mércores, 22 de abril de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento...


   Levántome ás nove da mañá, dúchome e, se é luns, mércores ou venres, vou ver ao meu médico de cabeceira: despois volvo á casa, almorzo e voulle  aos recados á miña avoa e a unha veciña maior.
   Despois, cando chego, baixo a miña cadela; cando a subo, axudo a miña avoa na casa e comemos. Despois fago un  curso por internet e cando acabo, merendo co meu irmán....Sobre as 16, empezo coas tarefas e, cando acabo, ceo, métome na ducha, poño o pixama e vou durmir.
    Síntome ben de ánimo, xa que estou coa miña familia e facemos cousas xuntos, como xogar ou ver películas. Tamén falo moito cos meus amigos para saber como estamos. Entón, non o paso tan mal no confinamento.
                                                   Jennifer López  Serrano,  ESA 2, Adultos. 


martes, 21 de abril de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


 
   Pois o que fago estes días é durmir moito, andar comendo cada dous por tres, facer as tarefas que me van deixando. Vexo algunhas películas, e algo que fago, e que me gusta moito, é escoitar a radio, e as noticias. Despois, tamén vou comprar á farmacia, etc. E á finca que temos preto da casa...alí soio ir con miña nai e plantamos de todo: tomates, pementos, porros, chícharos, etc. E outra cousa, ler o xornal, La Voz de Galicia; gústame manterme informada. E gustaríame, sobre todo, saber cando volveremos ás clases, boto de menos aos compañeiros e aos profes.
 
                                                    Lucía Roca Álvarez, ESA 2. Adultos.

luns, 20 de abril de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.



   Ola. Eu estou pasando o meu confinamento  aburrida, estresada e cansada. Todo isto é porque teño un bebé de quince meses que non para quieto, non hai nada que o entreteña, estanlle saíndo dúas moas e chora moito. Eu non fago máis que xogar con el e facer os deberes que me mandan as profesoras. Moitas veces pinto co meu bebé, bailamos e ensínolle os números, as cores e cousas dese estilo. Estudo polas noites ou cando o bebé fai a sesta. A verdade é que non fago moitas cousas desde que empezou o confinamento...limpo a casa, cociño para min e o meu fillo e vemos moitos debuxos e contaxogos.
   E todo isto é o que fago día tras día, sempre o mesmo todos os días. Espero que os demais estean pasando un confinamento mellor, máis animado,  e con boa saúde. Un saúdo.
 
                                                          Anabel Batista, ESA 3, Adultos.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
                    
 
 
 


sábado, 18 de abril de 2020

Un libro para o confinamento..."Elizabeth e o seu xardín alemán"



   Nestes duros días, en que, xa que non  podemos saír,  necesitariamos ter, polo menos, un xardinciño onde respirar un pouco de natureza, a lectura deste libro resulta unha experiencia agridoce.
   A protagonista transmite a atractiva idea de que, tendo un xardín, non se necesita nada máis na vida; a súa comuñón coa natureza   é unha lección de abandono de todo (ou case todo) o material...É certo que se trata dunha muller de clase alta, con todas as súas necesidades cubertas e sen outra que a de ser feliz, pero a súa aposta vital é moi atraente, e, para ser un libro escrito por unha aristócrata do século XIX, mostra unha visión moderna e pouco convencional da vida, utilizando, ademais, un estilo lixeiro, suavemente irónico, crítico coa sociedade, coa alta sociedade e, por momentos, consigo mesma tamén. Lelo, pechada na casa, sen ese xardín no que poder refuxiarse, produce unha mestura de pracer e desasosego.
                                                                                          Susana Piensos.


xoves, 16 de abril de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.


 
   O día 13 cumprín un mes de confinamento na casa. Que raro todo...Foi un mes moi triste. E non quería deixar pasar a oportunidade de mandar amor a todos os que están pasando por este mal momento. Oxalá que pronto poidamos xuntarnos todos de novo, poidamos camiñar nas rúas, respirar aire puro sen medo e que a xente non teña medo de saudar, abrazarse...Que todo volva á normalidade de poder tomar un bo café nunha cafetaría, de poder saír de festa cos amigos, de poder vivir a vida como se non houbese un mañá.
   Fun dúas veces ao súper e ningunha á farmacia, afortunadamente. Érgome con forzas e animada, dou grazas ao universo. Fago uns saúdos ao sol e organizo a rutina do día a día. Estou ben, creo que engordei, xa que na rutina non hai moito que facer, a non ser comer, durmir, tele, etc. Cada día aplaudo ás oito. De día non miro as noticias, pola noite, si.  Intento practicar regularmente deporte, fago videochamadas á miña familia e saio a aplaudir cada noite ao persoal sanitario. Xamais pensei que se puidese achar tanto en falta o contacto físico. Nunca pensei que a distancia xeográfica doese tanto no corazón.
   Así está sendo o meu confinamento.
                                         Pávila Juliane De Oliveira Santos, ESA 2 Adultos.
 
  

luns, 13 de abril de 2020

Comparto con vós...o meu confinamento.



Diario do confinamento
   
   Estas dúas últimas semanas, a verdade é que foron máis tranquilas. Foron dúas semanas de reflexionar, de  pensar sobre o que vou facer coa miña vida, de pensar o que me falta para lograr todos os meus obxectivos...Tamén dccidín non ver máis noticias, nin seguir os medios de comunicación, porque non quero "contaminarme" de cousas negativas da tele, non quero que a tele me encha de medos nin de cousas que non axuden a solucionar esta crise...ao contrario, o que fan é meter máis medo á xente, cousa que vexo mal.
   Tamén dedico o meu tempo a educarme, estou facendo test para sacar o carné de conducir e dedícome a ler; aprendín moitas cousas en internet.
     Ademais, estou compartindo o tempo coa familia, con ganas de que pase todo isto, e tamén facendo os deberes que me envían....
      E pensando moito en aproveitar a vida, porque as cousas cambian da noite á mañá e isto que estamos vivindo é unha proba...
      Espero que volvamos pronto á normalidade.
                                                                       Sebastián Garcés Pérez, ESA 2. Adultos.
 
 
    


mércores, 1 de abril de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."Ollos de auga"



A novela conta un asasinato que sucede en Vigo. Todo ocorre a causa do asasinato dun saxofonista, cunha crueldade e sangue frío inusitados. Todo vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía.
O libro gustoume moito, aínda que houbo partes que me gustaron máis ca outras. Resulta un pouco triste, aínda que ten moito suspense, e os personaxes e o mundo urbano están pintados cun humor agudo e intelixente.

                                                Lucía Roca Álvarez. 2º ESA Adultos.