xoves, 22 de setembro de 2022

Un filme clásico cada semana...ou cada mes..."The party".


   "A xogo" cos últimos días do verán, cheos aínda de luz e sons, emitiuse recentemente na televisíón un clásico do humor que eu gardaba na memoria desde os xa afastados días da adolescencia: "The party", un luminoso e colorido filme  que quizais non envelleceu de todo ben ( o humorístico é, creo, un dos xéneros máis difíciles; en todo caso, no filme respíranse aires de mestres coma Chaplin, Laurel e Hardy ou Jacques Tati)) pero que conserva valores que o fan interesante de revisar. Ás novas xeracións, se o visen, habería que preguntarlles se lles resulta tan divertido como ás que o desfrutamos no seu día.

O filme ten un escasísimo argumento: un torpe actor, invitado por erro a unha festa nunha mansión de Hollywood,  acaba provocando situacións desastrosas que transforman a inicialmente aburrida festa nunha loucura.

   Ademais da comicidade das situacións, a película ten outros alicientes, como a atmosfera pop deses anos 60, cheos de optimismo e color, e resulta  visualmente moi atraente, unido isto á música de Henry Mancini, moi ben conxuntada coa acción; tamén se pode percibir a  sátira social : os invitados ao party  son, na súa maioría, xente superficial e baleira e, no fondo, máis extravagantes que o tenro e desastroso protagonista, un home cheo de valores que, despois de todo, é máis normal que o resto dos personaxes.

   Para finalizar o verán cun sorriso, "The party" é un filme estupendo.

                                                                                                                       S.P.

   

Ningún comentario:

Publicar un comentario