Baixando en coche pola
autovía Santiago-Ourense, ás costas o país de Deza, á fronte o triángulo case
equilátero perfecto do Pico Sacro, as nubes tras da montaña sagrada –e iso que
eran as dez e vinte da noite de maio- debuxaban paisaxes marítimas, coma quen
ve claramente unha ría, para min era Punta Lagosteira e a entrada de Ferrol,
coma un espellismo, un trasunto novo e puro da realidade, unha vía
libre para a imaxinación. Logo, xa saíndo do túnel da praza de Pontevedra,
vimos unha especie de crocodilo sobre o Vixía (monte de san Pedro) que abría a
boca para devorar un parrulo xigantesco que voaba cara a el no ceo da baía do
Orzán.
Cando as nubes de verán presaxiaban tormenta a avoa dezá
dos meus fillos relembraba a infancia: Chamabámoslles
‘castillos’, e deitabámonos na herba a xogar imaxinando cousas, movíanse e
cambiaban, eramos nenas…
Todo isto veume á cabeza ao fío da lectura do
libro de don Ramón Otero Pedrayo, O mesón
dos ermos. Un texto ricaz en léxico, con listados de palabras que non
figuran nos dicionarios académicos. Un luxo galaico e prerromano. Non é un
libro para rapaces aínda. Pero si para un amante fiel da nosa lingua. O caso é
que hai unha pasaxe en que o vello frade bernardo –xa sabedes os lectores pedraianos
como destilan as súas páxinas saudade dos mundos idos, saudade do vello pazo,
saudade do mosteiro con cantos gregorianos…- recorda a infancia. Camiña polo
herbal da man do pedreiro e ten medo de que lle saian cobras. Entón o canteiro
dille: ¡A señora cobra vai en demanda ao
Imperador San Carlomagno porque un feo becho, o sapo, lle vai lixar a cova!
E engade o narrador, cuxa voz aquí coincide coa do
personaxe-neno-frade:
E eu gozoso coidaba
mirar no ceo por riba das altas nogueiras a barba branca de nubes do Imperante
xusticieiro, e xa non tiña medo…
Precioso xogo, mirar as
nubes rolar polo ceo. Xogaría coas nubes o neno Ramón? Quixera que me
permitirades dúas verbas aínda sobre ese imperante citado polo autor ourensán:
fixástevos que aparece co título de santo? Iso estanos indicando a prédica que
tivo Carlomagno entre nós, os galegos. A sona dos seus feitos e mais a dos seus
pares vén e froitifica polo Camiño Francés, o segundo nome en importancia do
Camiño de Santiago. Froito desa popularidade é a atribución ao franco de
poderes propios dos santos, asolagar vilas, facer que as lanzas florezan
marabillosamente… Así consta no libro que coñecemos como o Pseudo Turpin.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do equipo da
Biblioteca do Instituto Eusebio da Guarda)
Ningún comentario:
Publicar un comentario