luns, 16 de febreiro de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO OU UN FILME (BASEADO NUN LIBRO) CADA SEMANA



A Teoría do Todo


Esta película, baseada nun libro da primeira esposa do astrofísico e cosmólogo Stephen Hawking, leva recollidos unha morea de premios, e aínda lle queda algún máis por celebrar.

Percorre a vida dos protagonistas desde que se coñeceran ata que o físico é recoñecido coma un 'fóra de serie' no mundo científico. Polo tanto, podemos clasificalo no mundo dos biopics. O relato é formal, lineal. Arrinca cun Stephen pedaleando cheo de vida polas rúas dun Cambridge, que nos lembra as películas de Harry Potter. Claro, moitas imaxes foron tomadas nos mesmos sitios.



O universo de Hawking crece e crece: aparecen máis personaxes, chegan os fillos, outros científicos... e ao mesmo tempo o individuo vaise achicando, vítima dunha enfermidade especialmente lacerante. O protagonista perde mobilidade pouco a pouco. Coma espectador empezas a moverte na butaca tentando axudarlle nos seus torpes intentos... Cando só lle quedan os xestos para se comunicar, o espectador apreta as uñas nas mans, mestura da ansiedade que transmite ao mesmo tempo que dis: "Este tío pode con todo!"

Tiven a oportunidade de ver a este científico fai uns anos en Santiago. En vivo!. Aquela experiencia non daba saído da miña cabeza ao ver a película. Aínda agora que escribo estas liñas todas esas lembranzas veñen de novo.

Non deixes de vela se podes!

(Mario S. García, prof. de Tecnoloxía do IESP ‘Eusebio da Guarda’)

venres, 13 de febreiro de 2015

CONMEMORANDO



ANTROIDO 2015.

https://www.dropbox.com/sh/0ugd7jdrgpzwlpr/AADlW5FwOvVWcHkIs_HeLd2ta?dl=0

Todo chega (e todo pasa). E chegou o Entroido. Varios membros do equipo da Biblioteca, en colaboración co profesorado do primeiro ciclo da ESO, fortemente “motivado” –quizais presionado fose máis exacto- polas ganas que tiña de disfrazarse a rapazada, organizaron a movida desta mañá na sala de Usos Múltiples. 
Primeiro baixaron os de primeiro, os catro grupos de golpe: mentres actuaba 1º A, as xentes de B, C, D estaban de espectarores; logo baixaba o A do escenario e subía o B, e así sucesivamente. Cando remataron de actuar os primeiros, abandonaron Usos Múltiples e entraron os de segundo da ESO. Do ximnasia trouxeron bancadas de madeira que son máis baixas cás cadeiras, puxéronse diante para que a visibilidade fose boa.
O equipo de son fallou bastante (NECESITAMOS URXENTEMENTE TAMÉN AQUÍ UN MECENAS...) e impediu que se lucisen os de 2º A (á cuarta intentona desistiron enfadados e xa non houbo ocasión de que repetisen). E é que, claro, a música resulta imprescindible. Tivemos que soportar estoicamente moita pachangada nun volume insufrible, cousas e temas que non creo pague a pena mentar, incluso se volveu a vista atrás, moi atrás, traendo á palestra aquilo de Dale a tu cuerpo alegría Macarena..., e oíuse igualmente algo moi coreográfico: levantaban mans, brazos, facían variadas figuras e acenos co corpo mentres berraban cuchara, cucharón, salero ou algo así...  Pero tamén presenciamos coreografías máis dignas ao meu humilde entender: vou referirme a  un par delas: unha de country –non identifiquei ben a autoría, pero dígovos que non estaba mal, e sei do que falo, na miña óese de cando en vez a Lucinda Williams, a Steve Earle, John Hiatt, Steve Van Zandt...-, coas mellores rapazas de botas e sombreiros guai na primeira fila, espectaculares, brillantes danzarinas senón minoicas, si galaico-countrianas; e logo é imposible non mentar as actuacións do grupo de 2º C, baixo a sempre traballada dirección da súa profesora de lingua, Ana Rey. Unha pasada. Primeiro escenificaron a secuencia da barbería (no fondo na pantalla proxectábase do filme O gran ditador  de Chaplin: a toda mecha soaban as Danzas Húngaras). Soberbio, rapaces!, e logo escenificaron da Violetera, hispaniae filme, co tema musical correspondente; e esquecíame, unha secuencia da produción en cadea de Tempos modernos, sempre de Chaplin. Ana lucía o atuendo en branco e negro, co caxato, o pelo recollido baixo o sombreiro bombín. Bonita, bonita.
Souberon estar. Había cada tanto que mandalos calar pero nada grave. Rimos, aplaudimos, fixemos fotos. Sobre todo, estivemos xuntos. Unha morea de nenas, de nenos, de profes. Non faltou a directora. Entrou xa mediada a festa porque fixo de cicerone a unha visita, Mercedes Peláez, unha madrileña guapa que escribe nunha das mellores  revistas de arte de España (“Descubrir el arte”); Mercedes visitaba o Instituto buscando os lugares exactos onde estudou o Picasso rapaz. Alí mesmo, na que chamamos agora ‘Sala de Usos Múltiples’, alí daba as súas clases noutrora, principios do século XX, o pai de Picasso, D. José Luis Ruiz. 
O xefe de estudos fartouse de sacar fotos cunha máquina de tres estralos. Unha mañá estupendísima. E o Antroido non fixo máis que empezar...
Só nos resta darlles as grazas aos rapaces e rapazas do primeiro ciclo da ESO por manter viva a labarada lúdica (o espírito xogoral) e ás profesoras e profesores que contribuíron a que houbese festa: Ricardo Abad, Carmen Aquino,  Íñigo Fernández, Mar Fernández, Miguel García –que fixo de teloneiro eficiente-,  Juan Lence, Alba Lorenzo, Loli Martín, Beatriz Moreno Chus Quintáns,  Ana Rei,  Ricardo R. Abad, Beatriz Romero, Catalina Romero, Mar Sendino,  Silvia Veiga, Roberto Zuluaga (perdón se esquezo a alguén).
[Se queredes un comentario extra, rapaces, relembrade isto: a boa arte –o bo cine neste caso- dá para moito, é inmorrente].
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da B.E. do IES ‘Eusebio da Guarda’ da Coruña).

mércores, 11 de febreiro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA DÉCIMO OITAVA


O próximo martes 24 de febreiro o profesor de tecnoloxía Mario S. García, licenciado en física e máster en astronomía, vai vir ao noso Club de Lectura para falarnos de Galileo Galilei. Por certo que a obra máis coñecida deste sabio italiano e universal foi publicada con este título: Siderus Nuncius. A pregunta desta semana é: como se traduce Siderus Nuncius? (1 punto).

:::::::::::::::::::

A resposta dánola novamente Alicia Cabana, de 3º da ESO. Tradúcese así: Mensaxeiro sideral.

luns, 9 de febreiro de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA

SEMANA DO 9 AO 13 DE FEBREIRO


Recoméndovos, aos de bacharelato, colegas e amigos en xeral, que leades, se non o fixestes aínda, o libro escrito pola arxentina de apelido galego-portugués, Claudia Piñeiro, Las viudas de los jueves. Hai versión cinematográfica, pero non a coñezo.

Un libro ben escrito, boa técnica, hai unha certa frescura innegable, e non falta o poderoso atractivo do factor lingüístico diferencial: atrae o español porteño.

O tema xira arredor dos discretos engados da burguesía: os personaxes viven nunha especie de colonia de elite, super protexidos teoricamente dos perigos do exterior, entre luxos, hipotecas, falsidades non exentas de exotismo e outras herbas. O amor hai que buscalo con lupa. Ámanse os dous amigos adolescentes, ela –adoptada- sofre mal o cambio (todo un indicador de clase) do nome, de Ramona é forzada a atender por Romina.

Quedo tamén coa libreta de notas da narradora, onde apunta cousas variadas e sempre curiosas.

A novela gañou un premio e entre os membros do xurado estaba Saramago, dato este que dalgunha maneira é garantía de excelencia, na medida que sexa.

[Nota lingüística: fixádevos na cantidade de anglicismos que penetran na lingua arxentina: en só dúas páxinas anoto tres: pro shop, dri-fit e country; coma sempre, chama a miña atención tamén a riquísima fraseoloxía, non sempre doada de descifrar: Pegarle como le pegás es al pedo, estoy meado por los perros, el jueves era su día de franco, en medio de la mesa ratona, etc.].

En resumo, temos aquí unha novela moi entretida, divertida por veces, e non exenta de contido social.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da B.E.).

(Foto de Claudia Piñeiro, tomada da Internet)

mércores, 4 de febreiro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA DÉCIMO SÉTIMA


Desta feita a pregunta é histórica: cando chegou o rei Alfonso XII á estación do Norte (así se chamaba daquela a estación de Oza-Coruña), na que foi a viaxe inaugural do ferrocarril na liña xeral de Galicia? (2 puntos)

 (Foto antiga da Estación do Norte, que ardera na década dos 60)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

A resposta correcta é: O rei Alfonso XII chega á Estación do Norte en 1883. A primeira en responder é Alicia Cabana Noguera, alumna de 3º da ESO.