Chámome Fidelina Seco e teño 62 anos. Fun profesora de inglés no Instituto
Eusebio Da Guarda até hai 2 anos, cando me retirei. Sempre me gustou moito ler
e agora teño moito tempo pra facelo. Así que leo varias horas cada día.
Hai unhas dúas semanas rematei (por terceira vez en trinta anos) a serie da
Fundación, de Isaac Asimov, que é unha das miñas obras favoritas. E pensaba
escribir sobre iso. Pero no tempo que pasou empecei outra serie, nova pra min:
a de Maximum Ride, de James Patterson.
Maximum Ride é a protagonista dunha serie de 8 libros que narran as
aventuras dun grupo de rapaces entre 6 e 14 anos. Estes rapaces non son xente
corrente; son producto de experimentos xenéticos que, no seu caso, deu lugar a
6 nenos e nenas capaces de voar porque teñen alas.
Max é a xefa do grupo e ten 14 anos, o mesmo que dous rapaces, Fang e Iggy
(que é cego). Despois está Nudge, una nena de 11, Gazzy, que ten 8 e a súa irmá
Angel que ten 6. Os rapaces chámanlle ao seu grupo "A Bandada" e
considéranse unha familia, aínda que lles gustaría moito atopar aos seus pais.
Despois de vivir en xaulas para animais dentro dun laboratorio que os
"batas brancas" (nome que a Bandada lles da aos científicos que
experimentaron con eles) chamaban a Escola, un dos "batas brancas"
sacounos de alí e levounos a vivir nunha casa illada nos montes de Colorado onde
coidaba deles e lles ensinaba cousas diversas. Pero desapareceu ao cabo de dous
anos e os rapaces pensaron que morrera.
Agora, dous anos despois de que marchara o científico que os coidaba, a Bandada
vese atacada repentinamente polos "Borradores", outros seres híbridos
de laboratorio, rapaces que se converten en lobos para atacar aos membros da
Bandada, sendo esa a súa única misión.
Así comeza a fuxida da Bandada e as súas aventuras.
O peor defecto que teñen estes libros é que están escritos en inglés e non
están traducidos nin ao galego nin ao español.
Pero descubrín onde se pode descargar o primeiro libro en español:
http://mimundodepapelcr.blogspot.com.es/2013/06/maximum-ride-01-angel-experiment-pdf.html
http://es.paperblog.com/maximum-ride-01-the-angel-experiment-pdf-2015903/
E como vos sodes moito máis expertos que eu nesto da internet, estou segura
de que atoparedes moita máis información sobre isto. Está tamén en facebook e
supoño que en twitter.
Eu xa vou no cuarto libro. Espero que vos guste tanto como a min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario