Publicado hai máis de cen anos, este clásico da literatura estadounidense consérvase moderno e fresco. Trátase dun libro de poemas que son, en realidade, capítulos dunha novela coral protagonizada polos habitantes do cemiterio da imaxinaria localidade Spoon River; os personaxes que nos contan, en primeira persoa, as súas historias, fano liberados xa (ou non, porque a maioría amosan os mesmos sentimentos que tiñan en vida) das súas paixóns.
Máis de douscentos seres, de toda condición social e moral, revelan segredos cos que marcharon á tumba, emocións agachadas, relacións prohibidas, miserias, grandezas...En definitiva, ofrecen, post- mortem, un retrato da condición humana no que nos podemos ver reflectidos todos.
Escrita cun ton grave, como corresponde ao contido do libro, pero non exenta ás veces dun certo humor amargo, con referencias históricas e culturais que a fan unha lectura en ocasións difícil, é, en todo caso, unha obra profunda, orixinal e moi interesante.
S.P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario