luns, 22 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 22 AO 26 DE SETEMBRO)


Kokoro, palabra que se pode traducir aproximadamente como "corazón", "interior", "espírito", "alma"... é o título dunha das novelas do escritor xaponés Natsume Soseki, un dos  máis clásicos entre os  autores do Xapón moderno.


   A novela narra a relación entre un xoven estudante e un enigmático home ao que o xoven considera o seu "sensei" (mestre). Malia ter pouca acción, é unha obra apaixonante; eu definiríaa como thriller psicolóxico, pois, desde o principio, a historia do misterioso "sensei "  nos atrapa, até un desenlace dramático que explica todos os porqués que van xurdindo ao longo da lectura.
   É una obra moi sobria, tanto no estilo, sinxelo e claro, como no que conta, a historia emocional dos protagonistas, especialmente a de "sensei", e isto, a pesar do transcendental dos sentimentos narrados. Preséntanos unha sociedade  moi diferente da nosa e á vez manifesta a universalidade das paixóns humanas.
   Unha boa maneira de achegarse a unha literatura non demasiado coñecida aquí. Encantoume.
(Susana Piensos Linares, profesora de Lingua Galega e Literatura do IES 'Eusebio da Guarda')
 

martes, 16 de setembro de 2014

CONCURSO GAÑAPUNTOS

CONCURSO GAÑAPUNTOS
 Mergullámonos nos libros e bebemos


SEMANA Nº 1




Por segundo ano consecutivo, a Biblioteca do Eusebio da Guarda, da man do Club de Lectura, organiza o Concurso Gañapuntos para todos os alumnos do centro.




PREGUNTA:  Dinos quen foi o autor do seguinte poema, publicado na Coruña en maio de 1931, no xornal ‘A Nosa  Terra’ (3 puntos).

Vente ventiño do Norte

 vente ventiño norteiro

 asubía en meus ouvidos

 a canzón do frío inverno;

 traime lembranzas dos montes

 da branca neve cubertos;

de parte da branca neve

 ven darme xiado beixo

que máis quero aterecer

 ao contaito dos teus beizos,

 que sentil-os agarimos

 de ventos moles tépedos;

 das árbores que apouvigas,

 pra facerte côs brinquedos

 da amarelas follas murchas, 

 trai a min o bruar fero;

 traime os laios musicaes

das xestas e dos piñeiros,

pois quero ouvir da montana

o baril belo concerto;

quero trocar a molice

e dorzura do bon tempo,

pol-as aspras aloumiñas

do barudo e forte inverno;

quero que xunto a min chegues

cantando o canto guerreiro

do Norte e que cheo de azos

amantes o canto meigo

do brando Sul, teu nemigo;

quero verte de min perto;

quero ese teu bruar rouco,

non o carpir silandeiro

e femenido da bris

maina cal chorar de neno.

E pois non quero tenruras

e tua amizade quero

vente ventiño do Norte

vente ventiño norteiro,

vente ventiño do norte,

seral-o meu compañeiro.

:::::::::::::::::::::::::::


Gañadores dos tres primeiros puntos, na primeira semana do concurso Gañapuntos: Alicia Cabana Noguera e Fco. Javier Verdote-Martín Blanco, de 3º da ESO. Entregan a resposta o mércores 17. O autor era, efectivamente, Florencio Delgado Gurriarán.


luns, 15 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA



UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 15 AO 19 DE SETEMBRO DO 2014)

