cales destaco a Jean -Paul Roussillon, no papel do pai, o personaxe máis tenro do filme), e obtivo prestixiosos premios. E, pese a todo o que conta, a familia é o refuxio, e o amor acaba por vencer o trauma, a dor e a incomprensión, mensaxe moi axeitada para as datas que acaban de pasar, e non tan diferente, despois de todo, da que transmiten as habitualmente máis edulcoradas películas estadounidenses ás que faciamos referencia ao comezo desta recensión.
S.P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario