luns, 8 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 8 AO 12 DE SETEMBRO)


UN LIBRO CADA SEMANA: BOCAGE.

Desta feita, para variar, poesía. Poño nas vosas mans un bocatto di cardinale. Xa sabedes, os que me tivestes que aguantar nas aulas, canto valoro eu os bos sonetistas. Os grandes cóntanse cos dedos das mans. Entre eles o Manuel María portugués (que conste que o seu homónimo galego non era manco á hora de probar esa férrea estrofa).
O libro que vos recomendo é unha antoloxía feita por dúas mulleres, Maria Antónia C. Mourão e Maria Fernanda P. Nunes. O poeta escollido é Manual Maria l’ Hedoux Barbosa du Bocage, un home que viviu na segunda metade do XVIII, que herdou unha rica e rigorosa tradición clásica, que coñeceu o espírito da Ilustración enciclopedista e que tivo que adaptarse como puido á época que lle tocou vivir, do mesmo xeito que debeu pactar  con moito esforzo entre a formación máis ben ríxida recibida, e o seu espírito e temperamento apaixonado, volcánico, e con tendencia á insatisfacción pura.
Na súa obra hai de todo: coñecemento da mitoloxía clásica,  forte ironía e sarcasmo nos seus epigramas, hai poesía de circunstancia e encargo –máis prescindible- , e naturalmente, están presentes os temas maiusculados. Amor, tempo (como remedio contra o primeiro), saudade do que o tempo se levou, etc. Un dos meus poemas favoritos é o que lle dedica á galega Inés de Castro, a malfadada raíña do corazón de Pedro, rei de Portugal. Retomo a breve estrofa que el repite a modo de refrán: “Toldam-se os ares, /Murcham-se as flores; / Morrei, Amores, / Que Inês morreu.”
Pouco máis vos digo, a idea espero que a pillarades: de cando en vez botade un bo poema, e  en  particular, un ben escrito soneto, aos ollos.
Déixovos cun soneto deste poeta bohemio e viaxeiro (coñeceu  incluso Goa, no afastado Oriente…) infatigable.
Olhos suaves, que em suaves días
Vi nos meus tantas vezes empregados;
Vista, que sobre esta alma despedias
Deleitosos farpões, no céu forjados:

Santuários de amor, luzes sombrías,
Olhos, olhos da cor de meus cuidados,
Que podeis inflamar as pedras frias,
Animar os cadáveres mirrados:

Troquei-vos pelos ventos, pelos mares,
Cuja verde arrogancia as nuvens toca,
Cuja horríssona voz perturba os ares:

Troquei-vos pelo mal, que me sufoca;
Troquei-vos pelos ais, pelos pesares:
Oh câmbio triste! Oh deplorável troca!

[A única palabra que vos pode resultar difícil, farpões, correspóndese coa voz ‘arpóns’ e vén sendo no contexto sinónima de ‘raios’; en galego  temos farpa, claramente da mesma familia léxica].

 (Mª Rosario Soto, membro do equipo da Biblioteca do Instituto)

Ningún comentario:

Publicar un comentario