Tiven a inmensa fortuna de ver este día no escaparate da librería do meu barrio este libro que teño nas mans. Foi velo e sentirme atraída por el; só lle lera a este autor Un mundo feliz, e diso vaiche boa, e da súa faceta como contista descoñecíao todo. A edición de Cuentos selectos, de Aldous Huxley pola editorial arxentina Edhasa, da man –prólogo, notas e tradución- de Matías Serra Bradford, salvo algunha frase de discutible sintaxe, merece un sobresaínte.
Son relatos que se len con inefable pracer. Cultiva con deleitación este autor a arte literaria, sen descoidar  nunca catro ingredientes básicos: o contexto (a paisaxe exterior e a paisaxe interior, nun equilibrio propio do Signo Lingüístico Superior, onde se combinan caras ou planos de inseparable unión: vida e pensamento; pensamento e diálogo; literatura e vida), a estética (as boas maneiras de narrar, sen demasiados aditamentos superfluos, pero con innegable amor á linguaxe), unha fina ironía e, por último, unha irresistible atracción do británico por Italia.
Hai varios contos soberbios, pero quedo con tres: un que transcorre en Venecia  (a Venecia das máscaras –tampouco os arxentinos foron inmunes á serenísima señora, lembro agora Máscaras venecianas, de Bioy Casares-, da música de cámara, dos pintores sublimes), “El retrato”; outro titulado “Túneles verdes” (hai que lelo: formula unha dicotomía intelixentemente dirixida, entre unha muller nova soñadora de rica mente imaxinativa nun corpo atlético –cando o deporte era aínda inverosímil en formas femininas- e un sesaxenario necesitado de poesía e dun interlocutor válido capaz de  apreciar o seu espírito). O terceiro desta tríade é “Monjas a la mesa”, de estrutura simple –puro diálogo entre dous amigos nunha mesa-, cunqueiriano (un relato dentro doutro relato), ousado na súa incursión na sempre difícil técnica da metaliteratura: asistimos á literatura en curso, nunha especie feliz de ars essendi.
Encantoume este libro. Oxalá caian moitos máis tan bos nas miñas mans. E nas vosas tamén. Huxley, como temperamento, como ser humano, está ben fotografado no prólogo de Matías Serra. Tiña graves problemas nos ollos, incluso unha vez sufriu unha cegueira que lle durou certo tempo e aproveitou para aprender braille. Posteriormente ironizaba dicindo que era moi útil o braille, sobre todo para ler nas noites de inverno debaixo das mantas. Estupendo! Que enfoque positivo diante da adversa fortuna, que diría o outro… Espero que algún de vós se anime a ler a Huxley.
(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)


luns, 8 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 8 AO 12 DE SETEMBRO)


UN LIBRO CADA SEMANA: BOCAGE.

Desta feita, para variar, poesía. Poño nas vosas mans un bocatto di cardinale. Xa sabedes, os que me tivestes que aguantar nas aulas, canto valoro eu os bos sonetistas. Os grandes cóntanse cos dedos das mans. Entre eles o Manuel María portugués (que conste que o seu homónimo galego non era manco á hora de probar esa férrea estrofa).
O libro que vos recomendo é unha antoloxía feita por dúas mulleres, Maria Antónia C. Mourão e Maria Fernanda P. Nunes. O poeta escollido é Manual Maria l’ Hedoux Barbosa du Bocage, un home que viviu na segunda metade do XVIII, que herdou unha rica e rigorosa tradición clásica, que coñeceu o espírito da Ilustración enciclopedista e que tivo que adaptarse como puido á época que lle tocou vivir, do mesmo xeito que debeu pactar  con moito esforzo entre a formación máis ben ríxida recibida, e o seu espírito e temperamento apaixonado, volcánico, e con tendencia á insatisfacción pura.
Na súa obra hai de todo: coñecemento da mitoloxía clásica,  forte ironía e sarcasmo nos seus epigramas, hai poesía de circunstancia e encargo –máis prescindible- , e naturalmente, están presentes os temas maiusculados. Amor, tempo (como remedio contra o primeiro), saudade do que o tempo se levou, etc. Un dos meus poemas favoritos é o que lle dedica á galega Inés de Castro, a malfadada raíña do corazón de Pedro, rei de Portugal. Retomo a breve estrofa que el repite a modo de refrán: “Toldam-se os ares, /Murcham-se as flores; / Morrei, Amores, / Que Inês morreu.”
Pouco máis vos digo, a idea espero que a pillarades: de cando en vez botade un bo poema, e  en  particular, un ben escrito soneto, aos ollos.
Déixovos cun soneto deste poeta bohemio e viaxeiro (coñeceu  incluso Goa, no afastado Oriente…) infatigable.
Olhos suaves, que em suaves días
Vi nos meus tantas vezes empregados;
Vista, que sobre esta alma despedias
Deleitosos farpões, no céu forjados:

Santuários de amor, luzes sombrías,
Olhos, olhos da cor de meus cuidados,
Que podeis inflamar as pedras frias,
Animar os cadáveres mirrados:

Troquei-vos pelos ventos, pelos mares,
Cuja verde arrogancia as nuvens toca,
Cuja horríssona voz perturba os ares:

Troquei-vos pelo mal, que me sufoca;
Troquei-vos pelos ais, pelos pesares:
Oh câmbio triste! Oh deplorável troca!

[A única palabra que vos pode resultar difícil, farpões, correspóndese coa voz ‘arpóns’ e vén sendo no contexto sinónima de ‘raios’; en galego  temos farpa, claramente da mesma familia léxica].

 (Mª Rosario Soto, membro do equipo da Biblioteca do Instituto)