venres, 22 de abril de 2016

As mulleres de Cervantes

No catrocentos aniversario da morte de Cervantes, botamos unha ollada a algunhas das centos de mulleres que aparecen nas páxinas de El Quijote.

DOROTEA
É a que máis espazo ocupa na obra, filla de labregos andaluces acomodados, é unha muller capaz de administrar a facenda, tocadora da arpa. Pola traizón de don Fernando que fuxiu, é desdichada en amores, pero ese amor fará que saia buscalo por Sierra Morena e aínda que por isto puidese parecer unha atolondrada, é xuizosa.
É sensual, de longos cabelos, pel branca, fermosas pernas e pés nus que lava no río disfrazada de rapazolo con monterilla para recoller o pelo, é descuberta coma un anxo polo Cura, o Barbeiro, Cardenio e, despois, don Quijote. Tomaralle cariñosamente o pelo a don Quijote finxindo ser a princesa Micomicona e así consegue que o vello fidalgo, embobado pola súa beleza, deixe de pensar uns intres en Dulcinea.

Grabado de Gustavo Doré

ZORAIDA
É filla do poderoso arxelino AgiMorato, namorada dun cativo cristián que relata a súa historia na venta en presenza de  Luscinda e Dorotea, fascinadas ante a cultura, refinamento e o asentimento silencioso dela. A historia remite ao episodio real protagonizado entre a filla dun potentado árabe e un cristián durante o cativerio en Arxel de Cervantes.
No relato aparece ricamente vestida e enxoiada no lugar de reclusión dos cativos aos que axuda a fuxir nunha barca e, todo isto en contra da vontade paterna. O seu obxectivo é atopar a Virxe, Lela Marién, converterse ao cristianismo baixo o nome de María e casar co cristián. Representa a liberdade fronte a norma da sociedade á que pertece.

Grabado de Gustavo Doré

MARCELA
Orfa de pais, é unha pastora nova, refinada, que sabe ler e escribir. Aparece retirada e dada á contemplación na Serra, xunto aos cumes, ríos e árbores. Rodeada de acosadores pretendentes que se disfrazan de pastores para poder ser aceptados. Defende a liberdade por riba de todo e rexeita a Grisóstomo, que morre polo seu amor.
Marcela reclama a soidade dos campos no capítulo máis solemne de El Quijote, denuncia o acoso ao que, moitas veces, son sometidas as mulleres e é a figura que reta con maior potencia ao patriarcado. Os que escoitan o seu razoamento quedan admirados pola súa intelixencia, e, ante o intento de culpala da morte de Grisóstomo, don Quijote deféndea con contundencia.

Grabado de Gustavo Doré



DULCINEA/ ALDONZA
Dous nomes e un mesmo personaxe que representan a imaxinación e a realidade encarnadas nunha muller do Toboso.
Aldonza, filla de Lorenzo Corchuelo e Aldonza Nogales, analfabeta, sensata, atrevida, de complexión forte e bromista. A ficción cervantina crea sobre este modelo realista o oposto de Dulcinea, amada intanxible de “fermosura sobrehumana” que representa o ideal platónico e apenas ten voz. Por ela vive o cabaleiro andante. Contra este ideal de muller chea de virtudes que representa os soños de don Quijote, falarán outros personaxes, desde o incrédulo Sancho ás mozas burlonas do Pazo Ducal, pero don Quijote permanecerá  teimudo: son os malos encantadores, os que converteron a súa princesa en vilá.

