domingo, 28 de marzo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."A última pregunta", de Isaac Asimov.


 A historia cóntanos como, a partir dun simple día, dous seres humanos, nunha situación moi común, formuláronlle unha singular pregunta á poderosa computadora coñecida como "Multivac", o computador central que dirixe e controla a actividade humana. Logo, a partir do evento, preséntansenos distintas especies da humanidade, vivindo en intervalos de tempo separados por billóns e trillóns de anos , que lle van facendo esa mesma pregunta á computadora que controla cada unha das súas épocas...E así cóntasenos a evolución do Universo e da humanidade que trata de resolver a última pregunta, a que quedará cando o destino e o tempo xa acabaron: é posible reverter o inevitable final do Universo ou o mundo debe acabar de todos os xeitos?

Para min non existe conto de máis beleza que este do xenio Asimov. Un conto que nos fai pensar no poder que ten o ser humano para converterse en deus grazas ao seu intelecto e o avance tecnolóxico.  A primeira vez que lin este conto, lémbrome que estaba escoitando a Novena Sinfonía de Beethoven de fondo; chegar a ese estrmecedor final mentres está soando o "Himno á alegría" foi unha experiencia que mellorou a lectura. 

É un conto bastante curto pero intenso, onde os personaxes non son realmente relevantes. Metaforicamente podería compararse á nosa sociedade, xa que como individuos non importamos demasiado pero como especie podemos apoderarnos do noso entorno e gañar relevancia neste vasto universo. Como é un conto de ciencia ficción, case todo sucede no futuro, aínda que tampouco se indaga moito na tecnoloxía e na forma de vida dos humanos no conto, fálase principalmente das súpercomputadoras e dos sentimentos dos humanos. 

Recomendo esta lectura a todo o mundo, gústelle ou non a ciencia; é un conto que che pode brindar unha experiencia única se entendes todo o "trasfondo" do que está falando.

                                                       Roberto Lara Míguez, 1º Bacharelato Adultos.

                                                        





Ningún comentario:

Publicar un comentario