domingo, 15 de novembro de 2015

CRÓNICAS VIAXEIRAS: Viaxe ao Bierzo Occidental

 24 de Outubro, día das Bibliotecas. Viaxe ao Bierzo Occidental



            Dende hai tempo o profesorado deste instituto vén debatendo sobre o xeito de concebir a Biblioteca como un espazo de encontro:
-A) Un espacio físico tipo “almacén”, onde se apilan tochos e tochos do saber científico; ou
-B) Un espazo virtual que traspase os recios muros de canteiría que acubillan milleiros de cabezas pensantes ano tras ano na Praza de Pontevedra.
Enunciado o dilema sobrevoamos os lindes do saber, compartimos experiencias a pé de campo, lemos de xeito interlineal na natureza e relemos os ecos das explicacións docentes muros adentro.
A paisaxe é o vínculo, quen de abrir “incunables”, “fascímiles” . Proxecta o amplo abano da ciencia: filosofía, xeografía, bioloxía, matemática,… cunha sinfonía de cores, currículo de cada estación, paleta de notas musicais en versión sonora orixinal.
En cada un de nós abrollan sentimentos, versos acarantoñados pola Nai natureza. O aire é o alento, a vexetación un cuadro puntillista, a gratitude e a nostalxia morriñenta son o cume da expresión romántica.
Cada vía pecuaria, cada regueiro vai marcando en nós “notas a pé de páxina”, escollas bibliográficas lidas e relidas . O clímax amósase a modo de fervenza, esplendor  nascente das entrañas da morteira, remexe nos miolos e acende en nós a chama da descoberta, da ilusión polo intelecto, engalanado das experiencias e dos avatares da vida.

 


Desbrozamos sobre o terreo unha ruta por catro concellos do Bierzo occidental: Barjas, Trabadelo, Veiga de Valcarce e Balboa. As fronteiras son artificiais, son políticas, non son nin históricas, nin culturais. Situámonos no Camiño “Francés” a Santiago (a uns 170 km da Tumba Apostólica).
Trabadelo garda en si un interesante epígrafe da Historia Compostelana (Dona Urraca, Diego Xelmírez, Afonso VI e VII). Tamén se fai eco da Romanización, aqueixados pola “febre do ouro” nas médulas dos Cáscaros  (Pradela).
A febril actividade muda cos tempos, sacrificado oficio de Ferreiro nos vales a medio camino entre o Bierzo e Galicia, entre os Ancares e o Courel (Herrerías de Valcarce, Herrería de Serviz, Ferrerías de Pedrafita), retroaliméntase de carbón vexetal, urces e faias, que circulan pola “Vena” cara os barquíns  xunto co ferro.
A conxuntura internacional tórnase nun contexto bélico durante boa parte do s. XX. Así o vocábulo febre pasará de escribirse con “o” de ouro, a escribirse con “f” de ferro, antes de tornarse en “w” de wolframio.
O terreo non só desauga os metais necesarios para cada etapa da historia, tamén nos provén de bos produtos alimentarios: castañas, mazáns “reinetas”, cogomelos…, carne de pastoreo lanar e vacún, caza maior e menor, relocentes troitas…
Castañeiros, Capudres (cornabudes ou escornacabras), Abelairas, Faias, Ameneiros, Salgueiros, Piornos, “Peidos de lobo”, Regatos, Valiñas, Frevencias, Prados, Cumes e Tesos son musas variopintas. Domingo González, ebanist, dálle traza e fin as súas ideas nos castañeiros. As Pallozas de Balboa e Canteixeira, a Casa das Gentes recrean en nós o seu mundo platónico, a conversa e o diálogo coa natureza. Lorena Gutiérrez, guía da Casa das Gentes, amosa a súa gratitude na persoa do seu ex profe de Filosofía, José Luis Suárez Cotelo.
No plano espiritual visitamos o templo parroquial de santa Mariña en Barjas, crisol dos diferentes estilos artísticos ao longo da historia. Fixámonos nas lápidas do devanceiro “prado do repouso” , e lemos: García, Montaña, Castro, Sobredo, Barreiro, Fariñas…, decatámonos da nosa ampla parentela.
No eido gastronómico, “deixate de lerias e dáme de comer que teño fame”, pintamos de “verde esperanza” o mesón “La Última Escuela” de Barjas. Lareira acesa quecida polos rescaldos daqueles que alí aprenderon o silabario da vida, memoria do río, mensaxeiro fresco e espelido do Faxeiral de Busmaior. Ana acubíllanos cun almorzo nos prolegómenos do espectáculo. Dez veciños danlle vida ao lugar, nin un máis nin un menos, despertan en nós a simpatía e a curiosidade. En Busmaior algún fainos observacións metereolóxicas (“Pemán, tes que deixarte caer por aquí”).
Se ao pé do Courel almorzamos, xantaremos nas faldras dos Ancares. Cambiamos de tomo, pero non de enciclopedia. Movémonos pola espesura de  soutos e carballeiras, por avesedos e solleiros na procura do Valcarce. Deixamos Campo de Liebre a un lado, Moldes, logo Villasinde a outra man. Voltas e reviravoltas, curvas e contracurvas, apagados ou fóra de cobertura. Vinte e un paxaseiros nas mans do noso Suso, comandante en xefe nesa corredoira que pon diante nosa mil e un puntos de vista, mil e un fitos, mil e un cumpridos.
Alcanzamos a Veiga, desandamos o Camiño ata a Ambasmestas. Remontamos o “Val Bo”, soutos que asumen a mecanización como algo normal, síntoma do progreso (aparellos mecanizados para a recolección das castañas). Agárdanos a Palloza, animado ser digno da pluma de Wenceslao Fernández Flórez, tomamos acomodo ao lado das xanelas. O corazón da palloza irradia a calor dunha estufa de leña e o eco de conversas e confidencias afumadas. Presenciamos un auténtico desfile culinario da man de Miguel e o seu equipo: carnes en fontes, queixos en lousas, botillo con arroz, chacina, lombo, chourizo con chispa…, e una tarta de queixo…
A medida que pasa a sobremesa o bucolismo fai acto de presencia. Co propósito de non caer na invernía, no letargo, resolvemos gatear no bus preto do Castelo de Balboa ata Canteixeira. Soberbias panorámicas, mestizaxe do home coa natureza amenizado polo trilo da auga, e o acompañamento de vacas do país e de “Plateros lugareños”.
Vén caendo a noite por Vilafranca, por Paradaseca e Pradela; xa por Canteixeira e Balboa, acéndense as primeiras luces na noite. Báixase o telón ata o seguinte orto, máis ou menos a mesma hora, a natureza non entende de modernidades nin de “cambios de hora”.



