mércores, 28 de xaneiro de 2015

A VOZ DOS QUE AMAN A PAZ


Malala Yousafzai, de 17 anos, e Kailash Satyarthi, de 60, compartiron no ano 2014 o Premio Nóbel da Paz. Ela por arriscar a súa vida en defensa da educación feminina no seu país e el por loitar pacificamente en contra da explotación laboral infantil.
Malala dixo:
  1. “Para facerme poderosa só necesito unha cousa: educación”.
  2. “Un neno, un profesor, un libro e un lapis poden cambiar o mundo”.
  3. “A mellor maneira de loitar contra o terrorismo é moi sinxela: educar a próxima xeración”.
  4. “O maior terror dos talibáns resultou ser unha nena de 14 anos armada cuns libros”.
  5. "É verdade que a pluma é máis forte cá espada”.
  6. “Un país non é o máis fuerte polo número de soldados que ten, senón polo seu índice de alfabetización”.
  7. “Volver ao colexio faime moi feliz. O meu soño é que todos os nenos do mundo poidan ir á escola porque é o seu dereito básico”.
  8. “A educación é a educación. Debemos aprender todo e despois elixir que camiño seguir. A educación non é oriental nin occidental, é humana”.
  9. “Non quero ser coñecida coma rapaza á que dispararon os talibáns, senón como rapaza que loita pola educación, quero dedicar a miña vida a esta causa”.
  10. “Encántame a física porque o seu obxectivo é a verdade, nun mundo determinado por principios e leis, sen divagacións nin terxiversacións como na política”.
  11. “Se tivese unha arma na miña man e o talibán que me disparou estivese enfronte de min, non lle dispararía. Esta é a compaizón que aprendín de Mahoma, o profeta do perdón, de Xesucristo e mais de Buda. Este é o legado do cambio que herdei de Martir Luther King, Nelson Mandela e Muhammad Ali Jinnah”.
  12. “Son dun país que naceu a medianoite. Cando estiven a piques de morrer era un pouco antes de mediodía”.

CONMEMORACIÓNS


VENRES 30. DÍA DA PAZ.

Vistes que actividades tan guapas programaron no noso Instituto irmán? Entrastes xa nos blogs amigos e rebuldeiros? Nós tamén faremos algo a prol dese desiderátum, desa utopía imprescindible, que haxa PAZ no mundo en que vivimos…

Aconsellable:

1.   Sermos máis pacíficos e menos violentos no día a día.

2.   Ler máis poesía. Esta semana podemos ler, xa que estamos, a Octavio Paz.

3.   Rosalía cita sete veces polo menos a palabra PAZ  en Follas Novas.  Buscade e lede.

4.   Este venres no primeiro recreo baixaremos á Praza de Pontevedra e faremos foto arredor do símbolo picassiano, da pomba branca. Vinde  facernos compaña.

5.   Entrade logo no blog da Biblioteca (ofarodesofia.blogspot) , e deixade un comentario ás outras actividades que subiremos ao blog o venres.

6.   Oístes as palabras que pronunciou a última muller que recibiu o Premio Nobel da Paz? É aconsellable coñecelas.

7.   Comunica os teus mellores desexos de paz ao mundo, empezando por aqueles que tes máis preto.
EQUIPO B.E. DO EUSEBIO DA GUARDA

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA DÉCIMO SEXTA


A pregunta desta semana é esta: Que celebramos este venres 30 de xaneiro? (2 puntos)

martes, 27 de xaneiro de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 26 AO 30 DE XANEIRO DO 2015
NIN DE EVA NIN DE ADÁN

Comento brevemente unha noveliña que me encantou: Nin de Eva nin de Adán, da belga Amélie Nothomb. Trátase dunha obra autobiográfica onde Nothomb, nacida en Xapón por mor do traballo de seu pai, conta a súa historia de amor co adorable Rinri e dános unha visión do Xapón de finais do século XX, tan suxerente que nos transmite as ganas de coñecer tan peculiar sociedade, chea de contradicións (terrible a presión académica e laboral; esta última é,parece, o tema central da novela, tamén autobiográfica, Estupor e tremores , que xa estou desexando ler) pero refinada e misteriosa, delicada e elegante.
E , en primeiro plano,a historia de amor, narrada con humor, intelixencia e sensibilidade, utilizando sempre a linguaxe axeitada, cun estilo preciso, no que non sobra nada, conseguindo sempre a frase redonda, ocorrente, por veces poética, por veces burlona. unha marabilla.
Mágoa que, finalmente, Nothomb deixe escapar a Rinri, o home perfecto...
(Susana Piensos, profesora de Lingua galega e literatura no IES ‘Eusebio da Guarda’).

xoves, 22 de xaneiro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS

SEMANA DÉCIMO QUINTA

Todos necesitamos unha Ítaca á que volver, coma Ulises. Iso dixo o noso autor cando se refería ao manuscrito inacabado... O manuscrito dun libro que se publicou a título póstumo. Segundo sabemos grazas á súa viúva, Miriam Gómez, “cómplice e compañeira inseparable” (con palabras do prologuista da edición que teño na man, Antoni Munné), o título do libro veulle á mente vendo un mapa de A Habana, un mapa que estaba no despacho de Alejo Carpentier, quen por certo lle asegurou ao noso autor que fora feito por un espía inglés do século XVIII.

PREGUNTA: Como se chama o escritor cubano ao que nos referimos e cal é o título da obra póstuma en cuestión? (2 puntos)

mércores, 21 de xaneiro de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA

ALANNA A GUERREIRA (Tamara Pierce)

Este libro regaláranmo os “Reis Magos” hai tempo. En canto o vin pensei: “por fin teño nas miñas mans un libro que trata dunha muller guerreira”. E así foi. Alanna cambia considerablemente o costume de pór  ás mulleres en apuros.

Alanna a guerreira” trata sobre unha nena que está destinada polo seu pai a un convento; esta nena é Alanna. Ten un irmán xemelgo que prefire estudar bruxería no convento e ela prefire substituír o seu irmán e ir á corte para aprender a ser un cabaleiro. Desde ese momento é Alan de Trebonal.

Se che gustan as historias de cabaleiros en apuros e damas ao rescate, estás de sorte, porque Tamara Pierce che dá todo isto e moito máis nesta incrible historia de cabaleiros e bruxería nunha sociedade aristócrata da Idade Media.

                                                                Alicia Cabana Noguera.  3ª da ESO.

mércores, 14 de xaneiro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA DÉCIMO CUARTA


Un bo lumiño na lareira, unha manta amorosa, a man amiga... Todo pode ser perfeccionable se, ademais, temos un libro connosco.


PREGUNTA: A que se dedica o protagonista de Reo, a novela de Xesús Fraga? (1 punto)