martes, 7 de abril de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS

CONCURSO GAÑAPUNTOS


SEMANA VIXÉSIMO QUINTA


“Alá van, pois, as FOLLAS NOVAS, que mellor se dirían vellas, porque o son, e últimas, porque pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva a escribir máis versos na lengua materna”.


Rosalía de Castro inicia así o parágrafo final do limiar á súa obra Follas Novas. A pregunta é: cando? Dicídenos a data deste limiar.

luns, 6 de abril de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



 UN LIBRO CADA SEMANA

Acabo de rematar a lectura de O estraño caso do Doutor Jekyll e Mr. Hyde, de R. L. Stevenson. Este libro desata en min unha serie de cavilacións, e esas cavilacións conducen a tratar incontables temas. Gustaríame falar da dualidade que ten o ser humano, principal tema do libro. Eu escoitara con anterioridade que o Doutor Jekyll pretendía cos seus experimentos volverse mellor. Tras ter xulgado a obra cos meus propios ollos, non dubido en dicir que non é dese modo como se producen as cousas, nin de lonxe. A creación de Hyde non é máis que o cumprimento dun desexo que o ser humano leva na parte máis interna da súa personalidade. Isto é, a posibilidade de separar o anaco, a componente poderiamos dicir escuro, de nós mesmos, coa finalidade de desátalo sen sentir culpabilidade de ningunha clase. O cal provoca un dilema moral que o autor aproveitou de forma soberbia.

É acaso ético querer desdobrarnos en dúas personalidades, unha delas psicopática, para a realización das nosas falcatruadas e anhelos máis profundos? Esta é unha das preguntas que na miña humilde opinión, todo ser humano se fai máis dunha vez na súa vida.



Pero, digo eu, non é tamén xenuinamente humano o desexo de podernos liberar do remordemento?

Esta cuestión obrígame a falar do significado dese concepto. A culpa é unha soga encargada de asfixiar o ser humano. Non obstante,  é, ao mesmo tempo, dende unha perspectiva negativa da humanidade, a encargada de gardarnos de ser unhas criaturas despiadadas e vingativas que viven para tomar represalias. Despois está quen se vale desta emoción para controlar os demais.

No caso de Jekyll sería a necesidade de sentirse libre a que escravizaba ao doutor, coma unha forza manipuladora, transformándoo en alguén capaz de facer calquera cousa mentres adoptase a forma do psicópata: Hyde. Pero a acción contedora da culpa e a propia conciencia do personaxe obrigan a Jekyll a suicidarse para previr aos outros do lado cruel que tanto aborrecía.

Jekyll só quería liberarse da súa bondade restritiva, aferrándose á vida e rexeitando as regras dunha sociedade protocolaria na que o honor e a xenerosidade son valores elementais para a supervivencia.

Proba disto é o final, onde arremete contra o desventurado Jekyll polo seu grao de “inmoralidade”.

A pesar do moito que Stevenson condea o inocente desexo do doutor, non creo que se poida categorizar como inmoral. O que realmente foi inmoral é ter permitido que ese sentimento de euforia e liberación lle impedise ver que se estaba a converter nun monstruo.

Rematando xa, este é un grandísimo libro cuxa lectura fai que nos reformulemos moitos aspectos da humanidade. Somos capaces de crear varias posturas opostas e contraditorias e iso é o que permite o estado reflexivo que nace ao final.

Con todo, e malia ser unha novela maravillosa, non é tan boa mentres a estás lendo como cando xa a tes rematada. Ao meu ver, a obra só se pode valorar despois de ter pasados uns vinte minutos do seu remate. Polo que recomendo encarecidamente a súa lectura íntegra.

                        Ainhoa Grandío Álvarez, 1º de Bacharelato.

martes, 31 de marzo de 2015

ANO INTERNACIONAL DA LUZ



2015. ANO INTERNACIONAL DA LUZ

(Celebración en Barcelona)


A ONU declarou 2015 ‘Ano Internacional da luz’. Nun acto académico celebrado en febreiro en Barcelona, España sobe ao carro das celebracións: “Esta conmemoración pretende concienciar á sociedade da importancia da luz e mais das súas teconoloxías asociadas en áreas coma a enerxía, a educación, a saúde, a comunicación ou o medio ambiente”. Nese acto inaugural, Ignacio Cirac, Caterina Biscari e Jeroni Nadal destacaron a importancia da luz nas nosas vidas. As actividades do Ano Internacional da Luz pódense consultar na páxina web lanzada polo Comité Español www.luz2015.es e mais no portal internacional www.light2015.org


Nós, desde a Biblioteca Escolar, queremos contribuír minimamente nesta conmemoración. Así, cada quincena –a partir desta semana e ata final de curso-, achegaremos o noso gran de area.

Comezamos na casa: a UdC celebrou unhas xeiras nas que diversos especialistas explicaban os Nobel 2014. O 20 de febreiro do 2015, tocoulle a quenda ao Nobel de Física 2014: Isamu Akasaki, Hiroshi Amano e Shuji Nakamura, polo desenvolvemento das luces led. A explicación correu a cargo do profesor Óscar Cabeza Gras, do grupo de investigación Mesturas, do dpto. de Física da Facultade de Ciencias da Universidade coruñesa.



Postos en contacto co prof. doutor Óscar Cabeza, respondeunos amablemente, enviándonos unha rica información e aconsellándonos que nos comunicásemos co noso dpto. de Física.

Reunímonos na Biblioteca coa catedrática de física do Instituto, Dª Mª Carmen Díaz Cabanas e velaquí a síntese que nos transmitiu sobre o que é un led.

Un led é un díodo. Un díodo é a unión de dos semicondutores, un tipo P (condución por ocos –sendo un oco a vacante que deixa un electrón nun enlace covalente) e outro tipo N (condución por electróns). Conseguimos os semicondutores tipo P e N dopando (engadindo impurezas: fósforo, arsénico, boro, indio...) por exemplo o xermanio (Ge)  e mais o silicio (Si).

O díodo só deixa pasar a corrente cando está polarizado directamente (aquí a catedrática de física debuxounos uns esquemas que vos aforramos: os que esteades directamente interesados deberedes preguntar aos vosos profesores nos vosos centros). No salto que dan os electróns ao pasar dun semicondutor ao outro pérdese unha pequena cantidade de enerxía en forma de luz, con fotóns de frecuencia. Esta é a fórmula a ter en conta: v=E/h (onde esa especie de uve representa a frecuencia, ‘E’ é a enerxía, e ‘h’ é a constante de Planck).

Variando a dopaxe (cantidade de impurezas) e variando o material pódese conseguir que a luz emitida teña unha frecuencia (=unha cor) concreta. É dicir, a cada frecuencia correspóndelle unha cor.

Ata aquí a explicación da nosa catedrática.

Na información do prof. dr. Cabeza Gras dísenos que a importante é a cor azul, xa se coñecían LEDs encarnados, amarelos e verdes nos anos 70, pero non se atopara ningún material que emitira en azul e, xa que logo, non se podía facer a luz branca.

Quizais vos interese tamén saberdes das aplicacións dos LEDs (información facilitada polo prof. Cabeza). Ademais do que xa sabemos (iluminación nos faros dos coches, nos semáforos, na nosa casa), hai moitas aplicacións:

. Displays alfa numéricos.

. Láseres LEDs (o azul traballa mellor có vermello)

. Pantallas para TV, teléfonos, ordenadores, tabletas...

. Carteis xigantescos que cambian as formas e cores a vontade.

. Flash das cámaras.

. Cultivo en lugares cerrados (poden imitar o espectro horario do sol).

. Facilidade para acolalos con paneis solares FV illados.

