Mike Leigh é un director que pertence ao denominado "realismo social británico", tendencia cinematográfica que retrata a vida das clases medias e baixas, moitas veces cun forte compoñente de denuncia. Non é isto último o caso deste multipremiado e internacionalmente exitoso filme que, aínda que mostra o día a día dos habitantes do Londres que non visitan os turistas, se centra no conflito emocional dunha familia disfuncional onde case todos gardan segredos ben agachados.
Aínda que o filme ten tendencia ao protagonismo colectivo, o fío principal refírese á aparición da filla dada en adopción por Cynthia Rose Purley, muller de precario equilibrio emocional e relacional. A historia está moi ben narrada e, aínda que é un melodrama, tamén se pode dicir que presenta trazos de filme de intriga, porque até o seu desenlace mantén ao espectador expectante sobre que vai pasar con esa Hortense que irrompe na vida de Cynthia Rose para transformala absolutamente. Este desenvolvemento leva a un catártico clímax final, que afecta a toda a familia e deixa paso a un breve anticlímax que supón un esperanzador final aberto.
O filme resulta, en xeral, duro, como as vidas dos protagonistas, seres frustrados que arrastran serios traumas e decepcións. Curiosamente Hortense, que debería ser o personaxe máis desventurado, resulta ser, polo seu equilibrio, o aire fresco que a familia necesitaba para renovarse. Pola contra, Cynthia Rose resulta excesiva na súa neurose e, pese ás louvanzas e o Globo de Ouro recibido por Brenda Blethyn, a actriz que a protagoniza, resulta algo sobreactuada.
O ton do filme é, en xeral, melancólico, gris; os breves momentos humorísticos concéntranse nas escenas nas que Maurice, irmán de Cynthia Rose e personaxe ecuánime e bondadoso, fotografía os seus clientes, que representan un extravagante catálogo de actitudes humanas. Como se dixo, os momentos máis luminosos ofrécenolos Hortense, que resulta ser un regalo para uns seres bastante deseperanzados.
Os (poucos) detractores do filme compárano, pola desmesura dalgúns elementos argumentais, cos "culebróns" televisivos e seguramente non lles falte razón, mais, pese a eses excesos e certa inverosimilitude no relativo á maternidade e adopción de Hortense, é un filme que consegue emocionar e que, durante as máis de dúas horas que dura, mantén ao espectador pegado á pantalla. Está considerado un clásico do cine dos anos 90 do pasado século, polo que sería interesante para os alumnos que aínda non o visen e que amen o cine.
" S. P.

Ningún comentario:
Publicar un comentario