Os libros seguen abertos en nós, mentras soneamos percorremos as intrincadas páxinas da nosa existencia. Agardámosvos na Biblioteca da vida.



Antonio Fondo, con fotos de Pedro R. Porca


xoves, 12 de novembro de 2015



CONCURSO GAÑAPUNTOS

5ª PREGUNTA



Seguimos ás voltas con este edificio, que está de aniversario.

PREGUNTA: Quen pintou o teito do noso Salón de Actos? (1 punto)

mércores, 11 de novembro de 2015

Un filme, baseado nun libro cada semana...ou cada mes... "Rebecca"




Rebecca, de Alfred Hitchcock.
 
   Hoxe vou comentar a película  Rebecca, de Alfred Hitchcock, baseada na novela do mesmo título de Daphne du Maurier. Trata dunha muller que casa cun viúvo e que é comparada constantemente con Rebecca, a falecida, o cal lle resulta moi agobiante. Nun momento dado, encóntrase o corpo de Rebecca nun barco afundido e o protagonista masculino di :"Eu deixeina aí..."...pero quedan moitas cousas por resolver...
   Aínda que non é o tipo de historia que prefiro, resultoume interesante, especialmente no referido á obsesión da protagonista por Rebecca e que deu lugar, debido á popularidade do filme, á denominación "Síndrome de Rebecca" para se referir aos celos enfermizos cara a una relación anterior da parella actual.
   Canto ás interpretacións, quizais me resultan un pouco forzadas, pouco naturais para os gustos actuais. En todo caso, como non estou habituado a ver películas tan antigas, foi una experiencia diferente.
 Bruno Fernández Villar, 4º ESO.

martes, 10 de novembro de 2015

CONMEMORACIÓNS



NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO.


