luns, 28 de novembro de 2022
mércores, 23 de novembro de 2022
venres, 28 de outubro de 2022
Un libro cada semana...ou cada mes..."Antoloxía de Spoon River"
Publicado hai máis de cen anos, este clásico da literatura estadounidense consérvase moderno e fresco. Trátase dun libro de poemas que son, en realidade, capítulos dunha novela coral protagonizada polos habitantes do cemiterio da imaxinaria localidade Spoon River; os personaxes que nos contan, en primeira persoa, as súas historias, fano liberados xa (ou non, porque a maioría amosan os mesmos sentimentos que tiñan en vida) das súas paixóns.
Máis de douscentos seres, de toda condición social e moral, revelan segredos cos que marcharon á tumba, emocións agachadas, relacións prohibidas, miserias, grandezas...En definitiva, ofrecen, post- mortem, un retrato da condición humana no que nos podemos ver reflectidos todos.
Escrita cun ton grave, como corresponde ao contido do libro, pero non exenta ás veces dun certo humor amargo, con referencias históricas e culturais que a fan unha lectura en ocasións difícil, é, en todo caso, unha obra profunda, orixinal e moi interesante.
S.P.
martes, 4 de outubro de 2022
xoves, 22 de setembro de 2022
Un filme clásico cada semana...ou cada mes..."The party".
"A xogo" cos últimos días do verán, cheos aínda de luz e sons, emitiuse recentemente na televisíón un clásico do humor que eu gardaba na memoria desde os xa afastados días da adolescencia: "The party", un luminoso e colorido filme que quizais non envelleceu de todo ben ( o humorístico é, creo, un dos xéneros máis difíciles; en todo caso, no filme respíranse aires de mestres coma Chaplin, Laurel e Hardy ou Jacques Tati)) pero que conserva valores que o fan interesante de revisar. Ás novas xeracións, se o visen, habería que preguntarlles se lles resulta tan divertido como ás que o desfrutamos no seu día.
O filme ten un escasísimo argumento: un torpe actor, invitado por erro a unha festa nunha mansión de Hollywood, acaba provocando situacións desastrosas que transforman a inicialmente aburrida festa nunha loucura.
Ademais da comicidade das situacións, a película ten outros alicientes, como a atmosfera pop deses anos 60, cheos de optimismo e color, e resulta visualmente moi atraente, unido isto á música de Henry Mancini, moi ben conxuntada coa acción; tamén se pode percibir a sátira social : os invitados ao party son, na súa maioría, xente superficial e baleira e, no fondo, máis extravagantes que o tenro e desastroso protagonista, un home cheo de valores que, despois de todo, é máis normal que o resto dos personaxes.
Para finalizar o verán cun sorriso, "The party" é un filme estupendo.
S.P.
































