UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 24 AO 28
Hoxe tráiovos un libro sobre toponimia. A
toponimia é unha disciplina difícil: para obter resultados fiables,
científicos, hai que perder moita vista e moito tempo buscando entre os
documentos vellos as formas e as variantes das palabras cuxa orixe pretendemos
coñecer. Mais tamén é unha boa maneira de viaxar ao pasado e de gañar un mínimo
de coñecementos sobre o que fomos, sobre quen somos.
Outra vantaxe dos estudos toponímicos é o
feito incuestionable de que te obriga a suxeitar a túa fantasía. Se pretendes
ser minimamente bo, forzosamente aprendes prudencia.
A maior desvantaxe, en troques, é a intensa
tristeza que che pode entrar cando es consciente da cantidade inmensa de
fermosísimos nomes de lugar que se perderon e, canto máis te achegas ao
presente, a maior velocidade desaparecen: son poucos os seres humanos cultos
e/ou con poder político que saben apreciar a importancia da toponimia. Macrourbanizacións,
macropolígonos industriais, incluso macrocamposuniversitarios varren do mapa
ducias, e ducias de nomes de fontes, de camiños, de lugares, de campos, fragas
e leiras que os nosos ancestros veneraron durante centos de anos. Os mapas da
Coruña saben moito disto. Entre un mapa do século XIX e un actual xa se percibe
a brutal cirurxía. Se collemos e
comparamos agora a microtoponimia que enriquecía a parroquia de san Vicenzo de
Elviña co silencio, co esquecemento toponímico actual, a cousa xa é para pensar
seriamente que non sabemos apreciar para nada a nosa historia.
Leamos, pois, e gustemos un pouquiño máis da
toponimia. Botade daquela un vistazo a
este libro: Toponimia Hispánica. Origen y
evolución de nuestros topónimos más importantes. Coordinado por X. Ll.
García Arias. Un libro publicado en Valencia no 2011. Están moi ben estudadas
nese libro os nomes das cidades e vilas máis habitadas de Galicia.
Ah!, antes de pechar, esquecíame outra
marabilla desta disciplina: é un excelente nexo vertebrador. Vale para apreciar
o que nos une, o que temos en común. Barcia
e Barcelos no N.O. da península, Barcelona no N.E; Xallas no N.O., Sella no
N., Jalón no N.E. aprox.; (Sená)briga no N.O., (Segó)briga no centro, (Laco)briga
no S. ; Dunum(briga) no N.O., (Viro)dunum [actual Verdún] no N.E.; Viana (do Bolo) no N.O, Viana en Navarra. Etc.
(Mª Rosario Soto, membro do equipo da Biblioteca do IES 'Eusebio da Guarda')
Ningún comentario:
Publicar un comentario