luns, 17 de agosto de 2020

Un libro cada semana...ou cada mes..."O misterio da guía de ferrocarrís"




Hércules Poirot recibe unha misteriosa carta dun criminal que ameaza con levar a cabo asasinatos segundo a orde alfabética,  mais pensa, ao comezo, que se trata unicamente dunha broma de mal gusto. Sen embargo, non transcorre moito tempo ata que a desgraza se revela: Alice Asher, de Andover, é asasinada na súa tenda de comestibles tal como se anunciaba na misiva do asasino. Tras non moito tempo transcorrido, unha segunda vítima, a señora Barnard, morre en Bexhill. As vítimas non gardan relación algunha entre sí e o asasino non coñece nin límites nin temor... pero Poirot, o detective máis competente da historia, está disposto a evitar que o asasino complete o abecedario.

A modo de eloxio á autora hei de dicir que aínda non dou topado unha única novela de Christie que non conseguise manterme inmerso na lectura con tanta eficacia (rematei a novela nun só día). Sen embargo, debo admitir que, nun principio, dubidei mercar esta novela posto que anunciaba que se trataba do primeiro caso para Poirot "pelexando" cun asasino en serie. Podería manter Christie o seu eficaz estilo de escrita pese a aventurarse en territorios novos? Con todo isto, as miñas expectativas cara á novela eran altas: as obras de Agatha Christie xamais careceran de orixinalidade, e moi alegremente podo expresar agora o gozo que este libro supuxo para min. Esta é a primeira novela de Agatha Christie que lin na que a acción ocorre nun espazo aberto (habitualmente, Christie emprega como espazo da acción unha mansión, un hotel, unha residencia...), pero podemos observar a maña da autora coa que nos encherá do máis inmersivo misterio, prohibíndonos deixar o libro de lado. Como é común, Christie mantén a sospeita até a última páxina, e Poirot vólvenos sorprender co seu inxenio característico referente ás dúbidas  sobre  personaxes que, aínda sendo moi secundarios na acción, gozan de vida, así como sucesos para os que soamente mentes hábiles encontran sentido. As interaccións entre o icónico detective e Hastings, o seu acompañante, volven plagadas de carisma e comedia, obrigando un sorriso do lector nostálxico dende as primeiras páxinas. Opino que Christie presenta, con esta novela, o seu verdadeiro potencial como escritora, capaz de construír unha boa trama pese a afastarse do habitual.
                                                               C. P.  Bacharelato Adultos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario