domingo, 2 de maio de 2021

Un manga cada semana...ou cada mes..."Chi no Wadachi"


Seiichi Osabe, un estudante de Primaria tímido, inseguro e con poucos amigos, só pode sentirse seguro coa súa nai, que é moi sobreprotectora. A nai de Seiichi, Seiko, sente que co tempo o seu fillo se afasta cada vez máis dela e comeza a actuar con maior agresividade cara aos amigos e familiares que se relacionan con el, até o punto de ameazar e comprometer a seguridade deles.

 Shüzö Odimi plasma con moita precisión o prexudicial que pode chegar a ser unha mala relación dun fillo/a co seu pai ou a súa nai...Abarcando desde un cariño e amor intensos até chegar a ataque psicóticos,   non só estragando os vínculos coa persoa que amas, senón tamén feríndoa.

O guión deste manga envólvete cunha grande cantidade de drama, suspense e psicoloxía, creando unha inmensa sensación de alivio e positividade nos mmentos máis alegres da historia. O guión non é o único destacable neste manga, xa que Shüzö posúe unha gran técnica á hora de debuxar, e grazas ao seu talento podes notar con total nitidez os sentimentos que expresan os personaxes, á vez que desfrutar de preciosas paisaxes ao longo da historia.

                                           Ismael Khairoun Mokhtari, ESA 4, Adultos.

domingo, 25 de abril de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Forrest Gump"


 

Película narrada en primeira persoa polo seu protagonista, gañadora de 6 Oscar, protagonizada por Tom Hanks e dirixida por Robert Zemeckis, está baseada  nunha novela do escritor Winston Groom que narra a vida de Forrest Gump, nacido en Alabama en 1944,  cunha discapacidade intelectual.

 Forrest, pese á súa discapacidade, ao  longo  da súa vida, será protagonista,  e nalgúns casos de forma decisiva, de acontecementos importantes  na historia dos  Estados Unidos grazas á súa personalidade leal e tenaz.

 Aínda que pola  súa  vida pasan multitude de experiencias, el sempre ten a presente a Jenny, a súa amiga e gran amor desde a infancia, e a súa nai, que fixo del  a persoa extraordinaria que é.

Na  nosa opinión, sen dúbida é unha das  mellores películas do século pasado que vimos, na que  destacan a banda sonora e a interpretación extraordinaria de Tom Hanks.

 Resulta entretido ver como se cruzan situacións e personaxes reais da  historia recente de Norteamérica de maneira natural e ben entrelazada  na vida  deste personaxe.

 Ao noso modo de ver, o tema da película  baséase  en que dá igual os impedimentos que  xurdan na vida (xa sexan por discapacidade ou por outro motivo) que con perseveranza e forza de vontade alcanzarás  as túas  metas.

 Cremos que a  clave do éxito do personaxe  é a súa nai, que soubo como inculcarlle valores, ensinarlle a vida de maneira sinxela, como potenciar o positivo  e,  sobre todo, facer del  unha persoa independente.

Contén  drama, acción, comedia, e tamén unha pouca de sorte, pois Forrest Gump triunfa en todo o que fai  até acabar sendo millonario a pesar dos seus problemas,  o que fai que te manteñas atento á  pantalla.

É unha película máxica, que che fai pasar por todos os estados: indignación, polo maltarto sufrido na escola;  tristeza cando vai  a unha guerra inútil; valoración da amizade, o valor da inocencia, ao coñecer a verdade da súa amiga (mostra o verdadeiro amor); a alegría ao coñecer o coeficiente do seu fillo...e demóstranos que somos o que mostra a película: somos como unha folla ao vento, non sabemos o que o dstino nos traerá...a película provoca moitos sentimentos e fainos pensar. É preciosa, un clásico do cine, moi recomendable porque che ensina que non hai nada imposible e que, por moi longo que sexa o camiño, todos podemos superar as cousas.

                                 Sebastián Garcés, Marina Rodríguez e José Francisco Ures, ESA 4.

 

 

domingo, 18 de abril de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."Trilogía de Puerto Escondido".


                     PUERTO ESCONDIDO 

Oliver é un xove londiniense cunha situación familiar peculiar e unha triste perda, que herda unha casa colonial, chamada Villa Marina, na costa cantábrica. Nas obras de remodelación, nunha parede do soto, os obreiros encontran o cadáver dun bebé acompañado dun obxecto que resulta moi anacrónico.

Tras este descubrimento,  comenzan a sucederse varios asasinatos na zona (Suances, Santillana del Mar, Santander e Comillas) que, unidos aos resultados forenses dos cadáveres, poñerán en xaque a sección de investigación da garda civil e ao propio Oliver, que iniciará unha viaxe persoal e unha carreira  contra o reloxo para descubrir ao asasino.

UN LUGAR A DONDE IR 

 

Esta novela é a segunda da Triloxía do Porto Escondido, onde hai unha intriga que mestura a investigación criminal coa vida íntima e familiar. Transcorreron xa  varios meses desde que  Suances foi testemuña de varios asasinatos que sacudiron aos seus habitantes. Sen embargo, cando parecía que a normalidade chegara para quedar, aparece o cadáver dunha xove na Mota de Tres Palacios, que é un lugar onde se encontran as ruínas dunha construción medieval. A xove vai vestida como unha princesa e nas mans porta un obxecto moi raro. Cando os máis escépticos se plantexan unha viaxe no tempo, van sucedéndose máis asasinatos que parecen estar unidos ao primeiro.

Mentres Valentina Redondo e o seu equipo investigan o sucedido, Oliver, axudado polo seu amigo da infancia Michael, buscará sen descanso ao seu irmán que está en paradoiro descoñecido dende hai uns anos.

DONDE FUIMOS INVENCIBLES

 

O verán está terminando e a tenente Valentina Redondo anda contando os días para irse de vacacións con Oliver cando algo insólito sucede no centro da vila  de Suances: o xardineiro do antigo Palacio del Amo apareceu morto no céspede desa enigmática propiedade. O palacio é a casona con máis historia dos arredores, e despois de permanecer deshabitada durante moito tempo, o escritor americano Carlos Green, herdeiro da propiedade, decide instalarse alí para buscar paz e tranquilidade. Pero esa paz vese truncada polo terrible suceso, e,  aínda que parece unha morte natural, alguén tocou o cadáver e Carlos confesa que nos últimos días percibiu presenzas inexplicables.

É o terceiro libro da Triloxía do Porto Escondido onde a autora crea unha intriga fabulosa en terras cántabras. Tamén é unha historia chea de claves onde os personaxes teñen algo que contar e moito que  ocultar.

                          Pablo Miñambres López-Perea, 2º Bacharelato Adultos.



 


domingo, 11 de abril de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Escola de rock"


 Dewey Finn é un músico fracasado de rock de trinta anos, que posúe un gran talento pero carece de actitude, e resulta expulsado da súa propia banda. Buscando cartos para paguer o alugueiro, consegue un traballo nunha escola, como profesor, facéndose pasar polo seu amigo Ned Scheenebly. Descobre que os seus amigos tocan instrumentos case coma profesionais, polo que decide formar un grupo con eles para competir na Batalla das Bandas.

Desfrutei cada momento desta película; desde o comezo ao final é moi recomendable para toda a familia, aínda que é un pouco irregular (hai partes algo aburridas). O comezo da película móstranos un Dewey desgraciado, sen ningunha intención de facer algo coa súa vida, pero a medida que avanza a película cambia, cando se atopa cos seus alumnos, cos que vai vencendo o seu profundo resentimento cara á sociedade, ao descubrir que estes estudantes son capaces de tocar unha grande variedade de instrumentos...Grazas a este descubrimento, a Dewy ocórreselle a non estupenda idea de mentir aos seus alumnos para formar unha bande de rock e competir nunha batalla de bandas.

Durante o resto da película, o noso protagonista dedícase a adestrar aos seus alumnos para esta batalla, mesmo usando tácticas moralmente ilícitas, como facer pasar aos alumnos por nenos con enfermidades terminais.Durante este periodo, o noso protagonista cambia de actitude e dedícase a adestrar aos seus alumnos...Ao final, deixa o traballo de profesor e funda a súa propia escola de rock.

Creo que é unha película perfecta para un fin de semana sen nada que facer, e moi recomendable vela mentres desfrutas duns aperitivos...

                                                     Francisco Santiago Montero Rieiro, 1º Bacharelato Adultos.


 

 


domingo, 4 de abril de 2021

Un filme cada semana...ou cada mes..."Aquaman"


Thomas é un gardián dun faro que un día encontra nas rochas unha muller que resulta ser Aitana, raíña de Atlantis, coa que ten unha relación amorosa da que nace Arthur. Tras a volta de Aitana a Atlantis, para non poñer á familia en perigo, Arthur, adulto, dedícase a salvar xente inocente na superficie. Orm, medio irmán de Arthur, ten un plan para que os humanos non sigan contaminando os océanos, reunindo os diferentes reinos da Atlántida e declarándolles a guerra mediante un tsunami masivo...O desenlace, verédelo se vedes o filme...
Esta película de superheroes foi estreada  a finais de  2018. Ten unha mestura de acción, drama, humor e un pouco de romance. Gustoume moito porque trata dunha nai que ten dous fillos de mundos diferentes, un, dos océanos e outro da superficie, enfrontándose para non acabar cos seres humanos. Tamén é destacable que se reflexiona moito sobre a contaminación dos mares e dos océanos , perxudicial para todos os animais mariños.
As escenas son incribles, moi realistas, a que máis me gustou e me chamou a atención foi aquela na que se mostra a metrópole xigante da Atlántida  chea de cores vivas e animais mariños xigantes, e moitas especies novas que evolucionaron co paso do tempo. 
                                                    Candy Estefany Chino Quispe, 1º Bacharelato Adultos.
  
 



domingo, 28 de marzo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."A última pregunta", de Isaac Asimov.


 A historia cóntanos como, a partir dun simple día, dous seres humanos, nunha situación moi común, formuláronlle unha singular pregunta á poderosa computadora coñecida como "Multivac", o computador central que dirixe e controla a actividade humana. Logo, a partir do evento, preséntansenos distintas especies da humanidade, vivindo en intervalos de tempo separados por billóns e trillóns de anos , que lle van facendo esa mesma pregunta á computadora que controla cada unha das súas épocas...E así cóntasenos a evolución do Universo e da humanidade que trata de resolver a última pregunta, a que quedará cando o destino e o tempo xa acabaron: é posible reverter o inevitable final do Universo ou o mundo debe acabar de todos os xeitos?

Para min non existe conto de máis beleza que este do xenio Asimov. Un conto que nos fai pensar no poder que ten o ser humano para converterse en deus grazas ao seu intelecto e o avance tecnolóxico.  A primeira vez que lin este conto, lémbrome que estaba escoitando a Novena Sinfonía de Beethoven de fondo; chegar a ese estrmecedor final mentres está soando o "Himno á alegría" foi unha experiencia que mellorou a lectura. 

É un conto bastante curto pero intenso, onde os personaxes non son realmente relevantes. Metaforicamente podería compararse á nosa sociedade, xa que como individuos non importamos demasiado pero como especie podemos apoderarnos do noso entorno e gañar relevancia neste vasto universo. Como é un conto de ciencia ficción, case todo sucede no futuro, aínda que tampouco se indaga moito na tecnoloxía e na forma de vida dos humanos no conto, fálase principalmente das súpercomputadoras e dos sentimentos dos humanos. 

Recomendo esta lectura a todo o mundo, gústelle ou non a ciencia; é un conto que che pode brindar unha experiencia única se entendes todo o "trasfondo" do que está falando.

                                                       Roberto Lara Míguez, 1º Bacharelato Adultos.