. Esterilización de auga (mediante LEDs ultravioleta).

. Sensores e mandos a distancia con LEDs infravermello ou ultravioleta.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


A pregunta que vos facemos é esta: Sabedes cal é a diferenza básica entre unha lámpada con luz LED e unha lámpada fluorescente (en termos de consumo)?

Desde a B. E. do Instituto esperamos ter despertado a vosa curiosidade científica!


(Os señores Akasaki, Amano e Nakamura, tras recibiren as medallas o 10 de Nadal do 2014)

luns, 30 de marzo de 2015

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA
SEMANA DO 30 DE MARZO AO 3 DE ABRIL

Kafka e a boneca viaxeira, de Jordi Sierra I Fabra. Ilustradora: Minia Regos. Tradución: Carmen Torres París. Editorial Galaxia.


Resumo da obra:
 Kafka era un escritor aínda sen descubrir que camiñaba enfermo polo parque de Steglitz. Nun día fermoso e silencioso onde se respiraba ledicia, unha pequena nena rompeu con aquel silencio cos seus prantos. Era unha nena pulcramente vestida e cunhas primorosas trenzas, aquela nena choraba con toda a tristeza coa que pode chorar unha nena. Kafka o primeiro que pensou foi que aquela meniña perdera a súa nai, pero tendo en conta que non a coñecía e que non sabía tratar con nenos dubidou en achegarse, ata que uns segundos máis tarde decidiu achegarse. A nena non perdera a súa nai, nin caera nin se pelexara, senón que perdera a súa moneca (Bríxida). Kafka, ao ver que non podía facer nada por atopar a boneca, decidiu inventar unha historia, unha historia chea de imaxinación, chea de ledicia de vivir e sobre todo, chea de inocencia infantil. Kafka decidiu facer o traballo dun carteiro de bonecas. Que é un carteiro de bonecas? Pois un carteiro de bonecas é unha persoa á quen as bonecas mandan cartas para que as reciban as súas donas. Pero toda esta idea do Sr. Carteiro de bonecas causará tres semanas de traballo por parte de Kafka escribindo cartas de Bríxida en distintos países, como Francia, España, Italia... e tamén causará tres semanas de amizade entre Elsi e o Carteiro de bonecas, que rematará co namoramento e casamento de Bríxida cun explorador chamado “Gustav” en Tanzania.

Comentario:
Pareceume un libro cheo de ledicia e inocencia infantil, que che leva a pensar en que todos os nenos deste mundo queren crer que necesitan crer, e que todos os nenos deberían ter un carteiro de bonecas que cada día lle alegrasen o día para que todos os días fosen o mellor da vida dun neno, nun mundo onde os sorrisos se perden por enfados entre xentes que eles nin sequera coñecen.

Estudo do léxico:
Prestancia: excelencia, calidade.
Chunchar: espremer.
Languidez: abatimento, debilidade.
Limiar: entrada, soleira.
Chapeu: sombreiro.
Atribulado: aflixido.
Baluarte: protección, defensa.
                                                               Ana Mª Orosa Bermúdez, 1º da ESO.


xoves, 26 de marzo de 2015

CONCURSO GAÑAPUNTOS



CONCURSO GAÑAPUNTOS

SEMANA VIXÉSIMO CUARTA

“POIS ME falescéu ventura
en o tempo de pracer,
non espero haber folgura,
mais por sempre entristecer.
Tormentado e con tristura,
clamaréi ora por mí:
                Deus meu, eli, eli,
                eli lama sabac thani.

Quen mías coitas entendese
e meu dolor e quebranto
e de mí se adolescese,
comigo faría pranto.
Cuanto máis se ben soubese
o gran ben que eu perdí:
                Deus meu, eli, eli,
                eli lama sabac thani.
(Edición de Xosé Landeira Yrago).
Pregunta desta semana: En que século viviu o poeta políglota autor desta poesía, un poeta chamado Macías? (1 punto)