CIENTÍFICOS GALEGOS QUE PASARON POLO “INSTITUTO DA GUARDA”.
(Foto tomada do artigo de R. Gurriarán abaixo citado)


Couceiro Corral, Pedro: A Coruña, 1905; Montevideo, 1982.  Bioquímico, experto en bioquímica aplicada. Estuda o bacharelato no Instituto da Coruña. Refírese a el o seu compañeiro Emilio González López (na súa biografía). Investigou no tema da oxidación celular. Foi moi amigo de Parga Pondal. Viaxou e investigou en Alemaña (concretamente en Múnic , onde  traballa a carón do Premio Nobel Wieland [1927], cunha bolsa da Universidade de Santiago para ampliar estudos en Síntese de hidratos de carbono) e mais en Inglaterra; tamén traballou en Madrid. Fiel á República, exíliase un tempo en París (Instituto Pasteur) e logo pasa o charco, establecéndose en Uruguai, onde seguiu sempre investigando e logrando aplicacións importantes na industria. Deulle clase, entre outros a Gustavo Varela Gutiérrez de Caviedes, profesor que foi do noso Instituto (temos foto súa, acompañado doutros profesores,  coa promoción do ano 1937). O prof. Varela (quen por certo, tocaba marabillosamente as campás de Bastavales) deixou dito del o seguinte:  En Química Orgánica me dio clase Pedro Couceiro, que era muy bueno explicando, y nos daba las clases en el laboratorio, pues eramos pocos. Recuerdo que en el preparatorio estaban preocupados por la cuestión política [curso 1928-29].

[Datos elaborados por Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto; a maior parte desta información está atirada do artigo de Ricardo Gurriarán, en: http://consellodacultura.gal/album/Theme/bio.php?id=78&album=aj].

luns, 9 de novembro de 2015

CONMEMORACIÓNS



DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

(Foto tomada da Internet: día da recepción de Castelao na RAG, ano 1934. Vemos a Celia Brañas a carón do señor Otero Pedrayo)


Conmemorouse o día 4 deste mes de novembro o ‘Día da Ciencia en Galego’. Nós, seguindo o ronsel do blog irmán (blog Fesquío), darémoslles visibilidade ás mulleres científicas que pasaron polo ‘Instituto da Guarda’. No que sabemos, son tres as sobranceiras:


Celia Brañas Fernández (A Coruña, 1880).

Con palabras de Xosé A. Fraga, foi unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica na Coruña (vid. artigo en ‘La Opinión’ do domingo 8 de novembro, en “Episodios da cultura científica”). Foi tamén das primeiras mulleres en cursar o bacharelato no Instituto; levou excelentes cualificacións en Xeometría, Fisioloxía e Hixiene, Agricultura e Historia Natural no curso 1903-4. En 1922 logrou unha bolsa da JAE (Junta para a Ampliación de Estudos, institución predecesora do actual CSIC).


María Luisa Telo López (A Coruña, 1925).

Catedrática e científica. Doutórase cunha tese sobre o encéfalo dun verme mariño (Arenicola Marina). Publicou varias obras  da súa especialidade (de bioloxía e máis en concreto, de Morfoloxía Microscópica). Membro da Real Sociedade Española de Historia Natural. Foi  Catedrática de Ciencias Naturais no noso Instituto desde 1961 ata o 1971. Con posterioridade e ata a súa xubilación, exerce a docencia na Facultade de Ciencias Biolóxicas da Universidade Complutense de Madrid.


María Josefa Wonenburger  Planells (Montrove, Oleiros, A Coruña, 1927).

Eminente matemática. Estuda o bacharelato no noso Instituto con brillantes cualificacións; foi alumna, entre outros, de Fermín Rodríguez Losada, catedrático de matemáticas daquela no centro. En 1953 é das primeiras mulleres españolas que obtén unha bolsa Fullbright para continuar os estudos na Unversidade de Yale; en 1957 le a tese de doutoramento sobre teoría de grupos. En 2010 é nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña.


(Información elaborada por Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto)




luns, 2 de novembro de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS



PREGUNTA Nº 4

Hoxe traémosvos unha litografía preciosa da antiga Coruña. Hai pouco que a adquiriu a UDC (está na súa páxina web). Nela podedes ver as vellas murallas, os muíños no camiño que leva á torre,  a illa do Castelo de san Antón, o castelo de san Diego enfronte,  e tamén as construcións da primitiva Fábrica de Tabacos na Palloza.
A pregunta é dobre: debedes averiguar quen é o autor da litografía e a data aproximada de composición (dous puntos).