Con motivo do 8M, a televisión pública emite Thelma & Louise, película considerda de culto, un clásico do ano 1991 que non revisaba desde os meus verdes anos, cando me impresionou máis que agora, non sei se porque envellecu mal ou é cousa do meu propio envellecemento, que me fai verlle os puntos febles...En todo caso, é un filme polémico, mais cargado de premios e cunha forte pegada na cultura popular, desde o propio cine até a música, a televisión ou mesmo a literatura. E, especialmente, simbolizaría a liberación feminina, o que deu lugar ás maiores controversias, por mostrar esa liberación coma unha adopción de comportamentos considerados masculinos, fundamentalmente a actuación á marxe da lei e a violencia, moi característica, esta última, de certo cine estadounidense.
No filme, dúas amigas que , tras sufrir unha agresión sexual, toman a xustiza pola súa man, fan unha viaxe que se vai facendo cada vez máis enlouquecida até un final (cualificado coma un dos máis impresionantes e imprevisibles da historia do cine) que te deixa pegada á butaca. É un filme clasificable en varios xéneros: é unha "road movie", xénero tipicamente estadounidense que, ademais de narrar a viaxe iniciática das protagonistas, mostra aspectos característicos da vida do país (mesmo se falou de certas analoxías, temáticas e visuais, co western); tamén é unha atípica (por estar protagonizda por mulleres) "buddy movie" (a amizade incondicional entre ambas protagonistas é considerada outro dos temas clave da película); e tamén é un filme policial. Mais é, en substancia, unha traxedia , pola desmesura das accións e os acontecementos, que conducen a un final terrible; o ton é, sen embargo, en xeral lixeiro e frecuentemente humorístico, un humor tamén un pouco desmesurado. A verosimilitude moitas veces cambalea, tanto no referido ao argumento coma, sobre todo, na caracterización de personaxes: apónselle un marcado maniqueísmo debido á negativa, mesmo caricaturesca, visión que, con algunha excepción, dá dos homes; ademais, as protagonistas, especialmente Thelma, experimentan unha evolución que resulta difícil de crer.
En todo caso, pese ás súas dúas horas de metraxe, resulta un filme entretido, de ritmo trepidante, cunha boa fotografía e unha banda sonora atractiva...o que non é pouca cousa. A mensaxe feminista e a súa defensa da liberdade individual, cada quen as percibirá en función das súas vivencias e ideas.
S.P.

Ningún comentario:
Publicar un comentario