Retomo, xa no outono da vida, un libro que me fascinou de nena e que nunca relera. Fágoo, ademais, recuperando a edición en que o lin no seu día, aquela da Colección RTV que a tantos nos abriu os ollos, xa de nenos, a obras fundamentais da cultura universal (e sen adaptar, que tempos...)e atópome cun prólogo laudatorio de Álvaro Cunqueiro: un achado que garante que, pese ao medo á decepción, iso non vai ocorrer con esta nova lectura, tan afastada no tempo da primeira, dun libro considerado clásico da literatura infanto-xuvenil e que, en realidade, é unha intelixentísima obra para adultos.
Coma todo clásico, Viaxes de Gulliver admite múltiples lecturas e clasificacións: libro de viaxes (parodia, parece ser, dos da época); sátira da sociedade e a política e da condición humana (nada novo baixo o sol desde aquel xa afastado século XVIII) ; ciencia ficción e fantasía (isto último permite que os rapaces se acheguen á súa lectura e a desfruten porque, ademais, está moi ben escrito, cun estilo áxil, expresivo e por veces suavemente humorístico). Esta lectura que facemos de nenos, dá paso, de adultos, ao desfrute dunha crítica que non deixa "títere con cabeza.".
O narrador protagonista, que parte dunha postura inocente e mesmo servil cara ao poder, vai evoluindo a unha crítica que remata na misantropía (como parece que lle ocorreu ao seu autor), porque todas as sociedades que visita están corrompidas por vicios e defectos até que, finalmente, a que esperta o seu aprecio é a dos houyhnnms, os "nobres brutos" que superan aos humanos (os odiosos yahoos) en intelixencia e humanidade. Se esa é a ensinanza final, amarga é a visión do mundo que nos deixa Swift...
Viaxes de Gulliver é un dos clásicos que deu lugar a máis versións, secuelas e imitacións literarias e audiovisuais. Destacamos, entre estas últimas, dúas, cosideradas tamén clásicas, sobre todo a estadounidense, e pioneiras do punto de vista técnico .A primeira éViaxes de Gulliver, de Max Fleischer (1939), filme de animación, con música, enfocado a un público infantil e desprovisto, por tanto, da carga ideolóxica da novela, ademais de ficar reducido o argumento, liberrimamente adaptado, á viaxe a Liliput. É, porén, un filme moi interesante e unha das primeiras longametraxes de animación, na liña que proseguirá Disney con tanta fortuna até hoxe.
A outra versión, menos coñecida mais sumamente interesante, é O novo Gulliver, de Aleksandr Ptushko (1935), curioso filme soviético de monicreques animados( esteticamente expresionistas) que aborda a historia (novamente reducida á viaxe a Liliput) desde unha óptica propagandística, rasgo moi característico do réxime comunista da época.
O visionado desdes dous filmes, adaptacións libres e que reproducen o espírito da cultura da época e do lugar onde se produciron, comparado coa lectura do orixinal literario, pode constituír un exercicio interesante para o alumnado que guste de analizar as relacións entre literatura e cine.
S.P.



Ningún comentario:
Publicar un comentario