Benigna Vidal Tomé

mércores, 20 de abril de 2016

Un filme, baseado nunha banda deseñada cada semana...ou cada mes... "María y yo"

  
 
 
   Esta película documental, baseada no cómic autobiográfico de Miguel Gallardo, trata dunha nena, a filla do autor, que sofre autismo, e amósanos a vida da familia e de María, a nena. Vese que os pais teñen  paciencia e toman o problema con certo humor. Presenta algúns comportamentos enigmáticos, como romper papeliños e deixalos caer preto dos seus ollos e xogar coa area da praia deixándoa caer diante tamén dos ollos...
   A película gustoume; paréceme que terían que facerse máis películas coma esta para que a xente aprenda a tratar correctamente ás persoas con problemas ou discapacidades. Aprendín que a vida das persoas con problemas e as súas familias non sempre é fácil pero que hai que aceptalos e tratalos ben. Transmíteme pena e cariño...este tipo de situacións é unha das cousas que me transmiten máis emocións.
                                                                                    Alejandro Cabana, 3º ESO.

martes, 19 de abril de 2016

Affiche ton français



Diversos alumnos do noso centro están a participar nestes días no concurso "Affiche ton français" celebrado polas "XXX Journées pédagogiques" organizadas pola Asociación de profesores de francés que se levarán a cabo nesta fin de semana (15 e 16 de abril) en Santiago. A temática do concurso deste ano trata sobre grandes persoeiros das letras e a cultura francesa. Despois de seren seleccionados os mellores traballos polo profesorado de departamento de francés, agardamos que o noso centro acade algún dos premios das distintas categorías. ¡Sorte rapaces! 
(Texto: Chus Quintáns. Fotos: Mario S. García)

luns, 11 de abril de 2016

Un filme baseado nun libro cada semana...ou cada mes... "A quinta ola"










    Hoxe vou comentar una película de ciencia ficción, A quinta ola, baseada na novela de Rick Yancey. Trata de catro oleadas de ataques extraterrestres cada vez máis graves e mortíferos.  A primeira ola é un apagón mundial; a segunda, un terremoto; a terceira unha praga que se contaxiaba polo ar e a cuarta, un grupo de asasinos que cazaban aos superviventes. Cassie intenta sobrevivir e atopar o seu irmán.   A película gustoume porque o final é positivo,  os efectos especiais moi bons e as interpretacións están moi ben.                           Zeltia Mantecón, 3º ESO.
                                                                 
                                                                                                                                                                                

venres, 8 de abril de 2016

Espazos de liberdade (V)



Unha nova entrega dos carteis feitos polos alumnos do instituto, baixo a coordinación da profesora Beatriz Moreno. Fotos: Mario S. García

mércores, 6 de abril de 2016

Modernas Cantigas Galegas

Animados pola súa profesora de Galego, Beatriz Moreno, os alumnos fixeron estas Cantigas Galegas. Podes ler os textos e asemade escoitar as músicas nos videos enlazados:

Enlaces a videos:
"Por el amor de una mujer" (Julio Iglesias)
"Quando a chuva passar" (Ivete Sangalo)
"Can de palleiro" (Benedicto e Bibiano)




luns, 4 de abril de 2016

Un filme cada semana...ou cada mes...."The artist"




Un filme cada semana...ou cada mes...  The artist

   Trátase dunha película que, aínda que é de  2012, transcorre entre os anos 1927-32, rodada en branco e negro e sen voz, como as películas daquela época. Os protagonistas son George Valentine, un actor de cine mudo con problemas para aceptar a transformación a sonoro, e Peppy Miller, unha estrela  que nace á vez que a de Valentine se apaga...a partir de aquí ocorren moitas cousas, apaixonantes e inimaxinables que nos fan preguntarnos...como acabará a película?
 A película, que gañou varios Óscars, ten unhas interpretacións moi boas, incluíndo a do canciño que acompaña a Valentine ao longo de todas as escenas, así como unha fotografía e  unha banda sonora moi conseguidas ...realmente parece un filme antigo. O vestiario é tamén moi bon.
  Gustoume, primeiro porque ,apesar de ser muda e en branco e negro, nada habitual para min, conseguiu atraparme...Ademais, deixa algunha moralexa, como que non hai que ser excesivamnte orgulloso, hai que saber adaptarse aos cambios e o que importa é ser boa persoa. Recoméndoa.
                                                                                                   Marta Pérez Pose, 3º  ESO.